Temas: ANA PONTóN BNG

O BNG, coa "República da Galiza" como horizonte, propón votar aos 16 anos e referendos

As "bases democráticas" do BNG tamén expoñen unha renda social básica e "revogar" cargos electos implicados en casos de corrupción

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2017 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

As "bases democráticas" do BNG, que a formación equipara "en calado político" coas "Bases Constitucionais Galegas de 1977", incorporan unha serie de propostas como establecer a idade de voto nos 16 anos, a posibilidade de realizar referendos vinculantes se o pide o 3 por cento do censo electoral e tamén que se poida "revogar" a cargos electos implicados en situacións de corrupción.

Ana Pontón
Ana Pontón | Fonte: Europa Press

No documento, o BNG preséntase como unha forza que "ten lexitimamente como horizonte estratéxico un Estado galego soberano, a República da Galiza" e apela ao conxunto da sociedade galega "para asumir compartidamente que a nación galega pode e debe exercer os dereitos que colectivamente lle corresponden".

En consecuencia, apunta que pode "iniciar xa o camiño para acceder a un novo marco político-institucional que garanta o dereito a decidir" sobre os asuntos relevantes para Galicia e "sente as bases para o progreso e benestar do pobo galego".

Antes do acto de presentación destas bases, que terá lugar este sábado, o BNG avanzou un contido encamiñado a que Galicia "sexa protagonista e non mera espectadora neste momento político excepcional" no que "quedar parado é retroceder".

Como xa avanzara a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, con estas bases, o Bloque aspira a "superar o actual marco da Constitución e do Estatuto, finiquitar un réxime do 78 esgotado e fracasado, e dotarse das ferramentas necesarias para dar aos galegos unha vida mellor".

"Máis aló da política do medo e da represión é evidente que, si ou si, algo se vai a mover no Estado español", destacou Pontón nun comunicado remitido polo BNG, no que subliña que, "ante este momento histórico", o Bloque responde "cunha proposta política de calado" para "superar o actual marco institucional e iniciar un novo proceso constituínte que permita a Galicia camiñar sen lastres".

"A opción non é quedar a ver que pasa porque, se quedamos quietos, retrocederemos como país e o BNG non vai permitir que iso pase", advertiu.

"ALDRAXE BIS"

As "bases democráticas", que serán presentadas nun acto que congregará en Santiago a máis de medio milleiro de responsables políticos e militantes nacionalistas, pretende ser "o arranque dun debate sereno con toda a sociedade galega, co resto das forzas políticas, con colectivos económicos, sindicais, sociais e culturais" para sacar adiante "unha proposta que beneficie a Galicia".

"Galicia non pode baixarse do tren das nacións, non podemos permitir un escenario no que os demais avanzan mentres este país retrocede, porque iso significa perder oportunidades nunha especie de 'aldraxe bis' que só agudizará os nosos problemas", subliña Pontón, quen incide en que esta proposta política é o punto de partida para que Galicia "sexa unha terra das oportunidades na que ninguén quede atrás".

REFERENDOS E OUTROS CONTIDOS

As "bases democráticas" do BNG subliñan que Galicia é "unha nación onde a soberanía reside no pobo galego, que dispón de pleno autogoberno e con todas as ferramentas no político, no económico e no xudicial".

Así, expón fixar a idade de voto nos 16 anos, a posibilidade de realizar referendos vinculantes se o pide o 3 por cento do censo electoral e tamén que se poida revogar a cargos públicos electos implicados en casos de corrupción.

Igualmente, pretende regular por lei a participación e representación paritaria e fixar garantías constitucionais ao exercicio dos dereitos sexuais e reprodutivos, singularmente o da muller a decidir libremente sobre o seu corpo. Así mesmo, expón que quede recoñecido por lei "o dereito das mulleres a unha vida sen violencia de xénero".

RENDA SOCIAL E XESTIÓN DIRECTA DA SEGURIDADE SOCIAL

No ámbito dos dereitos laborais e sociais, o BNG propón a implantación dunha renda social básica que garanta unhas condicións de vida "dignas", unha carta de dereitos sociais avanzada para o conxunto da cidadanía e a "xestión directa" da Seguridade Social, así como "garantía das pensións de xubilación por parte dos poderes públicos".

Tamén inclúe a "blindaxe dos servizos públicos, en particular, saúde, educación e servizos sociais".

En materia económica e de emprego, o BNG reivindica unha facenda galega con "unha política fiscal e financeira propia", decisión "plena" para desenvolver os sectores produtivos e xestionar os recursos do país, unha banca pública galega "con plena capacidade normativa" sobre o sector financeiro que actúe en Galicia, unha tarifa eléctrica galega e capacidade para emitir débeda pública.

GALEGO, LINGUA VEHICULAR

Finalmente, as "bases democráticas" nacionalistas sitúan como "clave" o recoñecemento da lingua e doutros sinais de identidade en Galicia.

"O galego será o idioma vehicular no ensino e Galicia terá plena capacidade para lexislar e desenvolver o sistema educativo en todos os niveis en aras dun ensino público de calidade, laica e en galego", resolve o BNG.

Temas: ANA PONTóN BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 anonimo

O que está no horizonte é un país de vellos, que o vai ter moi crudo para pagar as pensións A cuestión non é que os poderes públicos " garanticen" as pensións, a cuestión é que é moi difícil garantizalas. .O BNG tenta, como sexa, ter presencia social todos os días. " Temos que ser portada cada día, ( polo menos en GC) pensan as mentes que dirixen a UPG, ou sexa o BNG". Temos que impactar, ainda que sexa decindo sempre o mesmo con diferentes verbas "

4 Enchufado

Até Bieto Lobeira andaba a anos luz deste rapaz.

3 Enchufado

Unha preguntiña: Quen puxo no palco a falar a ese de Galiza Nova? Para non saber nin ler un dicurso, sobraba. En verdade que non deron con outro liderciño un pouco máis capacitado? Até Bieto Lobeira andaba a anos luz deste rapaz.

2 anonimo

A única forza á esquerda que está actuando dunha forma intelixente e que está dicindo o que é probable que suceda. Nós coma sempre perderemos. Grazas Beiras. Aínda non te ficharon os cupaires? Non creo son moi listos e listas.

1 Berros galegos

Está claro que sabe que sólo con la mentalidad adolescente se puede votar a un engendro como el BNG

1 Antiberróns

Por iso o Imperio Español está deixando sen xente nova o noso país. Xusto os cachorros do PP que eses si que os colocan a pillar cacho