A capa de ozono recupérase en Galicia

Un informe de MeteoGalicia detalla a evolución da concentración de ozono estratosférico en Galicia. Analizáronse datos recollidos por diferentes satélites ao longo do período 1978-2017. Ademais, realizouse unha análise da evolución do índice de radiación ultravioleta medido en superficie en catro estacións entre 2002 e 2017.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/09/2017 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

A análise da columna total de ozono en catro puntos de Galicia —zona montañosa dos Ancares e as estacións meteorolóxicas costeiras de Lourizán (Pontevedra), CIS-Ferrol e Pedro Murias (Mariña Lucense)— evidencia unha tendencia negativa ao longo do período 1978-1993 que supuxo unha diminución do 7 por cento da súa concentración na estratosfera. Porén, a partir do ano 1996 estase rexistrando unha recuperación gradual, actualmente do 2 porcento, que debería volver levar o ozono aos niveis previos á diminución a mediados deste século. Esta é a principal conclusión dun informe publicado por MeteoGalicia, titulado 'Climatología del Ozono estratosférico y de la Radiación Ultravioleta en Galicia', asinado por Marcos González Martínez.

Atmosfera terrestre
Atmosfera terrestre | Fonte: NASA.

No informe indentifícanse tres intervalos temporais nos que a tendencia do ozono estratosférico varía. No período 1978-1993 obsérvase que a concentración de ozono se reduce do 7 por cento en todas as estacións, un valor que é consistente co decrecemento estimado en latitudes medias pola Organización Meteorolóxica Mundial no seu informe de 1994 e marca o período de menor concentración de ozono de toda a serie temporal. 

Entre os anos 1996 e 2005 obsérvase que todas as localidades rexistran un aumento da columna total de ozono; isto tradúcese nunha recuperación do 2 por cento en todas as localidades.

Finalmente, dende o ano 2005 séguese rexistrando unha recuperación dos niveis de ozono, aínda que non é tan marcada como no período anterior.

Este resultado é de particular relevancia porque demostra, segundo este estudo, a eficacia das medidas establecidas polo Protocolo de Montreal sobre a redución de substancias que afectan a capa de ozono. 

O estudo climático permitiu caracterizar o ciclo anual do ozono en Galicia, que presenta valores medios máximos en maio, mínimos en novembro e unha oscilación estacional media no rango de 75 DU (unidade Dobson, para expresar a cantidade presente de ozono na estratosfera). A análise do índice de radiación ultravioleta evidenciou a súa forte dependencia da elevación solar e da cuberta nubosa, por iso, saliéntase, Galicia adoita ser, xunto co litoral cantábrico, unha das zonas da Península Ibérica que menos radiación ultravioleta recibe ao longo do ano

As zonas de montaña interior son as que maior radiación reciben, debido tamén á maior altitude, mentres que as da mariña lucense rexistran os valores máis baixos debido á presenza de nubes, especialmente nos meses estivais. Malia isto, se rexistraron valores de índice ultravioleta clasificados como altos xa a partir do mes de marzo e moi altos a partir de abril en todas as estacións. Puntualmente, rexistráronse mesmo valores extremos.

Ao respecto, o autor do informe lembra a importancia de adoptar medidas de protección fronte á radiación ultravioleta por parte da poboación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 nandiño

Se pecharan a térmica das Pontes, ainda se recuperaría máis

1 Anônimo

Concordo. Bem poderiam substitui-la por ũa solar.