O Lugo asalta o Miniestadi

O equipo lucense gaña 1-2 ao Barça B tras remontar cun gol de Iriome no minuto 90, suma a terceira vitoria consecutiva e pega un salto na clasificación, sétimo con 10 puntos. O vindeiro domingo, o Tenerife no Anxo Carro.

Por gcdeportes | Lugo | 25/09/2017 | Actualizada ás 23:51

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
FC Barcelona B 1:
Ezkieta; David Costas, Fali, Martínez (Carles Pérez, 62’), Cucurella; Busquets, Vitinho (Cuenca, 62’), De Galarreta; Aleñá, Choco Lozano (Abel Ruiz, 87’) e Arnáiz.
CD Lugo 2: Juan Carlos; Campadabal, Bernardo Cruz, Ignasi Miquel, Luis Ruiz; Seoane, Ramón Azeez; Iriome, Campillo, Fede Vico (Nico Albarracín, 85’) e Polaco Fydriszewski (Christian Herrera, 77’).
Goles: 1-0: Aleñá (minuto 32). 1-1: Ramón Azeez (44’). 1-2: Iriome (minuto 90).
Árbitro: Díaz de Mera (castelán). Amarelas a Lozano (29’) nos locais e a Fede Vico (42’), Bernardo Cruz (57’) e Fydriszewski (69’) nos lucenses.
Incidencias: partido da 6ª xornada de Segunda División disputado no Miniestadi ante 1.963 espectadores.

Iriome celebra o gol da vitoria no Miniestadi.
Iriome celebra o gol da vitoria no Miniestadi. | Fonte: lfp.es

Un novo gol de Iriome na recta final do partido, como ante o Zaragoza, serviu o Lugo para sumar no Miniestadi ante o Barça B a terceira vitoria consecutiva (1-2). Foi decisivo o tanto de Ramón Azeez xusto antes do descanso, para igualar o tanto inicial de Aleñá, e Iriome deulle a volta ao marcador sobre a bucina. Tres puntos que propician o salto na táboa dos lucenses, sétimos con 10 puntos: un punto nas tres primeiras xornadas, nove de nove nas tres últimas. E terceiro gol de Iriome que vale tres puntos: Albacete, Zaragoza e Barça B. O Tenerife (domingo ás 18.00h), vindeiro rival no Anxo Carro.

O filial azulgrana foi mellor antes do descanso, pero o Lugo foi de menos a máis e acabou sendo superior nun segundo tempo no que mereceu a vitoria. No arrinque, Fydriszewski e Fede Vico tiveron senllos remates coa testa que saíron desviados, pero o filial azulgrana mandaba coa posesión e chegaba arreo á área de Juan Carlos, que evitou dous goles claros a remates de Fali e Arnáiz. No minuto 32 chegou o 1-0 tras unha xogada pola esquerda e o remate de Aleñá, que tivo tempo para preparar o disparo, dende o bordo da área. E Juan Carlos, de novo, evitou o segundo de Arnáiz. Cando semellaba que o marcador non se movería antes do descanso, xogada pola esquerda de Fede Vico e centro preciso para que Azeez rematase a pracer coa testa na área pequena: 1-1 ao descanso.

Trala reanudación, o equipo de Francisco mellorou o seu rendemento e pasou a dominar o choque. As ocasións multiplicáronse na área local: xogada de Iriome pola dereita, centro para o remate coa testa de Azeez que sacou un defensa baixo paus, e Fali que evitou o remate do Polaco Fydriszewski. O Lugo cada vez estaba máis cómodo sobre o campo, e avisou con dous disparos potentes de Fede Vico e Campabadal que detivo Ezkieta. No minuto 90, córner dende a dereita e remate coa testa de Iriome no primeiro pau que se coa en parábola na meta azulgrana. 1-2 e vitoria lucense de prestixio no Miniestadi.

O gol de Ramón Azeez, xusto antes do descanso, decisivo no triunfo lucense.
O gol de Ramón Azeez, xusto antes do descanso, decisivo no triunfo lucense. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta