O Pergamiño Vindel chega este martes a Vigo, onde quedará depositado e aclimatarase antes da súa exposición

A mostra será inaugurada o 10 de outubro polo rei emérito Juan Carlos I pero tamén "se poderá facer algún tipo de visita previa"

| 26/09/2017 | Actualizada ás 13:26 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Pergamiño Vindel, un manuscrito con sete 'cantigas de amigo' de Martín Códax, chegará este martes á cidade de Vigo, onde quedará depositado e pasará dous días aclimatándose antes de protagonizar no Museo do Mar de Galicia a exposición 'Un tesouro en sete cantigas', que será inaugurada polo rei emérito Juan Carlos I o próximo 10 de outubro.

Pergamiño Vindel
Pergamiño Vindel | Fonte: Europa Press

Uns 800 anos despois da súa creación, o documento regresa ao seu lugar de orixe no medio dun importante dispositivo de seguridade e conservación, así como entre diversas medidas adoptadas para o seu apropiado transporte, no que participa unha brigada da Policía Nacional especializada no traslado de obras de arte.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, manifestou este martes nun acto en Santiago que o Morgan Library&Museum de Nova York --propietario do documento-- insistiu "moito en que non se dean datos concretos" sobre o transporte, "por cuestións de seguridade vinculadas a esta obra".

A entidade estadounidense fixo entrega do Pergamiño Vindel á Universidade de Vigo o pasado venres, e esta semana iniciouse o seu traslado ata a cidade olívica, co fin de dalo a coñecer ao gran público e pór en valor a súa importancia histórica durante a exposición. "Que, dalgunha maneira, todos esteamos orgullosos do rico pasado da nosa cultura", destacou Rodríguez.

Aínda que a exposición inaugurarase o próximo día 10 de outubro e permanecerá aberta ata marzo de 2018, o conselleiro avanzou que "se poderá facer algún tipo de visita previa". Así mesmo, este acontecemento cultural, que definiu como "o máis importante de Galicia en 2017 e parte do 2018", contará con actividades paralelas tanto culturais como educativas.

"Debemos estar orgullosos de poder organizar unha exposición deste tipo, no que dúas institucións, Xunta e Universidade de Vigo, xuntamos esforzos para pór en común un proxecto cooperativo que vai posibilitar o logro e posta en marcha desta exposición en Vigo", finalizou. Unha vez concluída a exposición, o documento regresará ao Morgan Library&Museum.

"UN ORGULLO"

Cuestionado acerca da posibilidade de que este documento puidese ser reclamado para Galicia, Rodríguez apuntou que "cando alguén quere comprar, primeiro hai que saber se alguén quere vender". "E estrañaríame moito que quixese vender este documento", remarcou, antes de subliñar que o que o Morgan o teña na súa colección "tamén é un orgullo".

"Simplemente tendo en conta o lugar no que está depositado, compartindo protagonismo con pezas fundamentais da cultura universal, como partituras de Motzart ou a primeira Biblia de Gutenberg, fainos ser conscientes da importancia que ten este pergamiño non só para Galicia senón para o conxunto da cultura europea e mundial", recalcou.

Nesta mesma liña, insistiu en que o manuscrito é "unha das grandes xoias culturais e patrimoniais de Galicia", por ser "un dos documentos fundacionais da cultura galega, onde por primeira vez --hai-- unha dicción culta da lingua" galego-portuguesa. "Temos unha serie de elementos que fan que esta sexa unha xoia bibliográfica única", sentenciou.

UN DOCUMENTO "ÚNICO"

Para acoller estas 'cantigas' en Vigo, tivo que ser reformada e acondicionada unha sala do Museo do Mar de Galicia para cumprir os requisitos de seguridade e conservación esixidos polo Morgan. En concreto, a institución que acolle o documento debe garantir unha correcta "temperatura, humidade e seguridade", e o seu "apropiado" transporte.

O xefe de manuscritos medievais e do renacemento do Morgan Library&Museum, Roger S. Wieck, destacou previamente á entrega temporal do pergamiño que, "cando a petición veu desde Vigo, dalgunha maneira tocou --os seus-- corazóns, porque --pensaron-- que será moi especial permitir que este manuscrito único volva ao lugar do que procede".

Acerca da historia do Pergamiño Vindel, o portavoz do Morgan remarcou que "só hai dúas 'cantigas' manuscritas do século XIII que sobreviviron coa súa música" e por iso o descubrimento deste documento revolucionou "o mundo medieval, o mundo musical e o mundo da poesía".

"Son cancións preciosas, non relixiosas, na voz dunha muller que sofre polo seu amante, que está ausente, viaxando ou é distinto dela", explicou sobre o contido das 'cantigas', acerca das que chamou a atención pola súa "marabillosa música secular, poesía secular, a lingua galego-portuguesa e a cultura na historia de Galicia".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta