O famoso fotoxornalista Gervasio Sánchez expón en Galicia

Farao a través da exposición fotográfica «Vida», que se poderá visitar en Compostela do 5 de outubro ao 7 de xaneiro, e o obradoiro sobre fotoxornalismo «A dignidade é o que importa» que impartirá o propio Sánchez os días 6, 7 e 8 de outubro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/09/2017 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

Afundación presenta na súa sede de Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19) a obra do recoñecido xornalista e fotógrafo Gervasio Sánchez a través da exposición «Vida». Trátase dunha selección de 68 fotografías, a maioría delas inéditas, que amosan o triunfo da vida sobre a traxedia da guerra e a violencia. Esta mostra aspira a presentar unha nova visión da obra de Sánchez, baseada na forza visual e a riqueza comunicativa das súas imaxes, as cales pretenden ilustrar como a vida se nega a ser aniquilada no medio das ruínas da guerra. Sánchez convértese así nun fotógrafo que desenvolve o seu labor xornalístico documentando os conflitos con rigor, pero sen caer no sensacionalismo nin a frivolización, antepoñendo sempre a dignidade das vítimas. Gervasio Sánchez é, en palabras de Gerardo Mosquera, «Un reporteiro de vida, do triunfo da vida sobre a violencia destrutora. Esta visión enfoca todo o seu traballo e é o gran eixe temático desta mostra». 

Foto de Gervasio Sánchez feita por Diego Sánchez
Foto de Gervasio Sánchez feita por Diego Sánchez

A exposición «Vida» chega por primeira vez a Galicia tras ser presentada en Madrid a comezos deste ano e poderase visitar na sede compostelá de Afundación do 5 de outubro ao 7 de xaneiro.  

OBRADOIRO «A DIGNIDADE É O QUE IMPORTA»

No marco desta exposición, Gervasio Sánchez ofrecerá, ademais, un obradoiro sobre a fotografía de conflito e a evolución da prensa na mesma sede os días 6, 7 e 8 do vindeiro mes de outubro. Baixo o título «A dignidade é o que importa», Sánchez disertará sobre o papel que desempeñan xornalistas e fotógrafos nos conflitos, e farao mediante un percorrido pola súa obra como fotoxornalista, que comeza na década dos oitenta e inclúe reportaxes fotográficas realizadas en conflitos bélicos como o de Saraxevo, Serra Leoa e Afganistán, ou sobre as consecuencias das minas antipersoa en Angola ou a traxedia dos nenos da guerra. En cada xornada, os participantes poderán mostrar tamén o seu traballo fotográfico e compartir as súas experiencias. Dirixido a xornalistas, fotógrafos de prensa, estudantes e afeccionados á fotografía ou a persoas con inquedanzas sociais, as inscricións pódense realizar a partir de mañá xoves 27 de xullo e ata o 3 de outubro na web Ataquilla.com.

O FOTOXORNALISTA GERVASIO SÁNCHEZ

Gervasio Sánchez é xornalista desde 1984. Os seus traballos publícanse no Heraldo de Aragón e La Vanguardia, e colabora coa cadea SER e a BBC. É autor de varios libros fotográficos, entre eles Kosovo, Niños de la guerra, Sierra Leona. Guerra y paz, La caravana de la muerte. Las víctimas de Pinochet, Latidos del tiempo, Vidas minadas, Desaparecidos/Víctimas del olvido, Mujeres e Sarajevo 1992-2008.

Sánchez foi galardoado con diversos premios como o Cirilo Rodríguez, Club Internacional de Prensa, Andalucía de Cultura, Dereitos Humanos de Xornalismo ou Liber Press, entre outros, ata chegar a conseguir en 2009 o Premio Nacional de Fotografía. En abril de 2011 recibiu o Premio Internacional Julio Anguita Parrado por «a súa independencia, a súa excelencia xornalística e por ser capaz de manter unha clara conciencia cívica e un permanente compromiso cívico». En maio de 2011 recibiu a Gran Cruz da Orde Civil da Solidariedade Social. Ademais, é enviado especial pola paz da UNESCO desde 1998.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta