Temas: ARTE FOTOGRAFíA

Fotógrafos e artistas de Galicia unen forzas

A Asociación da Fotografía Galega e a Asociación Profesional de Artistas de Galicia asinan un convenio de colaboración.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/09/2017 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

A FOG (Asociación da Fotografía Galega) e A Colectiva (Asociación Profesional de Artistas de Galicia) preséntanse oficialmente nun acto conxunto este mércores 27 de setembro, a partir das 19.00 horas, na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Failde (Avenida da Universidade, 18, Ourense). O acto contará coa presenza de varios membros das respectivas xuntas directivas e nel farase a sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas asociacións. Con este convenio de colaboración "queda manifestada a clara vontade de colaboración" entre estas dúas asociacións, informa a FOG,

Primeira reunión da FOG - Asociación da Fotografía Galega, na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Failde de Ourense
Primeira reunión da FOG - Asociación da Fotografía Galega, na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Failde de Ourense | Fonte: FOG.

A Asociación da Fotografía Galega (FOG), constituída o pasado mes de xaneiro de 2017, nace co obxectivo de visibilizar, debater e solucionar os moitos problemas que ten o sector. Busca representar os intereses dos fotógrafos nos foros nos que se tomen decisións que afectan o sector da fotografía, e tamén fomentar a solidariedade das persoas afiliadas mediante a promoción e creación de servizos comúns de natureza asistencial.

A FOG pretende representar a todas e a todos os axentes da fotografía en Galicia e quere sensibilizar a organismos e entidades da administración, e tamén a sociedade en xeral, sobre a importancia cultural, social e económica do sector da fotografía.

A asociación de fotógrafos ten como prioridade defender os dereitos dos profesionais conforme ás leis, convenios e tratados internacionais, priorizando a erradicación das condicións de ilegalidade, e mesmo clandestinidade, que aínda rexen algunhas relacións profesionais no sector. Un traballo que tamén busca mudar a conciencia social dos propios fotógrafos neste eido.

Pola súa banda, A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia, creouse en 2016 para establecer e dar forma xurídica a unha plataforma que represente e defenda os intereses económicos, sociais, profesionais e culturais compartidos polos artistas visuais vinculados a Galicia (sexan ou non membros da asociación), así como para a promoción xeral da Arte Contemporánea.

Dacordo cos seus fins e os que puidesen ser compartidos por outras iniciativas asociativas, A Colectiva vén establecendo vínculos con asociacións de artistas a nivel do Estado (UNION) e europeo (IAA), e traballa na sinatura de convenios con outras entidades coma a propia Asociación da Fotografía Galega (FOG).

Polo momento, A Colectiva ten tramitado (a través da UNION e IAA) carnets profesionais de artista, ten colaborado na organización dun congreso sobre Asociacionismo no ámbito das Artes Plásticas (MAC, A Coruña, abril 2017) e ten promovido diversas iniciativas de reivindicación das boas prácticas no sector (incluíndo a convocatoria do “Velorio pola cultura” que tivo lugar diante do Museo MARCO de Vigo o 31 de marzo de 2017).

Temas: ARTE FOTOGRAFíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta