Como recuperar os nomes e apelidos castelanizados

A II Xornada de onomástica galega aborda os aspectos legais, sociais e lingüísticos da onomástica.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 28/09/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Os procedementos para restituír os nomes e apelidos deturpados, a continuidade e variación na transmisión dalgúns apelidos galegos, os criterios para a restitución das formas normalizadas ou a normalización da antroponimia desde os centros educativos son algunhas das cuestións que abordará un congreso sobre onomástica e no que participarán especialistas procedentes do mundo xudicial, a filoloxía, a normalización lingüística e o ensino.

Baixo o lema Celebremos a Nosa Identidade, PuntoGal conmemorou a festa do 25 de xullo de 2016 co lanzamento dun Documento Galego de Identidade. Na imaxe o modelo de Rosalía de Castro
Baixo o lema Celebremos a Nosa Identidade, PuntoGal conmemorou a festa do 25 de xullo de 2016 co lanzamento dun Documento Galego de Identidade. Na imaxe o modelo de Rosalía de Castro | Fonte: dominio.gal

Será este sábado en Pontevedra, na II Xornada de onomástica galega, que baixo o título Os nomes e apelidos: aspectos legais sociais e lingüísticos, abordará a situación dos nomes e apelidos galegos. A Real Academia Galega organiza o programa, coordinado polas académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez, coa colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, que acollerá as sesións no Edificio Sexto. A entrada é libre.

O programa arrincará ás 10 da mañá coa sesión titulada “Aspectos legais: a onomástica persoal no Rexistro Civil e os procedementos para restituír a forma estandarizada. Datos, problemas e solucións”, a cargo da avogada do Estado Consuelo Castro Rei e da maxistrada do xulgado nº1 de Caldas Encarna Dasi Dorelle.

Os aspectos lingüísticos serán abordados a partir das 12 horas por Ana Boullón e Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente. A coordinadora da xornada falará do proxecto do Dicionario dos apelidos galegos e a restitución das formas galegas, con propostas para o seu tratamento, e Gonzalo Navaza, da continuidade e da variación na transmisión dalgúns apelidos.

O programa retomarase pola tarde coas achegas de Anxos Sobriño, presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e Valentina Formoso, profesora do IES Félix Muriel de Rianxo, que se centrarán en estratexias para a difusión social das formas estandarizadas. Anxos Sobriño presentará unha proposta de campaña desde a Administración de xustiza para recuperarmos a nosa onomástica e Valentina Formoso dedicará a súa intervención ao traballo de normalización da antroponimia desde os centros educativos.

A xornada concluirá cunha mesa redonda sobre os nomes propios  na ficción literaria e audiovisual, moderada pola xornalista Marga Pazos, que contará co novelista e académico correspondente Xosé María Lema e os guionistas Xosé Castro Pato e Araceli Gonda.

Temas: GALEGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta