“A recuperación é benvida, pero non é suficiente para impulsar o desenvolvemento económico”

Mª del Carmen Guisán Seijas, catedrática de Econometría da Universidade de Santiago, alerta de que "a produción industrial por habitante non está experimentando a necesaria converxencia cara a niveis de rexións e países máis avanzados".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/09/2017 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

Os datos macroeconómicos actuais mostran que a economía galega está crecendo tras unha profunda crise. Con todo, este auxe é insuficiente para recuperar o perdido e achegarse aos niveis das rexións españolas e europeas con maior nivel de desenvolvemento industrial. Esta é a advertencia que lanza Mª del Carmen Guisán Seijas, catedrática de Econometría da Universidade de Santiago.

Produción industrial.
Produción industrial.

"No período 2007-2013 a economía de Galicia e de España experimentou unha diminución de produción e emprego seguida dunha lixeira recuperación no período 2014-2017. Esta recuperación é benvida pero non é suficiente para impulsar o desenvolvemento económico, porque a produción industrial por habitante non está experimentando a necesaria converxencia cara a niveis de rexións e países máis avanzados", explica Guisán nun artigo titulado 'A economía de Galicia e España en 2007-2017: dez anos de crise e recuperación", publicado na Revista Galega de Economía . Neste, a catedrática analiza o papel da industria, o turismo e o capital humano no desenvolvemento de Galicia.

Guisán subliña que para impulsar o crecemento simultáneo da renda real por habitante e do nivel de emprego, Galicia precisa dun "incremento importante da renda real producida nos sectores industriais"

A catedrática lembra que o país experimentou no período 1996-2008 un incremento importante da renda per cápita industrial, ata acadar a converxencia coa media española, pero experimentou un estancamento, como o conxunto de España, no período 2008-2015, lonxe dos niveis acadado polas rexións españolas e europeas de maior nivel de desenvolvemento industrial.

Cos datos na man, salienta que "un dos principais retos da economía galega é aumentar asemade a renda real por habitante e o nivel de emprego, e así evitar a emigración forzosa dos seus recursos de capital humano (titulados de diversas cualificacións e expertos en I+D) mediante a creación dun número suficiente de empregos".

Así, estima que "o desenvolvemento industrial favorecerá sen dúbida que se poida acadar este obxectivo e, ao mesmo tempo, xerar un incremento do salario real medio e da renda real per cápita de todos os sectores produtivos".

Para Guisán, o desenvolvemento industrial para Galicia é clave para o progreso do país. A análise da evolución da economía galega no período 2007-2017 permite observar que "logo de acadar a converxencia coa media española en produción industrial por habitante, débese procurar acadar niveis maiores, propios das rexións máis industrializadas de España ou de Europa, co obxecto de xerar un desenvolvemento suficiente da renda e do emprego nos sectores de servizos".

Considera ademais fundamental o impulso ás actividades de educación e I+D, que "se debe dirixir tanto ao aumento da calidade de vida (saúde, medioambiente, etc.) como ao incremento da renda e do emprego".

Por último, nas súas conclusións tamén recalca como vital "potenciar a participación de Galicia no conxunto do turismo de España, especialmente en determinados segmentos de turismo que demandan factores dispoñibles en Galicia (paisaxe, clima suave, arte, cultura, etc.)".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta