“Creo no dereito a decidir, pero o referendo non ten as mellores condicións para fundamentar a independencia”

O alcalde da Coruña argumenta que tanto Galicia como Cataluña teñen dereito a decidir o seu futuro, pero mostra dúbidas sobre as consecuencias do referendo deste domingo. Nesta entrevista, Xulio Ferreiro di ser “bastante autocrítico” e sitúa a necesidade de “facer concesións” ao resto de grupos como un dos aspectos a mellorar. A polémica coa Voz sobre o cárcere, a lea en En Marea e o duplo papel que está a xogar Beatriz Mato son outros dos temas desta conversa.

Por Manuel Vilas | A Coruña | 29/09/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Despois das difíciles negociacións para os orzamentos deste ano. Como están as relacións co PSOE da Coruña?

Cárcere da Torre na Coruña
Cárcere da Torre na Coruña

Eu son optimista porque así invitan as declaracións do voceiro socialista. Fomos quen de reconducir a situación. As canles de diálogo están abertas. Despois dos desencontros dos últimos anos, a confianza hai que cuidala.

Como cre que van afectar as primarias do PSdeG na relación co PSOE da Coruña?

A experiencia é que a situación interna do partido socialista sempre acaba influíndo, o que é normal, comprensible. Non sei até que punto as primarias estatais e a vitoria de Pedro Sánchez aquí na Coruña foi unha mensaxe da militancia socialista para buscar vías de entendemento. Supoño que haberá múltiples factores. A cuestión de confianza de principios de ano marcou un punto de inflexión ao visualizarse que non había unha alternativa real ao noso goberno. Polo tanto, todos os actores asumimos o escenario e nós asumimos tamén a necesidade de facer esforzos, de diálogo, e polo tanto facer concesións. Tamén no grupo socialista houbo unha intención clara de mudar o estado das cousas.

A semana pasada Martiño Noriega queixábase das declaracións do presidente da Xunta, que sempre fala de que as cidades que gobernan as mareas están “paralizadas”. Con que datos lle respondería vostede a Alberto Núñez Feijóo?

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña
Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña

Os datos fíxoos públicos a semana pasada o ministerio de Facenda [o alcalde colle un dossier da súa mesa]. A Coruña é a cidade de Galicia que máis investimento ten. Isto o di unha fonte pouco sospeitosa de favoritismo co noso goberno. Podemos falar de execución orzamentaria, que é outro dos datos que normalmente se fala. A día 8 de setembro, a execución era do 45.5%, a mesma que había o mesmo día de 2014, con goberno do PPdeG con maioría absoluta e con orzamentos aprobados o 1 de xaneiro, hai que ter en conta que a nosa execución sempre estivo condicionada pola aprobación tardía dos nosos orzamentos. Pero ademais este nivel de execución é significativamente superior ao que se acadou a día 8 de setembro de 2011, 12, 15 e 16; e supera en catro puntos a media do anterior mandato [cando gobernada o PP]. Estes son os datos. Si buscamos cidades que teñan problemas de gobernanza serios, o señor Feijóo non ten máis que fixarse na única cidade de Galicia que goberna o PP, Ourense, que xa non é que non aprobara o orzamento este ano, ou o pasado, non ten orzamentos dende 2014. O presidente da Xunta leva facendo campaña para as eleccións locais dende que foi reelixido presidente. 

Falando de Feijóo, hai nada dixo que non prevía unha crise de goberno antes das eleccións municipais. Isto implica que Beatriz Mato será conselleira ao mesmo tempo que candidata do PPdeG a alcaldesa da Coruña. Como valora esta posibilidade?

Chamoume a atención que un xoves as 11 da mañá a conselleira de Medio Ambiente este repartindo propaganda preelectoral na cidade. Así non me extraña todos os problemas que está a ter na Consellería estes últimos meses: o exceso de cupo de visitantes nas Cíes, a planta de Santa Icía, sobre cuxos problemas a conselleira parece que non era moi consciente. Cando un se centra en campaña electoral, é evidente que desatende o seu traballo. Eu sei o que é preparar unhas eleccións municipais e iso require unha adicación. Cando un está a diario, en horas de traballo, facendo todo isto, non está centrado no que ten que estar. 

Dades por suposto daquela que Mato será a candidata do PP?

Non o sei, o que si sei é que como presidenta do PP da Coruña se dedica a isto.

Cambiando de tema, falemos de urbanismo. Vostedes en campaña electoral prometeron que, extinguida a concesión do Hotel Atlántico, ían a promover aló unha residencia universitaria. Así e todo agora falan de que pode ser que a nova concesión manteña o uso hoteleiro do edificio …

Fixemos unha proposta durante a campaña electoral porque había un problema na Coruña, que era a única cidade de Galicia que non tiña unha residencia universitaria. A Universidade durante estes dous anos, grazas a Deputación e ao Concello, solventouno e agora si hai unha residencia. As necesidades mudan, non estamos na mesma situación hoxe que no ano 2012 ou 2015. Por outra banda, o plano estratéxico de turismo que elaboramos durante este ano di que A Coruña non anda sobrada precisamente de prazas hoteleiras. O crecemento de turistas na Coruña é importante.O verán anterior e este chegamos ao 100 por 100 de ocupación de prazas hoteleiras, co cal seguramente tampouco sexa bo reducir as prazas agora. En todo caso, logramos o avance é gañar dous anos na fin dunha concesión absolutamente deficitaria, a empresa concesionaria paga pola concesión da orde de 2.500 euros ao ano para sacar uns beneficios de máis de, lía o outro día, 800.000 euros. Rematar con esa situación antieconómica si parece importante. 

Daquela a nova concesión manterá o uso hoteleiro do edifico?

En principio, o plan é ese. Uso hoteleiro, aínda que algún espazo do edifico pode ter uso público.

Outra concesión da que se fala é do cárcere. La Voz de Galicia publicou unha serie de informacións na que acusaba ao Concello de entregar o uso dun espazo no vello cárcere a un colectivo, Proxecto Cárcere, no que dixo participaban concelleiros e cargos do seu goberno. Vostedes reaccionaron facendo algo inusual na vida política galega, esixindo formalmente a La Voz unha rectificación das súas informacións. Por que deron este paso ao fronte?

Porque se cometeron unha serie de inexactitudes na noticia. O dereito de rectificación é un dereito constitucional que todos temos. 

Pero non é o común que un Concello dea este paso formal e publicamente …

Non é a primeira vez que esiximos a un medio de comunicación que rectifique unha noticia que era inexacta. Neste caso era un asunto de calado que estaba a por en dúbida a legalidade e a honorabilidade de moitos concelleiros deste goberno, informando dunha presunta relación que non era tal, era un tema que non podiamos deixar pasar porque ademais se fixo campaña nun momento dado estábase en perigo de danar o propio proxecto, que en si é interesante, de autoxestión. Efectivamente a entidade gañadora dese concurso levaba moitos anos pedindo que se usase ese espazo e todos os partidos no seu momento apoiamos un proxecto deste tipo para o cárcere vello. Todo o mundo en época electoral se sacou fotos co proxecto cárcere.

O Concello dá por satisfeito o seu dereito de rectificación coa publicación parcial do seu comunicado na Voz ou vai dar o seguinte paso e levar o asunto aos tribunais?

Ao día seguinte se incluíu na prensa a nosa nota e a rectificación … Seguramente non é o nivel de cumprimento que a xurisprudencia solicita pero, ben, tampouco era cuestión de entrarmos nunha batalla xudicial.

Despois de publicar a rectificación, La Voz preguntouse se éticamente era correcto que se adxudicase ese espazo a unha asociación na que no pasado tiveran participado polo menos unha concelleira. Que lle respondería?

Eticamente, si. Houbo un concurso público con todas as garantías cun prazo para presentar ofertas de 45 días, cando por exemplo o prazo para presentar ofertas a unha obra de 50 millóns héai un prazo de 50 días. Houbo tempo e se deron charlas informativas sobre o concurso a todas as asociacións da cidade que se interesaron. Logo a valoración foi a nivel técnico, foron as funcionarias do Concello da Coruña quen a fixeron. As bases do concurso efectivamente tiñan que ver cunha demanda histórica da cidade da Coruña, que teñen que ver con actividades culturais e de recuperación da memoria, en resume de autoxestión cidadá. O que se concede é a xestión do uso do espazo, nin sequera o uso exclusivo dese espazo, porque evidentemente a idea é que ese edificio poida ser usado por moitas entidades da cidade, e que haxa unha encargada de dinamizalo. Por certo, sen cobrar un peso, algo que tamén é importante. Hai concelleiros e concelleiras de todos os partidos que teñen afinidades con multitude de entidades do terceiro sector e iso nunca foi un problema. 

A Marea Atlańtica foi un dos polos de En Marea que expresou o seu descontento co xeito no que se organizou o liderado orgánico da confluencia. Coa vitoria do sector de Luís Villares no último plenario, superouse esta crise ou pechouse en falso?

Non o sei. Eu a verdade estou moi centrado no Concello da Coruña e na política local. Polo tanto a min o que me interesa é que En Marea sexa unha ferramenta útil para facer políticas transformadoras en favor da maioría social en Galicia. Gustaríame que iso se fixese cun nivel de consenso amplo e un nivel de participación amplo no propio espazo. Ben, agora queda aberto a cada un reflexionar se isto se está a dar ou non. 

Preocúpalle que as evidentes tensións en En Marea acaben afectando a vida local na Marea Atlańtica?

A nivel local, a Marea Atlántica é un lugar de convivencia moi amable. É unha experiencia política que foi novidosa e segue sendo. Esa nova política da que falabamos, un lugar de convivencia, de compañeirismo. Evidentemente, en todos os lugares hai tensións, pero polo de agora as imos solventando cun alto grao de compañeirismo e de solidariedade mutua.

Ese bo ambiente do que fala, anímao a repetir como candidato?

Ese bo ambiente xoga a favor, claro. Que todo o mundo na Marea Atlántica na Coruña estea implicado no proxecto … Haberá que ver se iso conduce a que a xente siga pensando que eu son o mellor candidato, ou non. Eu aí, como todos os candidatos, tería que pasar por un validación por parte do espazo político. 

Ben, polo de agora as enquisas que se van coñecendo a nivel local non dan malos resultados á Marea Atlántica …

A verdade é que un nunca está completamente satisfeito. Eu en xeral son bastante autocrítico. Sobre todo cando sairon as primeiras enquisas durante este mandato e con toda a prudencia foron marcando unha pauta … e as enquisas que nós manexamos a nivel interno mostran un escenario semellante … Ante isto un pensa que esa hostilidade e tensión que se vive en determinados lugares non está absolutamente contaxiada á cidade. Para unha parte da poboación si, eu non son alleo as críticas, hai xente que me para pola rúa e dime cousas, pero tamén veño agora dun acto moi bonito de apertura dun parque infantil na Praza da Tolerancia e aí o que un recibe é un feedback moi positivo da xente, de normalidade. O nivel de tensión que se vive no salón de plenos, ou cando un está ensimesmado nas páxinas de local ou  nos infornmativos locais pois non acaba de contaxiarse a cidade. a A cidade está entendendo, ou polo menos unha parte importante, a nosa labor. Isto non ten que facernos nin conformarnos nin baixar a garda, nin ser autocomplacentes. Eu tamén son consciente dos problemas que hai. 

Di que vostede é bastante autocrítico. Pois sinale en que deben mellorar …

Falabamos antes do entendemento cos outros grupos, en particular co partido socialista. Non digo que non se intentase antes. Claro que se intentou chegar a acordos. Foi difícil. Quizais debemos poñerlle máis atención, poñernos máis no lugar do outro. Iso é importante. Despois, aprender dos erros no dia a día, aínda que creo que non cometemos ningún erro grave, aínda que houbo decisións que eran mellorables, e se melloraron. Afinar no día a día das cousas.

Como percibe o conflito catalán. O alcalde da Coruña está de acordo co referendo convocado pola Generalitat?

A miña postura é clara. Eu creo no dereito a decidir, é un dereito democrático. Dende o Goberno de España, en particular dende o PP, a partir da aprobación do Estatut e do recurso ao Constitucional, foise metendo nunha esquina ao Parlament, que naquel ano 2006 o que dixera era que quería unha fórmula de convivencia diferente co resto do Estado, e o Estado negouse a calquera fórmula diferente ao status quo que había dende o 79. Iso foi colando ao Parlament e a sociedade catalá nunha posición cada vez máis complicada, onde o que se pedía era unha fórmula legal para poder exercitar ese dereito a decidir, lexítimo, e non se fixo. Eu interpreto o 1 de outubro como esa fórmula para expresar unha vontade, a vontade de decidir. 

Xa pero dende o punto de vista legal …

Dende o punto de vista de lexitimidade dese resultado para fundamentar unha declaración de independencia … non son as mellores condicións. Por iso creo que é boa calquera iniciativa que  pida, que esixa, pactar unhas regras. Fíxose en Canadá, fíxose hai uns anos no Reino Unido con Escocia, non acabo de entender porque no Estado español isto é un anatema e un non o poida propoñer se queira sen recibir acusacións grosas.

Di que os cataláns teñen dereito a decidir, téñeno tamén os galegos?

Por suposto. 

Pero debería ser dunha maneira pactada co Estado?

Nestes intres o que debería haber é unha reclamación para plantearnos vías políticas, que se manifestase esa vontade a expresar o dereito a decidir por parte do pobo galego. É certo que nos últimos lustros non se conseguiu nin sequera por parte do Parlamento de Galicia impulsar unha reforma estatutaria de certo calado, ou incluso culminar o traspaso de competencias do actual estatuto. Creo que evidentemente o marco teórico o hai, as condicións obxectivas tamén; falta que o pobo galego exprese nalgún intre a súa vontade de expresar o seu dereito a decidir. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 19 comentarios

10 Un calquera

Partindo de que considero que os cataláns deberían ter dereito a un referendo, o proces foi unha trapallada: unha carreira sen pes nin cabeza. Como se pode aprobar unha lei de transitoriedade antes de coñecer os resultados do referendo? Os procedementos seguidos no Parlament seguen dando esa imaxe de fuxida cara adiante sen reparar en nada. Non se establecen mínimos de participación e de aprobación para unha decisión fundamental na historia de Cataluña. As urnas opacas.... onde se viu? Os outros, os do goberno central, na súa liña: respetar as leis, si, pero despois deteñen persoas antes de cometer infracción ou delito, as forzas da orde actuarán con mesura e hoxe xa hai feridos nas cargas policiais, non se aplica o 155 (en teoría, porque na práctica...). Que sucederá a partir de hoxe?

9 Los amigos de mis amigos

Moi ben Iúlius superaches a proba da esquerda ruturista de promesas española. Cres sempre que non se exerza. Que lle encarguen a organización a Cidadanía Organizadora de Referendos SL ou a Cooperativa Referendista Cidadá SL que así sairía con garantias

8 Sesese

Ainda que os 'indepes" nunca foron maiorias cualificadas . Alguien debería explicar ao povo cales serían as consecuencias reais na economía das personas unha hipoteca rachadura do estado español. Como quedarían a Seguridade Social (con todo o que iso conleva) impostos, infraestructuras, xustiza, integración europea, defensa, etc etc. Porque so falase do divino e nada do humano.

1 Zocosdeouro

A resposta a tal análise (sen facelo, claro) foi "non sabedes o que decides", "somos totalmente dependentes", "vos vivides do estado" etc., etc. Os das Mareas, como o de enriba, son desos e tentan ocultalo: Ferreiro dixo hai tempo que deixaba o BNG porque tiña "diferenzas co partido, cando gañou soubemos as diferenzas->él non é independentista. En resumo, a mesaxe é: "Os galegos non valedes para mantervos por vós mesmos". Porén Galiza produce máis que Madrid, é máis que autosuficiente enerxéticamente, no agro, no pesqueiro, no forestal, tecnolóxicas etc. etc. Por qué será que unha zona deficitaria (Madrid) nos vai manter? De qué viven? Qué producen? Non será que teñen moito conto para roubar?

7 Adiante patriotas.

En Galicia tiña que haber un partido nacionalista serio e non o hai, xa sei que hai moitos, pero iso son frikis que non viven na realidade.

1 Dereita galega XA!!

Entendo que te refires a un partido "de dereitas", non? Se é ese o caso, estou consonte o que dis, bótase en falla. Non se pode abandoar a unha gran parte da pobación.

6 Anônimo

A minha opiniom sobre a situaçom atual da Catalunya: https://materiasdidaticosetraducoes...