Temas: CIG EDUCACIóN

Denuncian que a Xunta aínda non pagou os "raquíticos 300 euros" das axudas de normalización

CIG-Educación di que as subvencións son “totalmente irrisorias” e apenas cobren gastos anecdóticos “como o transporte en autobús para acudir a unha actividade normalizadora" nun centro educativo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/09/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

"A Xunta segue demostrando o seu desleixo coa lingua galega ao non aboarlles aos Equipos de Normalización Lingüística as xa de por si raquíticas axudas que lles corresponden do curso pasado". A CIG-Educación critica duramente á Consellería de Educación por non pagarlle os "raquíticos 300 euros" que lle corresponden aos Equipos de Normalización para realizar actividades que promovan o uso do galego entre a comunidade educativa. 

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com

"Cando xa levamos case un mes desde o inicio do curso escolar aínda non se aboaron as axudas que lles foron concedidas no pasado curso, superando incluso a data na que se fixo o aboamento noutras ocasións", denuncia nun comunicado. Así, lembra que a administración galega ten que cumprir o Plan de Normalización Lingüística e "poñer todos os recursos" ao alcance da comunidade educativa para promocionar o galego entre o alumnado. 

Con todo, critica que as cantidades que se destinan son “totalmente irrisorias” e apenas cobren gastos anecdóticos “como o transporte en autobús para acudir a unha actividade normalizadora”. “Malia que o Partido Popular alardea de que se está a producir unha recuperación económica, mantén o recorte nun 60% no orzamento destas axudas e non se digna a dotalas cunha cantidade que realmente permita programar actividades con algo de entidade”, engade.

Así mesmo, lembra para facilitar a planificación dos gastos que se van acometer, os Equipos de Normalización precisan que a convocatoria se publique a comezos de curso e que a resolución se faga, a máis tardar, no inicio do segundo trimestre. 

Temas: CIG EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta