Centro Oceanográfico de Vigo, cen anos ao servizo do mar

O centro do Instituto Español de Oceanografía (IEO) celebrou este xoves o seu aniversario. Autoridades de todas as administracións coincidiron en destacar a importancia do traballo da institución no acto conmemorativo do seu centenario

Por Galicia Confidencial | Vigo | 29/09/2017 | Actualizada ás 10:31

Comparte esta noticia

O acto comezou coa benvida de Isabel Riveiro Alarcón, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo, que actuou como condutora do acto. A investigadora deu a benvida ás autoridades e agradeceu o apoio institucional recibido ao longo de todo o ano que "permitiu realizar unha infinidade de actividades coas que puidemos achegar o noso traballo á sociedade", dixo para logo engadir: "É un ano moi intenso, de moito traballo, pero estamos a gozalo de verdade".

Acto de celebración do centenario do Centro Oceanográfico de Vigo
Acto de celebración do centenario do Centro Oceanográfico de Vigo | Fonte: IEO.

A continuación, presentouse o vídeo institucional do Centro Oceanográfico de Vigo a cargo da súa directora, Mª Vitoria Besada Montenegro, quen afirmou sentirse "moi orgullosa de representar, desde a dirección, a un centro de investigación que acumula 100 anos de traballo científico realizado por moitas xeracións de investigadores e técnicos de todas as disciplinas relacionadas co medio mariño". Ademais, aproveitou a ocasión para novamente agradecer ao Concello a concesión da Medalla de Ouro de Vigo e á Xunta a Medalla Castelao que "provocaron unha enorme satisfacción a todo o seu persoal e reflicten a posta en valor do servizo do Instituto Español de Oceanografía á sociedade".

Seguidamente interveu o director do Instituto Español de Oceanografía, Eduardo Balguerías Guerra, quen destacou a grande importancia que tivo o Centro Oceanográfico para Vigo desde a súa inauguración o 2 de setembro de 1917. 100 anos de "exemplo de traballo vocacional e dunha gran constancia" de todos os traballadores, que levaron o centro  á súa situación actual, "na que conta cun persoal de 120 persoas, máis de 60 proxectos de investigación en vigor, unhas magníficas instalacións en Cabo Estai e Beiramar, unha implantación social consolidada, e un recoñecemento indiscutible como referente internacional da investigación mariña".

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, puxo en valor que o Centro Oceanográfico de Vigo o dirixa unha muller e que haxa un gran número de mulleres investigadoras, o cal, recalcou, aínda non é moi frecuente. Durante o seu discurso destacou a importancia do IEO para Vigo: "Vigo e Galicia son mar e Vigo non se entenden sen o mar. Naceu do mar e é do mar".

A secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, destacou o máximo interese da Xunta de Galicia pola ciencia e a innovación, que xa está a dar os seus froitos. Tamén sinalou que o Centro Oceanográfico de Vigo e o IEO "son activos fundamentais da ciencia española. As súas actividades situaron a nosa I+D como todo un referente nalgúns ámbitos da investigación mariña".

Pola súa banda, o alcalde do Concello de Vigo, Abel Caballero Álvarez, sinalou que hai 100 anos un alcalde de Vigo pediu un centro de investigación para a pesca e 100 anos despois, outro alcalde de Vigo felicita a este centro por converterse nun referente en investigación mariña.

Por último, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras felicitar aos integrantes do Centro Oceanográfico de Vigo polo seu aniversario e a súa historia, destacou "a relevancia científica, social e económica deste centro, cuxa investigación se centra en temas que conciernen á sociedade como a pesca ou a acuicultura". E sinalou tamén que "grazas ao cal, as Administracións Públicas poden tomar decisións máis profundas no ámbito da pesca e as políticas mariñas".

O acto finalizou cunha actuación musical e un cóctel para todos os asistentes: traballadores do Centro Oceanográfico de Vigo e outros laboratorios do IEO, familiares, colegas doutras institucións, autoridades e xornalistas. Parte das actividades do Centenario contaron coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta