Outro tropezo en Balaídos

O Celta deixa escapar dous puntos na casa tras encaixar o 3-3 do Girona de novo a cinco minutos do final, como contra a Real Sociedade e o Xetafe. Os de Juan Carlos Unzué suman 8 puntos en sete xornadas antes do parón de seleccións.

Por gcdeportes | Vigo | 30/09/2017 | Actualizada ás 00:35

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Celta 3:
Rubén Blanco; Hugo Mallo (Cabral, 64’), Sergi Gómez, Fontás (Roncaglia, 57’), Jonny; Lobotka, Daniel Wass, Jozabed; Pione Sisto (Emre Mor, 71’), Iago Aspas e Maxi Gómez.
Girona 3: Iraizoz; Alcalá, Bernardo, Juanpe; Maffeo, Pere Pons, Aleix García (Douglas Luiz, 82’), Mojica; Borja García (Olunga, 73’), Portu e Stuani (Kayode, 68’).
Goles: 1-0: Pione Sisto (minuto 8). 1-1: Portu (9’). 1-2: Stuani (14’). 2-2: Maxi Gómez (15’). 3-2: Daniel Wass (75’). 3-3: Juanpe (85’).
Árbitro: González Fuertes (asturiano). Amarelas a Maxi Gómez e Emre Mor nos celestes e a Bernardo, Stuani e Juanpe nos cataláns.
Incidencias: partido da sétima xornada de Primeira División disputado no estadio municipal de Balaídos ante 16.126 espectadores. Maxi Gómez non poderá xogar o vindeiro partido tras recibir a quinta tarxeta amarela en Liga.

Ante a Real Sociedade, derrota no 88. Ante o Xetafe, empate no 86. E de novo, ante o Girona, empate no 85. Tres goles marcados, pero insuficientes para vencer na casa. Outro tropezo en Balaídos e dous puntos que voan do coliseo celeste. Daniel Wass marcou de falta no minuto 75, e semellaba que a vitoria estaba no peto, pero outro erro defensivo propiciou o 3-3 de Juanpe a cinco minutos do remate. En sete xornadas, tan só 8 puntos; cinco de 12 en Balaídos.

Foi un partido tolo no arrinque, con facilidades defensivas mutuas e intercambio de golpes. O Girona saiu ao ataque, sorprendeu os celestes e en cinco minutos tivo dous achegamentos. O Celta amosaba de novo fraxilidade defensiva, pero Pione Sisto fixo axiña o 1-0: Hugo Mallo conecta con Maxi Gómez, este abre para Wass e o centro do dinamarqués remátao Pione Sisto. A ledicia durou só un minuto: Rubén Blanco detivo unha de Stuani, pero Portu acadou o empate.
Minutos sen control. E no 14, Stuani, tras desaxuste defensivo celeste a balón parado, deulle a volta ao marcador. Pero na seguinte acción, Maxi Gómez definiu no man a man con Iraizoz. A partires de aí, o Celta tivo máis control, e Sisto, Wass e Maxi Gómez puideron facer o terceiro.

Baixou o ritmo do choque trala reanudación, co Celta pechando o Girona no seu campo pero sen crear moito perigo. Unzué gastou un troco coa entrada de Roncaglia por Fontàs, e viuse obrigado a facer outro na defensa por lesión do capi Hugo Mallo. Ata que no minuto 70, tivo tres claras ocasións na mesma xogada: Roncaglia, Maxi Gómez e de novo Roncaglia.
Cinco minutos despois, golazo de Daniel Wass de falta directa e con moito efecto. 3-2 no minuto 75. O choque semellaba decidido, pero de novo un erro celeste, brando no despexe, facilitou o empate 3-3 de Juanpe. Puntos que voan na recta final, como ante a Real Sociedade e o Xetafe.

Hugo Mallo tenta controlar un balón co peito.
Hugo Mallo tenta controlar un balón co peito. | Fonte: lfp.es

Daniel Wass celebra o terceiro gol celeste.
Daniel Wass celebra o terceiro gol celeste. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta