Remontada para salvar a Mel

O Dépor, no seu mellor partido da Liga, vence 2-1 o Xetafe con goles de Lucas Pérez e Florin Andone na última media hora de partido. Os de Pepe Mel suman 7 puntos trala segunda vitoria consecutiva en Riazor.

Por gcdeportes | A Coruña | 30/09/2017 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Deportivo 2
: Pantilimon; Juanfran (Gerard Valentín, 83’), Schär, Sidnei, Luisinho; Guilherme, Celso Borges; Fede Cartabia, Emre Çolak (Florin Andone, 67’), Fede Valverde (Bakkali, 83’) e Lucas Pérez.
Xetafe 1: Guaita; Damián Suárez, Djene, Juan Cala, Antunes; Markel Bergara, Álvaro Jiménez, Arambarri (Portillo, 87’), Amath Ndiaye, Jorge Molina (Sergio Mora, 78’) e Ángel Rodríguez (Molinero, 55’).
Goles: 0-1: Amath (minuto 53). 1-1: Lucas Pérez (66’). 2-1: Florin Andone (86’).
Árbitro: Estrada Fernández (catalán). Amarelas a Luisinho (26’), Schär (64’), Juanfran (82’), Andone (87’), Bakkali (89’) e Guilherme (93’) no Dépor e a Damián (31’), Jorge Molina (62’) e Markel Bergara (69’) no Xetafe.
Incidencias: partido da sétima xornada de Primeira División disputado no estadio municipal Abanca-Riazor ante 19.476 espectadores.

Dous goles de Lucas Pérez e Florin Andone na última media hora de partido firmaron a remontada do Dépor ante o Xetafe (2-1) e serviron para salvar a cabeza do cuestionado Pepe Mel. O equipo deportivista xogou o seu mellor partido do que vai de Liga pero sufriu para acadar a segunda vitoria da Liga: o senegalés Amath tivo o 0-2 e na xogada seguinte Lucas Pérez conseguiu a igualada. O romanés Florin Andone, que entrou nos últimos 25 minutos, fixo o gol do triunfo. Tralo parón de seleccións, visita a Éibar con 7 puntos tras sete xornadas.

Andone celebra o gol da vitoria coa afección.
Andone celebra o gol da vitoria coa afección. | Fonte: @RCDeportivo

O partido comezou segundo o guión previsto: posesión deportivista e agardar as contras no Xetafe, que levaba así máis sensación de perigo. As primeiras ocasións foron visitantes, e Juan Cala estivo a piques de facer gol tras un centro de Antunes. O Deportivo espertou coas accións de Luisinho e a calidade do uruguaio Fede Valverde, e tivo ocasións para adiantarse, pero atopouse con Guaita, providencial nun remate a queimarroupa de Fede Valverde (minuto 30) e, sobre todo, nun disparo de Lucas Pérez e no rexeite de Juanfran (39’).

Trala reanudación, de novo Guaita evitou o gol local tras un disparo de Emre Çolak. Pero foi precisamente unha perda de balón do xogador turco a que propiciou o gol de Amath, que superou a Juanfran e Schär tras recibir unha asistencia de Damián Suarez. Co 0-1, o Xetafe puido sentenciar ao Dépor e a Pepe Mel nunha xogada espectacular de Amath, que en dúas coasións atopou a Pantilimon. Na xoganda seguinte, Lucas Pérez rescatou o Dépor, cun remate á reviravolta na área para acadar o empate 1-1 no minuto 66.

Despois do empate, chegaron os mellores minutos do Dépor: paradón de Guaita a disparo de Fede Cartabia e un remate coa testa de Schär. Pero o Xetafe de Bordalás trabou o partido e os minutos pasaban sen boas novas. Pepe Mel buscou o último impulso do Dépor coa entrada de Gerard Valentin por un desacertado Juanfran e Bakkali por Fede Valverde. Un centro de Fede Cartabia, un erro no despexe de Molinero e o remate en dous tempos de Florin Andone serviron para certificar a remontada co 2-1 e salvar a cabeza de Pepe Mel.

Lucas Pérez celebra o empate co seu primeiro gol na Liga.
Lucas Pérez celebra o empate co seu primeiro gol na Liga. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta