Estrea vitoriosa en Sar

O Obradoiro arrinca unha nova campaña na ACB, a sétima consecutiva, cun triunfo por 80-74 contra Zaragoza tras remontar no último cuarto cun parcial de 24-13. Matt Thomas, o MVP con 21 puntos e catro triplas.

Por gcdeportes | Compostela | 01/10/2017 | Actualizada ás 01:32

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Monbus Obradoiro 80:
Albert Sábat (4), Matt Thomas (21), Bendzius (8), Radovic (10) e Artem Pustovyi (15) -equipo titular- Ben Simons (2), Nacho Llovet (1), David Navarro (2), Pechacek (2), Corbacho (3), Pepe Pozas (5) e Martins Laksa (7).
Tecnyconta Zaragoza 74: Tomás Bellas (2), Janis Blums (17), Jonathan Barreiro (6), Dragovic (16), Varnado (4) -equipo titular- Juanjo Triguero (2), Sergi García (2), Gary Neal (16), Michalak (0), De Jong (6) e Álex Suárez (3).
Parciais: 20-16, 19-22 (39-38), 17-23, 24-13 (80-74).
Árbitros: Pérez Pizarro, García Ortiz e Pedro Munar.
Incidencias: partido da 1ª xornada da Liga Endesa disputado no Multiusos Fontes do Sar ante 4.716 espectadores.

Artem Pustovyi machaca o aire rival ante Varnado.
Artem Pustovyi machaca o aire rival ante Varnado. | Fonte: ACBPhoto

Para arrincar a sétima campaña consecutiva na ACB, vitoria traballada do Monbus Obradoiro ante Tecnyconta Zaragoza (80-74) trala reacción no último cuarto. O Obra chegou cinco abaixo (56-61) ao acto decisivo, pero acadou un parcial de 12-1 para darlle a volta ao marcador e acabar gañando 80-74, gracias sobre todo ao tiros do rookie Matt Thomas (21 puntos e catro triplas) e aos puntos na pintura de Artem Pustovyi (15 con 8 rebotes). Zaragoza tirou máis de tres (12/32) que de dous (13/30), e ao Obradoiro faltoulle acerto dende 6,75, cun pésimo 7/25.

Radovic e Pustovyi anotaron as primeiras canastras locais, e tras unha tripla de Matt Thomas, o Obra abriu un pequeno oco (15-9). Pero Jota Cuspinera parou o partido e achegáronse os visitantes coa segunda tripla de Dragovic. Tras dez minutos, 20-16.

Zaragoza apertou o marcador cos puntos de Janis Blums e un parcial de 4-10, e o choque estaba de novo empatado (26-26). Alberto Corbacho, que regresaba a Sar un ano despois da súa grave lesión, anotou a súa única tripla, pero a igualdade mantívose ata o descanso (39-38).

Trala reanudación, dúas triplas do galego Jonathan Barreiro deron a volta ao marcador (44-48). Apertou Obradoiro (50-51), pero os de Jota Cuspinera volveron pegar un estirón para marcharse ao último cuarto cunha renda de cinco puntos (56-61).

O Obradoiro, celebrando a primeira coa afección.
O Obradoiro, celebrando a primeira coa afección. | Fonte: ACBPhoto

O Obra medrou en defensa (só 13 puntos do rival no último cuarto) e cun parcial de 12-1, os de Moncho Fernández puxéronse por diante (68-62). Blums e Gary Neal termaban do Zaragoza, e nos composteláns apareceu Matt Iceman Thomas. A falla dun minuto, tras tripla de Neal, empate a 74-74. O Obra atopou a Bendzius na pintura para canastra e persoal, e Nacho Llovet recolleu un rebote ofensivo decisivo. Matt Thomas meteu dous tiros libres e Bellas errou na súa bandexa. Bendzius puxo dende o 4,60 o 80-74 definitivo. O mércores, visita ao campión en Valencia coa primeira vitoria no peto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta