Uxío Abuín, ouro chinés

O triatleta de Dodro vence na proba da Copa do Mundo de Weihai, onde o vigués Antonio Serrat, terceiro, tamén subiu ao podio. A ferrolá Camila Alonso, 15ª en categoría feminina.

Por gcdeportes | Compostela | 01/10/2017 | Actualizada ás 10:27

Comparte esta noticia

Dous galegos no podio da China. Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) logrou a vitoria na Copa do Mundo de Weihai co vigués Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) tamén no podio, ao conseguir a terceira posición. Grandísimos resultados dos galegos en categoría masculina, e algo máis discretos na feminina: Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) foi 15ª, mentres que Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) non puido rematar a proba por avaría.

Os galegos Uxío Abuín e Antonio Serrat, no podio de Weihai.
Os galegos Uxío Abuín e Antonio Serrat, no podio de Weihai. | Fonte: ITUMedia

Uxío Abuín volve estar imparable no tramo final da tempada, como xa sucedera o pasado ano. Viña de acadar o bronce na Copa do Mundo de Huelva e quería máis. Dende o inicio, Antonio e Uxío estiveron nas primeiras posicións. Lograron meterse no primeiro grupo da bicicleta, despois de facer unha gran natación na bahía de Halfmoon. Así, ambos formaban parte do grupo de cabeza, formado por oito deportistas, que levaban unha vantaxe duns 40 segundos sobre o segundo grupo no que ía Rodrigo González. Pero a falta de dous quilómetros para chegar á segunda transición, foron absorbidos e así todo tiña que decidirse na carreira a pé.

De entrada formouse un grupo cabeceiro de tres triatletas dos cales dous eran galegos: Uxío Abuín, Antonio Serrat e o mexicano Rodrigo González. Fixeron xuntos o terceiro segmento ata que a falta de 1.500 metros Rodrigo atacou e só Uxío puido responder, mentres que Antonio quedaba atrás. E así, o triunfo ía decidirse entre o galego e o mexicano, e novamente Uxío amosou a súa velocidade nos metros finais para acadar a vitoria. O triunfo foi para Uxío Abuín cun tempo de 1h:56:15, con Rodrigo González na segunda posición (1h:56:19) e Antonio Serrat, bronce (1h:56:38).

En categoría feminina, as representantes galegas non estiveron tan afortunadas. Camila Alonso rematou na 15ª posición (2h:23:30), mentres que Melina Alonso non puido rematar a proba. Ambas xa quedaron cortadas na natación, ao entrar nun segundo grupo a un minuto de distancia da líder, e a bicicleta se lles fixo moi dura, nun circuíto moi técnico e esixente. Ademais, Melina tivo unha avaría mecánica na bicicleta que lle obrigou a abandonar.

A Copa do Mundo de Weihai disputouse sobre distancia olímpica: 1.500 metros de natación na bahía de Halfmoon, 40,2 quilómetros de ciclismo (seis voltas a un esixente circuíto de 6,7) e 10 quilómetros de carreira a pé.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta