GC Aberto

Por que é precisa unha Mostra do Posible?

O coordinador da Mostra do Posible (Cangas do Morrazo, 7 e 8 de outubro), David Esperón, aporta algunhas das reflexións que o levaron a impulsar a celebración deste encontro.

Por MostradoPosible (http://www.mostradoposible.gal) | GC ABERTO | 03/10/2017

Comparte esta noticia

A xente non adoita mercar un electrodoméstico por ter o último modelo. Polo
xeral se pensa no investimento: “postos a gastar o diñeiro, mellor mercalo
novo, ¿non?”. Cando mercamos buscamos a eficiencia, a comodidade, incluso
certo luxo. Pero, de uns anos para aquí, adoitamos engadir: “e se ademais
dura...”

A Tiradoura A Tiradoura
A Tiradoura A Tiradoura

É de dominio público que hoxe en día os electrodomésticos, os carros ou as
lámpadas teñen data de caducidade. De xeito intencional, acúrtase a vida útil
de obxectos que poderían durar ata décadas, garantindo así que o sistema de
consumo non se deteña. Chamamos a isto obsolescencia programada.

É unha mostra do sensentido do sistema económico no que vivimos e que cada
vez máis xente queremos cambiar. É un sistema irracional, ademais de inxusto
e cruel, que está poñendo en perigo a vida no planeta Terra.

Pero existen propostas que amosan que podemos tomar as rendas e cambiar a
situación, construíndo pouco a pouco un sistema máis xusto, mediante
iniciativas pequenas e eficaces. Á vez, canta máis xente as coñeza, maior será
o seu impacto e a súa capacidade para erguerse como alternativas reais fronte
ás dinámicas propias do sistema capitalista.

Ámbitos tan inaccesibles ata o momento coma o financeiro, as
telecomunicacións, a enerxía, ou a produción e distribución de alimentos
─onde o control reside en multinacionais profundamente antidemocráticas e
opacas na súa xestión─, están agora potencialmente en mans da sociedade.

En cada un deles existen entidades de economía solidaria que poñen ás
persoas no centro da actividade económica, é dicir, traballan seguindo a lóxica
do beneficio mutuo fronte á da competitividade, guiándose pola
sustentabilidade e o emprego racional dos bens e servizos fronte á ausencia de
límites do neoliberalismo.

Cando calquera de nós empeza a usar unha destas entidades faise, á vez que
cliente, membro na toma de decisións colectivas e beneficiario da boa marcha
da entidade. Somos clientes, xerentes, e partícipes dunha entidade que ten
entre as súas preocupacións construír unha sociedade máis xusta.

É comprensible certo escepticismo xeneralizado ante os proxectos colectivos,
xa que nunca foron sinxelos. Son moitos os erros a que nos enfrontamos para
chegar ata aquí, pero a fórmula da economía solidaria é hoxe por hoxe unha
realidade contrastada: milleiros de persoas confiamos nela para resolver
cuestións da nosa vida cotiá, mediante entidades que traballan en sectores
diversos onde levan anos demostrando eficacia e eficiencia.

A economía solidaria, pese a non estar moi difundida, amosa un crecemento
constante e obstinado. A cidadanía empeza a intuír que é posible, que hai
alternativas reais e non soños quiméricos duns cantos utópicos.

Ao noso arredor consolídanse respostas colectivas e horizontais que
miran cara ó futuro e permiten constatar que o beneficio mutuo é máis
rendible ─a todos os niveis─ que a competencia entre iguais.

Pese a todo, sempre existirán cuestións nas que o foro para a participación
colectiva sexa o Estado (que sabemos que non somos todos, pero xestiona
cousas que nos atinxen a todos). Para cada ámbito de aplicación dunha política
pública, existen colectivos organizados e movementos sociais esforzándose a
diario por prantexar alternativas para mellorar a xestión pública e que
denuncian os efectos nocivos para o futuro deste tren sen control da
privatización e o consumo infinito.

Por necesarias que son, é difícil que esas voces cheguen a ser escoitadas.
Vivimos nunha tela de araña de información na que recibimos centos de
mensaxes distintas que, máis que reducir a incerteza, xeran confusión. O
cidadán está tan saturado que non ten enerxía para preocuparse do que di un
colectivo concreto sobre un tema.

Por sorte, nos últimos tempos asistimos ao nacemento de novos medios de
comunicación que apostan pola información comprometida e de calidade,
manténdose sempre a pé da rúa e tentando darlle voz ás distintas causas
sociais, á vez que aportan unha pluralidade de voces ao debate que non terían
cabida nos medios do mainstream.

Na Mostra do Posible poderemos coñecer moitas das propostas que se
realizan dende diferentes colectivos, dende iniciativas medioambientais, do
sistema sanitario, educativo, cultural, ou dos dereitos sociais.

Animámosvos a pasarvos pola Mostra do Posible para coñecer as propostas
dos máis de cincuenta colectivos que estarán con nós na Alameda Nova de
Cangas do Morrazo os vindeiros 7 e 8 de outubro. Alí, entre os postos dos
colectivos participantes, poderedes coñecer as súas propostas e cómo poden
servos útiles. Tamén coñeceredes xente interesante e poderedes asistir a
varias palestras. E pola noite teremos concertos en directo para pasar un bo
rato, porque xa sabedes o que din de facer unha revolta sen baile.

Vémonos na Mostra do Posible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta