Que autonomías son as máis beneficiadas e prexudicadas fiscalmente?

Madrid ten un saldo fiscal negativo de 19.205 millóns de euros, mentres que o déficit catalán é a metade, 9.892 millóns. Galicia é a cuarta autonomía máis beneficiada polo sistema de solidariedade autonómica, cun saldo positivo de 3.692 millóns, case o mesmo que Euskadi. No gasto territorializable por habitante, os máis prexudicados son valencianos e murcianos e os más beneficiados, ceutís, melilleses, vascos, navarros e canarios.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/10/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Catro autonomías aportan ás arcas do Estado máis do que reciben: Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciá e Baleares. No resto, os seus cidadáns reciben en gasto público máis do que aportan á caixa común. En conxunto, madrileños, cataláns, valencianos e baleáricos suman un déficit fiscal total de 32.348 millóns de euros, a mesma cantidade que se distribúen entre as trece autonomías restantes máis Ceuta e Melilla, todas elas cunha balanza fiscal positiva. Pero hai unha autonomía que é, con diferenza, a peor parada no Sistema de Cuentas Públicas Territoriales (SCPT), as coñecidas como balanzas fiscais; esa autonomía é Madrid, que soporta practicamente o 60 por cento deses 32.348 millóns de euros de déficit. Cataluña é a segunda máis prexudicada neste sistema, pero o seu déficit fiscal é a metade do madrileño.

Unha oficina da Axencia Tributaria
Unha oficina da Axencia Tributaria | Fonte: Ministerio de Hacienda

O prestixioso economista Ángel de la Fuente, director executivo da Fundación de Estudios de Economía Aplicada (FEDEA) e científico titular en excedencia do Instituto de Análisis Económico do CSIC, analizou e publicou recentemente os últimos datos dispoñibles das balanzas fiscais, que sitúan o déficit de Madrid en 19.205 millóns de euros, un saldo negativo que se foi incrementando progresivamente ano tras ano, desde os 16.433 millóns en 2005 até os actuais 19.205. Para Cataluña o saldo negativo é de 9.892 millóns, practicamente a metade que o madrileño. Se ben é certo que son 2.000 millóns menos que en 2005, cando se elevaba a -11.887 millóns de euros, tamén é algo máis de 2.000 millóns máis que en 2011, cando chegou ao seu mínimo con -7.666 millóns. Valencia, con -1.735 millóns, e Baleares, con -1.516 millóns, son as outras dúas autonomías nas que os seus cidadáns pagan máis tributos que o gasto público que reciben do Estado.

A balanza fiscal de Galicia sitúa o noso país como a cuarta autonomía máis beneficiada neste sistema, cun saldo positivo de 3.692 millóns de euros. Este saldo mantívose máis ou menos estable entre 2011 e 2014, cun mínimo de 3.240 millóns en 2011 e un máiximo de 3.829 en 2012. Con todo, en 2005 foi maior, cun superávit fiscal de 4.034 millóns.

Por enriba de Galicia sitúanse Andalucía, a máis beneficada, cun saldo positivo de 7.689 millóns de euros, seguida por Canarias, con 4.293 millóns e Castela e León, con 4.280 millóns. Xusto por detrás de Galicia colócase o País Vasco, no quinto posto, cun superávit de 3.387 millóns de euros, e que se foi incrementando considerablemente nos últimos anos, desde os 1.576 millóns en 2011.

Tomando todo o gasto que se considera territorializable (descártanse, por exemplo, partidas de Defensa ou Exteriores, que non obedecen a criterios territoriais; ou as pensións, que se pagan en función da carreira de cotización persoal, e inclúense o financiamento autonómico, as axudas rexionais ou o investimento público), De la Fuente examinou canto difire da media o gasto territorializable por habitante sen axustar, suprimindo os impostos propios de cada autonomía, mostrando as diferenzas de gasto e ingreso en relación á media. Aí, os máis prexudicados son valencianos e murcianos, con déficits por habitante de 702 e 569 euros, respectivamente, seguidos de andaluces (-358), madrileños (-247), cataláns (-207) e baleáricos (-202), mentres que as máis beneficiadas son Ceuta e Melilla (+2.752), País Vasco (+2.194), Navarra (+1.342) e Canarias (+1.234). Para Galicia é de -5.

Saldos fiscais relativos por comunidades autónomas, en totais de millóns de euros e porcentaxes do PIB
Saldos fiscais relativos por comunidades autónomas, en totais de millóns de euros e porcentaxes do PIB | Fonte: Angel de la Fuente, FEDEA.

Os saldos relativos calcúlanse a partir das diferenzas entre os gastos e ingresos per cápita de cada autonomía e a media estatal dunha forma que neutraliza os efectos do déficit agregado da Administración Central. As cifras resultantes da balanza fiscal responden a que en España existe un sistema tributario progresivo no que os que máis gañan pagan máis impostos. Dáse así unha relación inversa entre o PIB per cápita e o saldo fiscal, de xeito que canto máis alto é o PIB per cápita, xeralmente peor é o saldo fiscal. Con todo, os casos extraordonarios de País Vasco e Navarra, con saldo fiscal positivo malia ser das autonomías máis ricas, explícase porque son comunidades forais que gozan dun réxime especial, xa que elas mesmas recadan os impostos e logo pagan ao Estado unha cantidade polos servizos que lles presta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

14 Sesese

Evidentemente aquí cada quen opina o que quere. O setor pesqueiro en claro declive dende anos . O industrial pouco o I+D praticamente testimonial. Do agro xa nin falo. O tan cacareado setor eléctrico? dous saltos eléctricos e os viravira. Seica podemos exportar enerxia. Turismo? 2 meses. Forestal? o eucalipto. Agora iso si vellos? Cada día mais. Así vexo eu a "riqueza" galega.

1 Xanc

Sector pesqueiro e agro ? Dende a entrada en Europa a pique, moeda de cambio dos olivos e do liño entre outros, ou non lembras? Enerxía? Dicirche que a meirande parte das loitas no mundo son por enerxía... En Galicia producimos enerxía suficiente para consumo propio e para vender. Muiños de vento inundan o país, presas por todo Galicia, as centrais térmicas producen enerxía suficiente para cidades coma A Coruña ou Vigo, etc, etc. O textil galego sempre foi potencia ata que Inditex montou e explotou en Portugal, Bangladesh... Inditex, esa empresa que paga catro céntimos ás súas subcontratas, tén media plantilla en talleres de Asia e fai o comercio electrónico dende Irlanda para non pagar impostos aquí ...

13 Xanc

Panfletada española! Contan nestas contas a enerxía que expolian dos nosos ríos, montes Unión Fenosa, Iberdrola...? Contan a contaminación das industrias españolas e catalanas Ence, centráis térmicas...? Se todas estas empresas pagasen en Galicia o que expolian, seguramente seriamos un país sen emigración e con máis recursos para os nosos maiores por exemplo

12 Watchingsolpores

De agradecer propostas feitas con sentidiño: https://www.lavozdegalicia.es/notic...

11 Watchingsolpores

10 deFg

Como este "Xornal" pode darlle veracidade a estas contas de leiteira do estado español. Madrid é con diferencia a comunidade máis beneficiada, a quen se lle conta o IVA a empresa que recada o imposto ou cliente final que o paga, a que comunidade se lle anota? onde se realiza a operación da compra? na sede fiscal da empresa? no caso do IS como vai tamén? Como contabilizamos que durante anos Madrid foi o paraíso fiscal do estado español onde todos iban morrer para o imposto de sucesións. Publicar este datos sen publicar os criterios só busca agochar a realidade, e ainda por riba como se cuantifica o abandono de Galiza nás decisións importantes( cuotas de pesca, inversións estatais estratéxicas...), a explotación da nosa Terra para producir a enerxía que consome Madrid... A quén se lle anota o gasto da Construcción de infrastructuras coma o AVE?, a Galiza ou a Madrid? só fai viaxe de IDA ou que?