Comparte esta noticia

Miles de persoas saíron á rúa este domingo logo das violentas cargas policiais que tiveron lugar durante a mañá do domingo en Cataluña. Unhas cargas que deron a volta ao mundo e que, segundo algúns analistas, provocaron que se teña deteriorado –e moito– a imaxe de España e do seu presidente no exterior. Un conflito, o catalán, que tamén está a afectar á sociedade galega e un bo reflexo diso é a división que existe no país sobre este tema.

Galegos celebran a victoria do SI no referendo de independencia de Cataluña
Galegos celebran a victoria do SI no referendo de independencia de Cataluña | Fonte: Miguel Nuñez

Así, mentres En Marea e o BNG coinciden nos seus argumentos e nas críticas ao Goberno español, o PP defende a actuación do Executivo de Rajoy e o PSdeG evita pronunciarse públicamente. Só algúns dos seus dirixentes, como o rexedor de Vigo, Abel Caballero, rompeu ese silencio para posicionarse en contra dun referendo “ilegal”, pero sen criticar a actuación policial coma fixo Pedro Sánchez. Tamén o voceiro parlamentario, Xaquín Fernández Leiceaga, que criticou a contundente actuación policial contra a cidadanía.

En Marea

O voceiro de En Marea, Luís Villares, considerou ao presidente Mariano Rajoy “inhabilitado” para continuar conducindo a situación en Cataluña e apostou por constituír unha maioría que desprace ao Goberno do PP e C´s. Nunha rolda de prensa este luns, Villares dixo que Galicia non pode estar allea nin desprazada do debate sobre o modelo de Estado e ofreceuse para liderar no conxunto da sociedade galega unha solución que permita establecer un marco de convivencia acorde coa sociedade actual.

O voceiro de En Marea recoñeceu así mesmo o feito de que o referendo non tiña valor xurídico pero explicou que non se trataba dunha cuestión xurídica senón política polo que “so en termos de participación política é onde temos que nos mover”. Por iso, lamentou a incapacidade do Partido Popular e Mariano Rajoy de entender e asumir o momento político que se está a vivir, un momento de cambio e ensanche democrático, que foi na súa opinión o que provocou que se chegara a esta “indesexable situación”. “Entre as porras e as papeletas, nós sempre preferiremos as papeletas” afirmou.

Galegos no  no referendo de independencia de Cataluña
Galegos no no referendo de independencia de Cataluña | Fonte: Miguel Nuñez

Ante todo isto, o voceiro de En Marea considerou que o presidente do Goberno do Estado, Mariano Rajoy, “está inahibilitado para seguir conducindo este rumbo político” polo que apostou por constituír “unha maioría alternativa que desprace ao PP e Ciudadanos e que sexa capaz de dar unha solución pactada e dialogada”. “É o momento de falar da política, do diálogo” afirmou.

Unha opinión moi semellante expresou o goberno municipal de Santiago de Compostela, que pediu a dimisión do presidente do Executivo estatal, Mariano Rajoy, pola súa "incapacidade" para abrir vías de negociación coa Generalitat que permitan solucionar o conflito catalán de forma "pacífica e democrática".

A edil de Economía, María Rozas, e a portavoz do goberno Compostela Aberta, Marta Lois, ofreceron este luns unha roda na que aseguraron que este domingo a cidadanía "volveu ser espectadora dun Goberno español que non ten capacidade política para resolver conflitos" e urxiron a construción dunha maioría alternativa ao PP que negocie co Executivo catalán. "Onte vimos como o presidente Rajoy escondía detrás da Policía e da Garda Civil a súa incapacidade política", manifestou María Rozas, que argumentou que a vía policial "non fai máis que agravar o conflito".

BNG

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou o exemplo de "civismo", de "pacifismo" e de "defensa da democracia" mostrado este domingo polo pobo catalán, que contrapuxo con "a outra imaxe" da xornada: a da "represión" do Estado e a violencia "inxustificable e imperdoable" que comparou con "a España do NON-DO".

En rolda de prensa, Pontón sinalou que os diarios de toda Europa "fanse eco das imaxes vergoñosas" rexistradas durante a xornada de referendo sobre a independencia en Cataluña. Unha situación "lamentable" e "impropia dunha democracia" e que evidencia a "escalada autoritaria" protagonizada polo PP e o goberno estatal, que ofrecen "respostas da Idade Media a demandas do século XXI".

Así, criticou o "desnorte" e a "incapacidade de ler" o que está a pasar por parte dos líderes estatais, e considerou que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, "non estivo á altura das circunstancias" e deste "debate profundo" que se estende da implantación do réxime "esgotado" do 78. Por iso, Pontón apelou a que Goberno central abandone esta "vía morta" e respecte ao dereito a decidir.

PPdeG

Unha opinión completamente diferente a do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que apoiou a actuación do Executivo central en Cataluña e asegurou que o sucedido este domingo responde a unha "reacción contundente do goberno lexítimo de España". A preguntas dos xornalistas, tras a firma dun convenio coa Fiscalía Superior de Galicia, cualificou o referendo como "un desafío ao Estado de Dereito". Mentres, considerou que se tratou dunha consulta "sen regras, nin garantías".

"Os resultados están deslegitimados", recalcou Rueda en referencia ás manifestacións do presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, sobre os mesmos. Así, afirmou que "a intención" do executivo catalán e de "parte" da sociedade catalá é "romper as regras do Estado de Dereito".

Por iso, considerou que o Goberno central fixo "o que todos" esperaban "que fixesen". "Defender a Constitución e o ordenamento público", engadiu. Preguntado polas cargas policiais, indicou que as imaxes deste domingo reflicten "unha situación difícil". Con todo, dixo que os axentes da Policía Nacional e a Garda Civil actuaron con "firmeza e prudencia". Pola contra, criticou aos Mossos d'Esquadra. Deles, afirmou que "incumpriron desde o primeiro minuto" as resolucións xudiciais.

Tamén o  delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, lamentou o número de feridos rexistrado en Cataluña, tras a celebración do referendo pola independencia, pero asegurou que as Forzas e Seguridade do Estado actuaron para "defender a legalidade".

A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa presenza no acto de celebración da patroa do Corpo Nacional de Policía, asegurou que o deste domingo foi "un día complicado para toda España", pero apoiou o labor das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

PSdeG

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, evidenciou que o Goberno liderado por Mariano Rajoy "equivocouse" ao actuar "contra a cidadanía" e non "contra quen estaban a promover" o que finalmente foi "un sucedáneo de referendo" en Cataluña.

 

"É unha equivocación maiúscula que crea máis división", lamentou o dirixente socialista, quen pediu non perder de vista que, a pesar de que as posicións independentistas son "minoritarias" en Cataluña segundo os datos da Generalitat, sí reflicten unha vontade "importante" de "buscar un novo marco legal".

Unha opinión diferente á manifestada polo alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, que proclamou  que agora "é tempo de que a política actúe", tras o "basto simulacro" de referendo deste domingo en Cataluña, e chamou aos políticos a estar "á altura das circunstancias".

Nunha rolda de prensa, Caballero incidiu en que o deste domingo "non foi ningún referendo", senón "un simulacro, sen ningunha garantía, con votos duplicados e triplicados, e sen ningún control". "Un simulacro basto e carente de calquera garantía, foi unha burla á democracia", indicou. "É o momento dos líderes, da calidade na política, e de que os políticos esteamos á altura das circunstancias, porque o de onte foi unha pantomima", sentenciou, á vez que eludiu facer calquera consideración sobre a actuación policial deste domingo.

Bruxelas

Finalmente, a Comisión Europea pedíu este luns “diálogo entre as partes” para solucionar o problema. Nun comunicado, indicou que para o presidente Juncker o referendo catalán é un asunto interno de España, “que hai que abordar de conformidade co ordenamento constitucional de España”.

Con todo, fixo un chamamento a todos os actores pertinentes para que avancen “moi rapidamente da confrontación ao diálogo”. “A violencia nunca pode ser un instrumento en política. Confiamos no liderado do Presidente do Goberno Mariano Rajoy para xestionar este difícil proceso dentro do pleno respecto da Constitución española e dos dereitos fundamentais dos cidadáns nela consagrados”, indico a CE.

Comparecencia de Puigdemont  no referendo de independencia de Cataluña
Comparecencia de Puigdemont no referendo de independencia de Cataluña | Fonte: Miguel Nuñez
Celebración  no referendo de independencia de Cataluña
Celebración no referendo de independencia de Cataluña | Fonte: Miguel Nuñez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 30 comentarios

3 Ejjjjj que vamos

Agora máis que nunca todos por España. Que saiban os supremacistas nacionalistas que están en España, onde vivimos os galegos de Galicia, que non somos menos galegos que eles por querer ao noso país. Non consentiremos golpes de estado como o que pretenden os cataláns, xa tivemos un Paquiño e non queremos máis. Defendamos España con todas as armas da lei fronte aos golpistas.Viva España.

1 Xanti

Firmado, un troll supremacista nacionalista español ao que lle pagan por escribir comentarios random na rede...

2 Watchingsolpores

Home pagar non lle pagarán... Agás que teñan os cartos ben demais que diría miña nai. https://www.enriquedans.com/2017/10... En fin, coma nin ideas teñen e eu penso que a maioría nin se enteran do que está a pasar vou, antes de merendar unha laranxa, darlles uns consellos: perdestes o relato e é moi difícil que o gañedes dende o extremismo e o hooliganismo futbolero. Non se trata de poñer unha camiseta, senón de pensar. Se queredes minimizar os danos, que son moitos da imaxe de España, tedes que artellar un discurso que recoñece a súa pluralidade e que consagre a defenda das súas linguas... Ademais, o Senado debe de ser unha cámara territorial e débese incluír no Código Penal a banalización do nazismo. https://politica.elpais.com/politic...

3 Watchingsolpores

Se movedes peza e por exemplo deixades de atacar as outras linguas, sumaredes a moitas persoas e darédeslles argumentos... Pensade que xa non só é Cataluña... http://www.20minutos.es/noticia/314... E lembrade que hai moita máis xente xa independentista hoxe: http://www.huffingtonpost.es/2017/1... E a hora de xogar dende o diálogo e o centro... En fin... Non podemos sacrificar os intereses de todos os habitantes das Españas aos dun partido político que semella só pensar en gañar as próximas eleccións. Nestas circunstancias a Grossen Koalition levaría ao PSOE a ser fagocitado por Podemos...

4 Watchingsolpores

Pero se houbese demisións no goberno e se puidese buscar algo que UNA a todos, incluídos os cataláns, as persoas dialogantes coma min e outros teriamos moito campo libre para tentar tender pontes... Así non podemos. Lembrádeo: podemos saír do imbroglio... pero algo debe de cambiar... Non lestes O Gatopardo? Non coñecedes a nosa historia? E que é incrible que estean pensando continuar así sen facer algún cambio... Se non... Un porvir moi incerto para todos. https://www.vice.com/es/article/ne7...

2 Casandra

O impacto mundial do de onte foi moito e iso xenera antipatías que poden ter moitos efectos económicos. Faría ben, ao meu ver, o PP en converterse en PPdG ou nunha especie de UPN para diferenciarse e poder manter o noso pulo exportador e a boa imaxe da nosa Terra e do Noso Camiño. Paz e diálogo unha vez máis. Creo que esa debe de ser a nosa posición e o noso voto debe, máis alá da ideoloxía, encamiñarse a quen a poida conseguir. http://www.publico.es/politica/refe... http://www.publico.es/tremending/20... Se outros erraron, non temos nós, que amosamos prudencia e sentido común que pagar por eles...

1 Casandra

Creo que o que máis nos debería de preocupar é o futuro da nosa economía. Hai voces que auguran unha vitoria absoluta do PP de convocarse unhas eleccións e non sei coma un mundo moi impactado polo que pasou onte recibiría isto. Creo que é hora de que se deixen de lado os extremismos e se busque paz e diálogo... Pero creo que de novo errarei e moitos elixirán a opción que empeorará a nosa situación... Tremo de pensar xa non que pode pasar e coma, de non mediar cambio algún, o imos sufrir negativamente.