Santalices espera que o 1-O non crispe o debate de política xeral de Galicia

Lanza unha mensaxe a todos os grupos: "Que pensen en Galicia en positivo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2017 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, asegurou que espera que a situación catalá despois do 1-O e as primarias do PSdeG do día 8 non crispen o Debate sobre o Estado da Autonomía que arrinca este mércores no Pazo do Hórreo, á vez que lanzou unha mensaxe a todos os grupos: "que pensen en Galicia en positivo".

Miguel Santalices
Miguel Santalices | Fonte: Europa Press

En declaracións aos medios, tras un almorzo informativo con xornalistas, mostrou a súa convicción de que o sucedido en Cataluña o pasado fin de semana e as primarias do PSdeG ás portas non deberían interferir no primeiro debate de política xeral da X Lexislatura e o sétimo de Alberto Núñez Feijóo como presidente autonómico.

Preguntado acerca de se estes dous fitos políticos poden contribuír a crispar o debate e acender os ánimos, o xefe do Lexislativo replicou que espera que "non" e que "non debería ser así".

De feito, apelou á tranquilidade e subliñou que o Parlamento galego seguiu funcionando á marxe do que sucede en Cataluña, con pasos como a aprobación dos orzamentos, entre outras normas. Agora, augurou que abordará "desde a máxima tranquilidade" o debate autonómico de política xeral.

"DESDE A ÓPTICA DO QUE PREOCUPA EN GALICIA"

Santalices subliñou que hai que abordar esta cita "desde a óptica" de centrar o debate no que "preocupa á sociedade galega". "É o debate da situación de como estamos en Galicia cun Parlamento tranquilo e nesta Cámara débese fomentar falar do que nos interesa a nós", remarcou.

Así as cousas, lanzou unha mensaxe aos grupos que conforman o arco parlamentario galego: "que pensen en Galicia en positivo, que Galicia necesita que este Parlamento e o Goberno poidan facer propostas para mellorar a sociedade".

"Hai cousas nas que avanzamos moito, pero hai algunhas nas que temos que arrimar máis e situacións que temos que encamiñar mellor. Espero que o debate sirva para que se poida plasmar algunha melloría para a sociedade galega", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta