Protestas contra a lei de implantación empresarial e “o traballo sucio” do PP para as multinacionais

Mobilizacións nas principais cidades do país organizadas pola CIG. En Marea asegura que os populares están a utilizar as súas propias emendas "para rebaixar aínda máis a protección dos espazos naturais"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2017 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

A CIG organizou este martes concentracións en varias localidades galegas para denunciar que o PP, ao seu xuízo, "volve facerlle o traballo sucio ás multinacionais", nesta ocasión a través da lei de implantación empresarial.

Concentración contra a lei de fomento empresarial
Concentración contra a lei de fomento empresarial | Fonte: Europa Press

En Santiago, na praza de Galicia, foron varias decenas de persoas as que secundaron a mobilización, que transcorreu despois dunha asemblea de delegados na que a central nacionalista analizou a situación de Cataluña e o rexeitamento á mencionada norma.

O secretario comarcal da organización, Pepe Maio, destacou que ambas as cuestións foron postas en relación, xa que "esta lei tamén evidencia falta de soberanía" de Galicia "para decidir sobre as súas políticas económicas e industriais".

Maio censurou que os populares, na súa opinión, poñen "a alfombra vermella" a multinacionais do sector eléctrico, mineiras e pasteiras, entre outras empresas, cunha lei na que a CIG advirte dunha "agresión máis" ao patrimonio e a natureza galegas, así como ás condicións laborais.

Neste sentido, reprobou que "se pase por enriba da lexislación" vixente e "sáltense controis e a participación cidadá", segundo dixo, "baixo o pretexto" da industrialización e dunha "falsa competencia con Portugal".

En Vigo, a concentración máis madrugadora, a protesta produciuse na rúa Vázquez Varela. A continuación tiveron lugar as de Ferrol, Lugo e Ourense, diante da Xunta; e a de Pontevedra, na praza da Peregrina.

Na Coruña, pola súa banda, un cento de delegados sindicais da CIG, segundo os convocantes, concentráronse para expresar o seu rexeitamento á lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, neste marco dunha xornada de protestas nas principais cidades galegas.

Coa protesta, no caso da cidade herculina ante o edificio administrativo da Xunta en Monelos, os representantes sindicais expresaron o seu rexeitamento a unha medida coa que, ao seu xuízo, a Xunta pretende "facilitar, con subvencións públicas, que empresas de fóra asalten o territorio galego, aínda que teña custos ambientais e sociais".

Así o expuxeron durante unha concentración na que corearon lemas como 'As túas leis, a nosa ruína'; 'O PP quérenos vender', 'Traballo digno na nosa terra' ou 'Co medio natural queren especular'.

EN MAREA DENUNCIA MANOBRAS DO PP

Pola súa banda, o grupo parlamentario de En Marea denunciou "a nova manobra" do PP con esta lei, ao estar "a utilizar as súas propias emendas", segundo asegura, "para rebaixar aínda máis a protección dos espazos naturais e facilitar sen control a explotación mineira e industrial dos recursos naturais de Galicia".

Segundo indica a través dun comunicado, trátase de "modificacións de calado ata o punto que modifican un apartado da lei de orzamentos da Xunta".

Tamén cambian "lexislación que afecta á contratación de persoal interino para programas temporais" e establecen "un novo réxime flexibilizador e liberalizador das empresas alimentarias artesanais", engade.

Para En Marea, "ten especial importancia a emenda relativa ao novo réxime de garantías sobre os dereitos mineiros" debido a que na proposta inicial do texto o depósito de garantía, sinala, tiña que facerse ao outorgamento da concesión "e agora non ten que facerse ata o inicio dos traballos".

O grupo prosegue coas súas críticas ao expor que as emendas "propoñen que as empresas poden presentar como garantías financeiras dun dereito mineiro as pólizas de seguro de responsabilidade civil derivada do incumprimento do plan de restauración". "Ou sexa, admiten como garantía o seguro por incumprimento das obrigacións do concesionario", segundo explica.

Por último lamenta que "favorecen a instalación con menos garantías dos proxectos eólicos, incluíndo como de especial interese tamén os tendidos de redes de evacuación que formen parte asociada a cada un dos parques eólicos, dándolle a cobertura de interese especial ás liñas que transporten a electricidade desde os parques".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lino

q barbaridade......terrorismo ambiental !!!!!!