Unha paciente denuncia “maltrato asistencial” nas urxencias do Complexo Hospitalario de Santiago

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Chus traslada a denuncia dunha doente e volve denunciar un "novo colapso" neste servizo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/10/2017 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Chus vén de presentar, en representación da paciente I.S.L., unha denuncia ante o Servizo de Atención ao Doente por presunto "maltrato asistencial" nas urxencias do Complexo Hospitalario Universitatio de Santiago de Compostela. Segundo esta asociación, este martes produciuse un "novo colapso" neste servizo que "se prolongou desde primeiras horas da tarde".

Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

O relato da paciente, trasladado pola Asociación de Pacientes e Usuarios do Chus, é o seguinte:

"O día 3 de outubro de 2017 acudín a urxencias cunha crise de ansiedade e despois de ser atendida no triaxe colócanme no corredor de acceso, no que estiven agardando durante media hora ata que me mandan á sala de sillóns. Ás 17.00 horas, e nestas circunstancias, se nos informa polo persoal médico do servizo que non hai dispoñible ningún sitio libre, xa que hai 23 persoas en espera de ingreso ocupando a zona de observación. Expoño a miña queixa, que presentei ante o Servizo de Atención ao Doente, xa que ademais de ter que padecer os síntomas da miña doenza, son vítima dun trato que considero inadecuado".

Unha ver persoados no servizo membros da Asociación de Pacientes e Usuarios do Chus, puideron comprobar como ás 18.10 horas a situación continuaba "inalterable" e nese lapso de tempo "só se producira a dispoñibilidade de dúas camas en planta e a liberación dun espazo en boxes e outro en observación".

Segundo esta asociación, "I.S.L. é unha das innumerables pacientes que se ven atrapadas no servizo de urxencias do CHUS en condicións inaceptables" e son "obxecto dun maltrato asistencial que vulnera o dereito a atención inmediata que recoñece o artigo 52.3 da Lei de Saúde de Galicia nos casos en que a situación clínica así o requira".

Malia as reiteradas denuncias neste tipo no servizo, a Asociación de Pacientes e Usuarios do Chus acusa á xerencia do CHUS de "seguir os pasos da xerencia anterior" e de "facer caso omiso dos requerimentos de medios humanos que permitan a plena dispoñibilidade das camas existentes" para "poñer fin a esta situación", que "se mantén de xeito indefinido".

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Chus considera que existe "pleno coñecemento e consciencia" destas situacións e acusa aos responsables do centro hospitalario de "quebrantar sistematicamente da lei e dos dereitos dos pacientes". Lembran que isto xa levou en pasados meses ao falecemento de tres pacientes nos corredores de acceso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Roitre

E con todos os respectos para a paciente: ¿é preciso un ingreso hospitalario para unha persoa que ten unha crise de ansiedade?

1 anonimo

Era mentira, non había crise de ansiedade ningunha. É para denunciar que non quedaban sillóns libres onde agardar a que che fagan caso. O que debera impoñerse é a costume de que no propio triaxe che digan que vaias para a casa e pidas cita en Atención Primaria, vaias ó PAC, que para iso están, ou que podes agardar alí 5 horas ou máis no corredor. Porque resulta que Urxencias está para as urxencias, coma esas persoas que chegan na ambulancia, inconscientes ou con feridas abertas. Iso custa facelo entender. Eu tamén poñería unha taxa por ir a urxencias con cousas que non son de urxencias, por exemplo ir a buscar unha receita, que o teño visto.

2 Alfaro

Xa se nota que nunca padeciche ningún ataque de ansiedade. Normalmente á xente con encefalograma plano, non lle dan.