Feijóo converte o gran debate político de Galicia nunha discusión contra os “golpistas” de Cataluña

"Insurrección" e "subversión"foron parte das aseveracións que o presidente galego adicou á situación de Cataluña.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 04/10/2017 | Actualizada ás 11:37

Comparte esta noticia

Instou aos grupos da Cámara a asinar un texto en contra do que cualificou "golpe de estado". As propostas para Galicia quedaron opacadas, entre elas, máis postos de traballo ou impulsar o sector primario.

Alberto Núñez Feijóo en el Parlamento
Alberto Núñez Feijóo en el Parlamento

Máis de media hora falando de Cataluña. Ese é o tempo que adicou o Alberto Núñez Feijóo durante o seu discurso no debate do estado da autonomía, o debate político máis importante do país. Un debate que o presidente galego converteu nun debate sobre Cataluña. E iso, a pesar das advertencias que fixo o martes o presidente da Cámara, o tamén popular Miguel Santalices, que instou aos líderes políticos a centrarse nos problemas de Galicia e non nos de Cataluña.

Feijóo arrincou  e rematou a súa intervención no debate de política xeral cunha apelación ao acordo da Cámara para censurar os "ataques ao Estado de Dereito" por parte dos "políticos golpistas" de Cataluña. Así advertiu de que o que ocorre en Cataluña afecta a toda España, e por tanto a Galicia, e chamou a "defender a convivencia". "Eu fágoo sen paliativos", asegurou, crítico coa postura "ambigua" doutros partidos, en alusión ao PSOE.

Por iso, e sobre todo dirixíndose aos socialistas, pediu "pactar" unha proposta de resolución nese sentido pero, consciente de que sería "insuficiente", prometeu "predicar co exemplo" para que os galegos sentan "tranquilos".

O presidente galego despachouse a gusta contra os partidos nacionalistas e independentistas cataláns aos que cualificou de "infaustos", "infames" e "golpistas". E fronte a eses políticos contropuxo un modelo, o seu, de defensa da unidade e da convivencia en España.

Feijóo en el Debate del Estado de la Autonomía
Feijóo en el Debate del Estado de la Autonomía

Non tivo ningunhas palabras para condenar a violencia policial do domingo contra centos de cidadáns cataláns, pero si para criticar os "ataques" á democracia dos independentistas. "Mentres eu siga á fronte da Xunta non se avalarán nin cometerán disparates como os que se están vendo en Cataluña. Outros apoian o totalitarismo, pero non é o meu caso", dixo.

"Subversión"

Así, denunciou a "subversión ás normas constitucionais" e o "desafío á Democracia" do pobo catalán. E advertiu: "Defenderemos, con todas as medidas necesarias, que iso --a independencia-- non pase. O Estado das Autonomías é noso", suliñou en relación á aplicación do artigo 155 da Constitución.

"Non vivimos nun réximo opresor, como lle gusta dicir a algúns partidos nacionalistas e de esquerda, senón nunha Democracia plena", insistiu e acusou aos principais partidos cataláns de apostar pola "insurrección". "Non lles parece lamentable que non se fale do paro, da situación económica, das familias, e si do desafío independentista", preguntouse cando todos os medios do Estado e os de Galicia levan falando de Cataluña desde hai semanas e cando el mesmo substituíu o gran debate de Galicia por un debate sobre Cataluña.

Feijóo referendou a promesa que realizou cando tomou posesión do seu cargo por terceira vez, de "observar e facer cumprir" a lei, e preguntou aos grupos da oposición en que postura se sitúan. "¿En que lado está esta Cámara?", inquiriu, consciente que estes actos "ilegais" só poden "avalarse" ou "condenarse".

Pactos

Con todo, e a pesar de pedir un acordo sobre o tema catalán, tamén asegurou que o seu "socio de goberno" son os galegos. "E este mandato ímolo a respectar", manifestou durante o seu discurso no Debate do Estado de Autonomía, no que contrapuxo a "estabilidade" do seu Executivo, avalado pola "única maioría" absoluta do Estado, fronte á "tiranía" de "minorías" como a da Generalitat.

Por iso, para evitar "efectos" como o do independentismo en Cataluña apostou por "traballar para blindar as administracións fronte á chantaxe" de "quen non aceptan o papel que lles dá a democracia".

E que pasa en Galicia?

Tras case dez páxinas do seu discurso adicadas ao tema catalán, Feijóo comezou a falar de Galicia e describiu un país no que todo vai ben; o leite, o agro, os servizos, a industria, a pesca. "Obviamente, pódese facer mellor pero Galicia crece máis que o conxunto do Estado", dixo. "Todo admite matices, pero avanzamos cando había as maiores dificultades", engadiu.

En todo caso, avanzou que esta lexislatura será a do sector primeirio, a de máis innovación e máis exportacións.  Así, prometeu que a "mellora económica" que rexistra Galicia levará unha baixada de impostos, máis axudas para as familias, a ampliación da atención a dependentes, máis investimentos en sanidade, máis recursos para innovación e máis medidas para o fomento do emprego.

Anuncios

E fiel ao seu comportamento neste tipo de debates, o presidente galego anunciou unha batería de iniciativas. Así, dixo que o seu Executivo porá en marcha o primeiro campus dedicado exclusivamente á Formación Profesional (FP) en Galicia, no que varios centros especializados fomentarán a innovación e o nacemento de novas empresas. Tamén unha oferta pública de emprego con 14.000 novos postos de traballo, un plan estratéxico para a produción ecolóxica, a ampliación da tarxeta benvida para as rendas baixas, novas bonificacións nas taxas das garderías e máis medidas de conciliación para os empregados públicos, entre outras cuestións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 23 comentarios

1 galegoexiliado

Logo de escoitar ó Gobernador Civil de Galicia pregúntome como é que tantos galegos se marchan do pais a traballar e vivir mais aló do Padornelo, si viven no Pais de las Maravillas. Ou será que o fillo do listero vive fora da realidade, pechado no seu castelo .