30 variedades de pataca susceptibles de ser introducidas en Galicia

Unha investigadora da Universidade de Vigo estoudou a morfoloxía de 30 variedades sementadas nunha parcela experimental situada en Xinzo de Limia.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 04/10/2017 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

Ante o feito de que “o consumo da pataca tanto en Galicia como no conxunto da Unión Europea descendeu considerablemente nos últimos anos”, na súa tese de doutoramento a investigadora da Universidade de Vigo Ana Seijo analizou o potencial de 30 variedades de patacas susceptibles de ser introducidas en Galicia e como mellorar a predición da enfermidade do mildio, informa Rosa Tedín, da UVigo. “Buscamos solucións alternativas que aumenten a competitividade deste produto e do sector”, apunta a bióloga, que continúa investigando na actualidade sobre este tema.

Patacas, básicas na cociña tradicional galega.
Patacas, básicas na cociña tradicional galega.

A súa tese, titulada 'Caracterización de variedades de pataca e seguimento aerobiolóxico e fenolóxico para a predición de Phytophthora infestans (Mont.) de Bary', estivo dirixida por Olga Escuredo e María del Carmen Seijo e foi presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, onde traballa na actualidade no grupo de Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos. “Esta tese estuda distintos aspectos da pataca como cultivo agrícola co obxectivo principal de valorizar a súa produción en Galicia a través da caracterización de variedades de pataca susceptibles de ser introducidas, do estudo do comportamento fenolóxico de variedades de interese para Galicia e do desenvolvemento de sistemas de predición de Phytophthora infestans, patóxeno produtor do mildio, utilizando sensores aerobiolóxicos”, resume a xa doutora.

Na investigación, que contou coa colaboración do Consello Regulador da Pataca de Galicia, do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro da Deputación de Ourense (Inorde) e de produtores do sector, estudouse a morfoloxía de 30 variedades de patacas sementadas nunha parcela experimental situada en Xinzo de Limia, na provincia de Ourense. As variedades estudadas foron Agria, Almera, Ambition, Arizona, Arsenal, Blue Belle, Cazona, Champion, Courage, Erika, Fina, Flair, Flamenco, Fleur Bleue, Fontane, Ganade, Gitana, Innovator, Kennebec, Leonardo, Loane, Madeleine, Red Scarlett, Rudolph, Sifra, Stronga, Taurus, Violetta, Volare e Yona. Os datos de campo empregados corresponden a tres ciclos de cultivo de pataca, os dos anos 2014, 2015 e 2016. 

“A caracterización morfolóxica e físico-química das variedades de pataca resulta moi interesante xa que a introdución de variedades que se adapten ben ou cun valor nutritivo diferencial podería ser unha alternativa de produción para este sector”, detalla a investigadora, que lembra como Galicia é unha das principais produtoras deste alimento no conxunto do estado.

Deste xeito, no seu traballo describe de cada unha das variedades consideradas “os caracteres de maior utilidade para a súa clasificación”, como son o hábito de crecemento, o grao de floración, a madurez da follaxe, a pigmentación do tallo, do cáliz o do pedicelo, a lonxitude do pedúnculo da inflorescencia, o número de flores, a cor da corola e a distribución desta cor. Ademais, avalía as características de calidade dos tubérculos das 30 variedades estudadas, como son o contido en materia seca, sólidos solubles, a dureza, a cor, os polifenois, os flavonoides, os carotenoides e a actividade antioxidante. Na investigación, apunta Ana Seijo, “tamén se levaron a cabo técnicas de espectroscopía no infravermello próximo (NIR) para coñecer a composición química da pataca dunha forma máis económica, rápida e con menor manipulación das mostras”.

Cultivo de pataca
Cultivo de pataca | Fonte: campogalego.com.

Froito da investigación de cada variedade obtívose unha exhaustiva caracterización que abrangue desde o tamaño da pataca, detectando por exemplo que “os tubérculos de maior tamaño obtivéronse nas variedades Agria, Ambition, Innovator e Red Scarlett”, ata a súa capacidade antioxidante, descubrindo por exemplo como “as patacas que amosaron pigmentación na súa carne son nas que se determinou un potencial antioxidante maior”.

MILDIO

Polo que respecta á loita contra o mildio, Ana Seijo explica que “os estudos aerobiolóxicos realizados para a predición de enfermidades fúnxicas nos cultivos de pataca fundaméntanse nunha liña de investigación que comezou xa hai un tempo no noso grupo de investigación. Esta liña pretende, en colaboración con diversos profesionais do sector, axustar a predición de enfermidades fúnxicas para poder reducir o número de tratamentos fitosanitarios, realizando as súas aplicacións soamente cando exista un risco real”. Deste xeito, engade, “encamiñariámonos cara unha agricultura máis sustentable cos conseguintes beneficios ambientais e económicos que isto suporía”.

Do traballo de investigación feito neste eido e recollido na tese, a investigadora salienta que “se adaptaron modelos de predición de enfermidades que xa se utilizan noutras áreas xeográficas para o prognóstico do risco de infección co obxecto de facilitar un sistema de toma de decisións para a utilización de tratamentos fitosanitarios”. Para validar estes modelos tivéronse en conta os datos relativos á presencia de esporanxios na atmosfera dos cultivos. “É de salientar a importancia que ten a utilización de sensores biolóxicos nestes modelos de toma de decisións, xa que a presencia de inóculo é imprescindible para que aconteza a enfermidade”, recalca a xa doutora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta