O Obra resiste 35 minutos

O equipo compostelán cae 80-67 co Valencia tras encaixar, con 61-59 no marcador, un parcial de 10-0 e despois de que Matt Thomas errase unha tripla para poñerse por diante. O vindeiro sábado, a Penya en Sar.

Por gcdeportes | Compostela | 05/10/2017 | Actualizada ás 00:40

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Valencia Basket 80:
Guillem Vives (0), Erick Green (19), Joan Sastre (8), Will Thomas (6), Dubljevic (11) -cinco titular- Van Rossom (13), Rafa Martínez (11), Pleiss (4), Doornekamp (6), Llompart (0), Hlinason (0) e Josep Puerto (2).
Monbus Obradoiro 67: Albert Sabat (6), Matt Thomas (13), Martins Laksa (8), Nacho Llovet (2), Artem Pustovyi (14) -cinco titular- Ben Simons (3), Radovic (6), David Navarro (2), Bendzius (4), Adam Pechacek (3), Corbacho (6) e Pepe Pozas (0).
Parciais: 22-19, 13-16 (35-35), 22-19, 23-13 (80-67).
Árbitros: Daniel Hierrezuelo, Jordi Aliaga e Martín Caballero. Eliminaron por cinco faltas persoais a Doornekamp (minuto 40) nos locais.
Incidencias: partido da 2ª xornada da Liga Endesa disputado no pavillón da Fonteta ante 8.000 espectadores.

Adam Pechacek, na defensa de Erik Green.
Adam Pechacek, na defensa de Erik Green. | Fonte: @ValenciaBasket

“Apagousenos a luz co 61-59”, recoñeceu Moncho Fernández ao remate. O Obradoiro caeu co Valencia Basket por 80-67 na segunda xornada da ACB, despois de resistir ante o actual campión case 35 minutos con opcións de vitoria (Matt Thomas errou unha tripla con 61-59 a sete minutos do remate) e encaixar un parcial de 10-0, con dúas triplas de Van Rossom, que sentenciou o choque. Valencia lanzou case o dobre de tiros libres (15/19) que os composteláns (6/10). Como curiosidade, o Obra rematou o encontro con cero balóns recuperados. Ao final, 80-67. Unha vitoria e unha derrota en dúas xornadas, e o sábado a Penya en Sar. 

Obradoiro saltou á pista máis concentrado que Valencia, e aproveitou para abrir un pequeno oco no marcador tralas triplas de Martins Laksa e Matt Thomas (3-10). Pero o guión mudou coa entrada de Doornekamp e Van Rossom, que axudaron o Valencia a darlle a volta ao marcador. Tras dez minutos, 22-19.

Pero o Obra recuperou a iniciativa cos puntos de Artem Pustovyi e un parcial de 0-6, ata que o pivote ucraíno foise ao banco coa terceira falta e con 22-25. Os de Moncho Fernández deixaron o campión de Liga en tan só 13 puntos no segundo cuarto, e chegaron ao lecer con 35-35 grazas aos puntos de Albert Sàbat e Adam Pechacek.

Trala reanudación, Pustovyi aguantaba sen cometer a cuarta falta, e Obradoiro, cos seus puntos e os de Matt Thomas, abriu de novo un pequeno oco (44-51). Sete puntos de Erik Green e outros sete de Rafa Martínez permitiron a Valencia poñerse por diante ao remate do terceiro cuarto (57-54) malia a primeira tripla de Alberto Corbacho.

No arrinque do último acto, o parcial local medrou ata un 11-0, e Obradoiro perdía 61-54. Dous tiros libres de Pustovyi e a segunda tripla de Corbacho achegaron aos composteláns, que puideron poñerse por diante cunha tripla de Matt Thomas. Tras unha falta rigorosa de Nacho Llovet, Van Rossom meteu unha tripla (64-59), e Obradoiro tardou case catro minutos en anotar, catro minutos nos que se lle foi o partido ao encaixar un parcial de 10-0. Por fin anotou Sabat (71-61), pero Valencia xa tiña o partido no peto. Ao final, 80-67.

Bendzius tenta deter a entrada de Rafa Martínez.
Bendzius tenta deter a entrada de Rafa Martínez. | Fonte: ACBPhoto

Artem Pustovyi, con 14 puntos en 23 minutos, foi o mellor dos composteláns; Matt Thomas anotou 13 e Albert Sàbat repartiu 6 asistencias. O sábado, a Penya visita Sar, no terceiro partido de Liga en oito días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta