A folga de traballadores das auxiliares de Navantia na Ría de Ferrol paraliza a actividade nos dous estaleiros

Os operarios forman grandes piquetes ás portas das factorías e impiden o acceso de todo o persoal

Ferrol | 05/10/2017 | Actualizada ás 10:07 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A actividade nos dous estaleiros que a empresa naval pública Navantia ten na Ría de Ferrol atópase paralizada. Así, desde as 5,00 horas deste xoves concentráronse ante as portas dos centros produtivos de Fene e Ferrol centenares de traballadores da industria auxiliar, que formaron grandes piquetes e impediron a entrada tanto dos operarios da empresa principal como das compañías, que secundan así o paro convocado en solitario pola CIG.

O responsable de CIG-Industria en Ferrol, Vicente Vidal, asegurou que "o paro está a ser un éxito, onde os traballadores da industria auxiliar están a secundar a folga convocada ante a negativa da patronal de acatar o pago dos acordos salariais do ano 2001". Ademais, engadiu, "decidiron impedir o paso de todo o persoal ao interior de Navantia, coa colocación de varios piquetes moi numerosos, e tratar tamén desta maneira presionar á dirección de Navantia".

Este responsable sindical tamén trasladou que esta folga "ten carácter indefinido". "Tal e como lle trasladamos mesmo ao xefe de persoal de Navantia, que nos preguntou que se este bloqueo ía durar toda a mañá, ao que lle respondemos que nun principio vai durar ata o 11 de outubro", aclarou.

Vicente Vidal tamén asegurou que "a xente está con ánimo". "Está todo paralizado e só estamos a deixar entrar ao persoal de servizos mínimos", concretou, para incidir en que "o que están a reclamar os traballadores da industria auxiliar é que se cumpran uns acordos do ano 2001, é dicir, de hai 16 anos, nada máis".

CONSTITUCIÓN DE MESA DE AUXILIARES

O responsable de CIG Industria en Ferrol tamén criticou que se constituíu unha mesa de auxiliares entre patronal e representantes sindicais sen incluílos, sobre todo por ser este sindicato o que conta cun maior número de afiliados nas compañías.

"A nós non nos convidaron, por non levantar esta convocatoria de folga, e a través dun comunicado que fixo a patronal aseguran que constitúen a mesa e que a primeira reunión será o 11 de outubro, véspera do día da Hispanidade. Debe de ser que están a esperar algo disto", sentenciou.

Ás 12,00 horas están convocadas asembleas ante as portas na que continuarán durante todo o día os traballadores das auxiliares, segundo aseguraron.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta