O software libre esténdese entre as pemes galegas

O 86,8% das empresas de dez ou máis traballadores xa emprega este tipo de tecnoloxías, fronte a só o 22,7% de hai dez anos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/10/2017 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

Nos últimos dez anos Galicia viviu a maior crise económica das últimas décadas pero, ao mesmo tempo, emerxeron sectores que supoñen novos nichos de crecemento para a nosa comunidade, como é o caso das tecnoloxías libres. De feito, o uso deste tipo de software entre as pequenas e medianas empresas (pemes) galegas multiplicouse por catro desde 2007, pasando do 22,7% ao 86,8%, segundo datos oficiais do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga) analizados por LibreCon.

Creando unha web utilizando software libre
Creando unha web utilizando software libre

Nas grandes empresas este crecemento tamén é continuo desde 2006 e xa superan a media española no uso deste software. Nas microempresas, o 49,8% usa tecnoloxías abertas. En xeral, Galicia sitúase como a novena comunidade autónoma con maior proporción de software libre nas empresas, por diante de autonomías como Cataluña (85,5%), Madrid (84,7%) e País Vasco (82,2%).

Carlos Rodríguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), considera este aumento como “unha oportunidade única” para a economía de Galicia, xa que “o software privativo impórtase, non é adaptable e xeralmente non achega nada especial, mentres que o software libre pode ser mellorado e, ademais, esas melloras pódense vender e mesmo exportar a calquera parte do mundo”.

“O impacto positivo que proporcionan e os aforros que facilitan (máis de medio billón de euros anuais na Unión Europea), fan das tecnoloxías libres unha tendencia á alza”, apunta Agasol nun comunicado. Nesta liña, o 46% das empresas galegas considera que o seu uso seguirá aumentando, unha expectativa sostida polo constante aumento de cota de mercado do software libre en detrimento do privativo nos últimos anos.

Ademais, indica que outra das vantaxes que proporciona é de carácter cultural e social, xa que o código aberto destas tecnoloxías permite modificacións “made in Galicia” para adaptarse á realidade bilingüe da nosa comunidade.

Aposta tamén no sector público

Por outra banda, tamén o 82,6% dos concellos galegos utilizan software libre, cun aumento do 3,1% respecto ao ano anterior, fronte ao crecemento cero (+0,1%) dos privativos, segundo os datos de Osimga. Esa porcentaxe elévase ao 100% nos municipios de máis de 20.000 habitantes.

Desde 2007 o uso das tecnoloxías libres case que se duplicou nos concellos galegos, desde o 49% ata o 82,6% actual. Do mesmo xeito que nas empresas, a maioría dos municipios (42,9%) cre que o uso do software libre nos ordenadores de usuario elevarase dentro dun ou dous anos.

LibreCon en Compostela

A importancia do software libre na sociedade e na economía debaterase os vindeiros 19 e 20 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, onde se celebrará a VII edición de LibreCon, o maior encontro internacional de tecnoloxías libres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta