Aprobado o proxecto da intermodal de Santiago, cun orzamento de 11 millóns para a primeira fase

Rueda espera coordinación co Concello e acusa ao da Coruña de estar "a atrasar" a súa nova estación debido a "continuos cambios"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2017 | Actualizada ás 17:36 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta deu luz verde este xoves ao proxecto da estación intermodal de Santiago de Compostela, co fin de licitar a primeira fase das obras antes de que termine o ano. Esta primeira etapa consta dun orzamento de 11 millóns de euros, no marco dun investimento total de 41,7 millóns.

Consello da Xunta do 5 de outubro.
Consello da Xunta do 5 de outubro. | Fonte: Europa Press

A previsión, segundo avanzou o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, é que a licitación desta primeira fase estea lista antes de finalizar o ano, de modo que a execución das obras dean comezo no primeiro semestre de 2018.

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo autonómico, Rueda esperou que non haxa "ningunha discrepancia" co goberno municipal compostelán, ao que, segundo lembrou, competen o deseño e a execución dos accesos.

Ademais, referiuse ao termo do trámite ambiental da estación nova de Vigo, ao comezo do proceso expropiador en Ourense e acusou ao goberno local da Coruña de estar "a atrasar" alí o proxecto debido a "continuos cambios".

O PROXECTO

O proxecto integrado da intermodal de Santiago inclúe a estación de autobuses e a pasarela peonil de conexión coa terminal ferroviaria.

Xunto a este trámite, o Consello tamén autorizou a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados, algo que, segundo Rueda, servirá para "axilizar" o proceso.

O acordo do Goberno galego outorga viabilidade a un proxecto de excepcional interese para a comunidade, que ao ser tramitado a través da lei de 2016 que regula esta materia reduciu os prazos de tramitación a seis meses.

Rueda sinalou que Compostela poderá contar cun edificio moderno e adaptado ás últimas esixencias técnicas e de accesibilidade. A través dunha nota de prensa, a Xunta explica que a nova pasarela "non só garante o tránsito dos usuarios entre a rúa Campoamor e a estación de ferrocarril coa estación de autobuses, senón que tamén mellora a conexión transversal entre os barrios da cidade".

Pola súa banda, a segunda fase do proxecto integrado, que contempla a execución da nova estación de ferrocarril, atópase desenvolvida a nivel de anteproxecto. Están en fase de licitación a redacción do proxecto de construción da nova estación así como do novo edificio administrativo para a Xunta na zona que ocupa a actual terminal de buses.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta