A Xunta destina 33 millóns a instrumentos financeiros para impulsar máis de 100 proxectos de pemes

O programa 'IFIS', cofinanciado ao 80% con fondos europeos, prevé a mobilización de investimentos de empresas ata 60 millóns

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2017 | Actualizada ás 17:44 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Consellería de Economía, Emprego e Industria activará nas próximas semanas o novo programa de instrumentos financeiros innovadores (aos que se refire como 'IFIS'), dotado de 33 millóns de euros cos que pretende impulsar máis de 100 proxectos de pequenas e medianas empresas (pemes).

O vicepresidente da Xunta, na roda posterior ao Consello
O vicepresidente da Xunta, na roda posterior ao Consello | Fonte: Europa Press

Na súa comparecencia posterior ao Consello, Rueda explicou que as previsións do Goberno galego pasan por mobilizar investimentos de empresas que cheguen ata os 60 millóns. Os 33 millóns que achegará a Xunta están cofinanciados ao 80% con fondos Feder, do marco 2014-2020.

Os préstamos, comprendidos entre 50.000 euros e 1 millón, contarán con prazos de amortización de entre sete e 12 anos, e incluirán unha subvención para rebaixar os custos financeiros, polo que os intereses que pagarán os beneficiarios poderán quedar no 0%.

Un dos obxectivos destes instrumentos financeiros é conseguir que o financiamento das entidades financeiras privadas cubra entre o 25 e o 40% dos investimentos apoiados.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 31 de decembro de 2018.

CATRO LIÑAS

Este programa divídese en catro liñas, a primeira das cales estará dirixida á industria 4.0. Neste caso, os importes dos préstamos poderán ir desde 65.000 euros ata 1 millón, para cubrir ata o 65% dos investimentos en novos centros produtivos, ampliacións de capacidade ou liñas de fabricación de novos produtos.

Terán prioridade proxectos que inclúan tecnoloxías relacionadas coa fábrica do futuro e a industria 4.0: robotización, fabricación aditiva, sensórica, sistemas ciber-físicos, automatización, conectividade, vehículos autónomos, dixitalización, 'big data' ou loxística 4.0.

A segunda tipoloxía de préstamos irá destinada a sociedades mercantís constituídas maioritariamente por mozos emprendedores e cunha antigüidade máxima de 42 meses. O importe dos préstamos, que financiarán ata o 50% dos activos fixos e capital circulante necesario para a posta en marcha de novos negocios, poderá oscilar entre os 50.000 e os 200.000 euros.

Terán prioridade tamén modelos de negocio innovadores e proxectos vinculados a obxectos da axenda 'Industria 4.0' e á estratexia de especialización intelixente ('Ris3').

A través da terceira liña de financiamento concederanse préstamos comprendidos entre 50.000 e 500.000 euros para financiar investimentos innovadores de pemes, especialmente de base tecnolóxica, 'startups' e tamén empresas de traxectoria contrastada que decidan impulsar proxectos innovadores. Deberán, así, estar aliñados coas prioridades da 'Ris3'.

CASE 2 MILLÓNS PARA CENTROS TECNOLÓXICOS

Por outra banda, tamén a consellería de Economía dedicará 1,87 millóns ao labor de oito centros tecnolóxicos e de apoio á innovación, a través de contratos-programas cos que Rueda destacou que se pretende favorecer a "estabilidade" e a retención de talento.

Os beneficiarios son Aimen (442.000 euros), Gradiant (333.000), Anfaco-Cecopesca (293.000), o centro da automoción (481.000 euros), o instituto tecnolóxico de Galicia (194.000), Energylab (88.000) -estes son o seis recoñecidos polo Ministerio de Economía) e o centro de investigación multisectorial e a da auga -dous centros de apoio á innovación-.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta