Os estaleiros de Navantia Fene e Ferrol, paralizados todo o día pola folga indefinida da industria auxiliar

A CIG asegura que o paro ten "un gran éxito" e que manterán os piquetes de maneira permanente nas portas

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2017 | Actualizada ás 18:30 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Paro total e absoluto nos dous estaleiros que a empresa pública Navantia ten na Ría de Ferrol debido á convocatoria de folga de carácter indefinido convocada en solitario polo sindicato CIG en todas as empresas auxiliares que operan nestes dous centros de traballo. A mobilización impediu o acceso dos operarios tanto da empresa principal como das subcontratas ao interior dos estaleiros de Fene e Ferrol.

Para iso montaron piquetes en todas as portas, algúns deles moi numerosos, como o realizado na entrada principal da antiga Bazán, o que obrigou aos traballadores de Navantia a regresar ás súas casas sen poder acceder ao seu posto de traballo.

Ao mediodía deste xoves celebrouse unha asemblea xeral na que responsable de CIG Industria, Vicente Vidal, transmitiulles aos operarios das auxiliares que a folga "está a ter un gran éxito grazas" a eles e a súa "implicación".

Engadiu que ante a previsión de "importante carga de traballo que se aveciña para os próximos anos, este é o momento de dicir basta". "Xa que aquí non hai traballadores de primeira e de segunda, o que hai son traballadores da industria auxiliar por igual, onde todos queremos cobrar o mesmo por realizar idéntico traballo", incidiu.

MOBILIZACIÓN PERMANENTE

O representante sindical tamén resaltou que están "nas portas, dando exemplo". "E onde vos podo dicir que están preocupados", engadiu, en alusión á dirección do estaleiro como consecuencia deste paro. "Pero seguro que mañá estarán máis preocupados, e o luns, e o tempo que faga falta, porque isto non é ningún farol, porque isto é unha loita por recuperar as nosas condicións e os nosos dereitos", abundou.

"Estaremos o tempo que faga falta aquí, ás portas", afirmou, para emprazar o sindicalista á dirección de Navantia a que "vaia tomando nota, que se quere unha solución que chame aos empresarios e que lles poña encima da mesa uns acordos que tanto eles como a patronal asinaron no ano 2001, unhas condicións de nada máis e nada menos que de hai 16 anos".

Vicente Vidal tamén realizou un chamamento ao resto de centrais sindicais, nomeando a CC.OO., UXT e M.A.S., aos que emprazou a "estar á beira dos traballadores".

Tamén quixo incidir en que esta folga de carácter indefinido "non foi prateada por comités de empresa ou delegados, senón que foron o conxunto de traballadores da industria auxiliar que están fartos de sufrir esta situación", emprazándoos a decidir "de que lado están, ou cos traballadores ou do outro lado".

RESPOSTA DOUTRAS ORGANIZACIÓNS

Por outra banda, as federacións de industria dos sindicatos CC.OO., UXT e M.A.S lembraron, mediante un comunicado, que decidiron "de forma unánime, en data 4 de outubro en asembleas en Navantia Fene e Ferrol, non secundar a folga indefinida convocada polo sindicato CIG" e que aprobaron "continuar coas negociacións e constituír da "Mesa Paritaria do sector naval da ría de Ferrol".

Ademais, estas organizacións sindicais convocaron para este venres, 6 de outubro, unha rolda de prensa para dar traslado á opinión pública da súa posición.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta