A dirección de Navantia na ría de Ferrol critica a folga de auxiliares que paraliza os estaleiros

Rafael Suárez asegura que "se fixo un dano moi grande á reputación de Navantia e a toda Ferrolterra"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2017 | Actualizada ás 19:09 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O director dos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, Rafael Suárez, criticou a paralización que supuxo en ambos os centros de traballo a folga de carácter indefinido que comezaron nesta xornada de xoves os traballadores das empresas da industria auxiliar, convocada en solitario pola CIG.

A través dun comunicado, Suárez asegurou que esta acción "é unha grave irresponsabilidade que pode ter consecuencias moi negativas sobre a execución dos programas en marcha", con "algúns deles para clientes internacionais", que terá efectos "tanto sobre o futuro de Navantia e sobre o emprego actual e futuro na zona".

O responsable das antigas Bazán e Astano tamén criticou que "os piquetes impedisen o acceso ao seu posto de traballo á maioría dos empregados de Navantia, que quería exercer o seu dereito ao traballo".

O director dos estaleiros sostén que estas decisións poden comprometer o cumprimento de prazos con algunhas das obras en execución, como o Buque de Acción Marítima (BAM) para a Armada Española ou o AOR (Auxiliary Oiler Replensihment) para a Armada de Australia, así como a construción dos 'jackets' para Iberdrola que se están materializando no estaleiro de Perlío.

DANO Á REPUTACIÓN

A dirección dos estaleiros na ría de Ferrol tamén se afirma en que "hoxe se fixo un dano moi grande á reputación de Navantia e a toda Ferrolterra", ao estimar que resulta fundamental "o cumprimento dos prazos, os compromisos adquiridos cos programas actuais e a confianza do cliente".

Ademais, Rafael Suárez quixo lembrar que a dirección da empresa naval pública "está a traballar xunto á SEPI nun plan estratéxico que require o esforzo de todos, e medidas como a de hoxe son moi negativas para a consecución do plan, que é a única maneira de asegurar a viabilidade de Navantia, e por tanto o emprego nesta comarca".

Por último, Suárez incidiu en que "para ser competitivos é esencial a colaboración da industria auxiliar e a parte social, a todos os niveis, así como normalizar as relacións laborais", sentenciou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta