A Xunta asegura que a decisión sobre a mina en Touro e O Pino se tomará “con todas as garantías”

O vicepresidente Alfonso Rueda di que o Goberno seguirá os mesmos criterios que se tomaron en ocasións anteriores en proxectos similares.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/10/2017 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Trala marea de alegacións que recibiu o Proxecto Touro durante a fase de información pública, agora a pelota sobre este polémico plan está no teito da Xunta. Preguntado por GC, o vicepresidente Alfonso Rueda asegurou que "a decisión que se adopte será con todas as garantías técnicas, medioambientais e legais, como sempre lle corresponde a proxectos deste tipo que a Xunta ten que aprobar".

Mina en Touro.
Mina en Touro.

O certo é que a reaperura da mina nos municipios de Touro e O Pino para a extracción de cobre suscitou unha morea de denuncias públicas e alegacións por parte de plataformas ecoloxistas e medioambientais. As queixas e alegacións son múltiples en varias frontes.

Por un lado está a complexa operación empresarial, artellada por unha armazón societaria na que Cobre San Rafael S.L. só sería a punta do iceberg dunha complexa armazón empresarial na que estarían os dereitos mineiros na zona que tiveron anteriormente Explotaciones Gallegas e Minas Metálicas del Noroeste, que se unificaron en Explotaciones Gallegas del Cobre SL, pero tamén multinacionais estranxeiras como a chipriota Atalaya Mining, participada ademais por un importante capital chinés.

En febreiro de 2017, Atalaya Mining anunciaba que exercería a opción de compra para adquirir o 10% do capital social de Cobre San Rafael S.L., subsidiaria de Explotaciones Gallegas S.L., parte do Grupo F. GOMEZ. Un acordo para, segundo a propia empresa, adquirir finalmente o 80% de Cobre San Rafael S.L. "Isto é, existe a previsión de que sexa Atalaya Mining, e non a referida «empresa de continuidad familiar» a que acabe asumindo a práctica totalidade do proxecto", advirten dende contraMINAcción.

O pasado mes de setembro, as empresas interesadas neste proxecto deron un novo paso para o seu obxectivo de reabrir a mina de cobre. As mineiras inxectaron cinco millóns de euros para ampliar o capital de Cobre San Rafael, que contaba cun capital de tan só 3.000 euros e estaba administrada por Eva Gómez Portela, representante de Explotaciones Gallegas. Agora, o administrador asignado por Atalaya Mining é Alberto Lavandeira, un galego vello coñecido no sector por ter posto en marcha numerosos proxectos mineiros no Estado pero tamén no Congo. A idea é que a medida que avance o proxeto, se recibe luz verde da Xunta, Atalaya Mining vaia aumentando a súa participación.

A outra fronte está nas consecuencias medioambientais e para a saúde humana que tería esta mina. Principalmente, sinálase o impacto que causarían as drenaxes ácidas da actividade mineira, capaces de contaminar as augas superficiais e subterráneas con metais pesados.

A Xunta deberá agora decidir, coa documentación técnica aportada pola mineira e as alegacións presentadas por colectivos veciñais e diversas plataformas, se dá luz verde ao proxecto ou se o frea, como fixo no seu día co de Corcoesto por falta de garantías. O certo é que o proxecto de Touro e O Pino lembra moito ao de Corcoesto, non só pola polémica suscitada a nivel de saúde humana e medioambiental, senón tamén porque boa parte dos expertos que asinan a documentación técnica presentada pola mineira son profesores das tres universidade galegas que xa prestaran os seus servizos aos responsables da frustrada mina de ouro en Corcoesto. A isto hai que sumar que, ao igual que en Corcoesto, onde a grande interesada era a empresa canadense Edgewater, no Proxecto Touro tamén hai unha empresa foránea interesada en explotar unha mina en Galicia, Atalaya Mining, que neste caso ten detrás capital chinés. Dáse a circunstancia de que China é hoxe o maior consumidor de cobre do mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lino

E algunos catedráticos seguen forrándose co proxecto de Touro