Villoslada critica o pacto e afea as súas "batallas" a Caballero, que amosa unha "mochila chea de compromiso socialista"

Ambos reivindican a mensaxe de Pedro Sánchez nun debate no que unicamente mostraron discrepancias sobre o seu modelo de partido

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2017 | Actualizada ás 21:32 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O cara a cara entre os dous candidatos ás primarias do PSdeG serviu a Juan Díaz Villoslada para lanzar un novo ataque contra o pacto selado entre Gonzalo Caballero e Xoaquín Fernández Leiceaga, o aspirante que se retirou da carreira, e afearlle ao vigués a "mochila" de "batallas" internas que arrastra. "Teño a mochila chea de compromiso co socialismo democrático e de loita contra as políticas conservadoras de Manuel Fraga e Feijóo", rebateu o seu opoñente.

Candidatos ás primarias do PSdeG: Juan Díaz Villoslada e Gonzalo Caballero
Candidatos ás primarias do PSdeG: Juan Díaz Villoslada e Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

Nunha das escasas confrontacións que se produciron durante o debate, o economista amosou con "orgullo" esa "mochila" á que aludiu o ourensán afincado na Coruña e fixo fincapé en que comparte contido coa de "tantos compañeiros" que levan "anos traballando duro" para combater as políticas da dereita; unha afirmación que alude ao pasado de Villoslada como subdirector xeral da Xunta durante un dos gobernos de Manuel Fraga.

Pola súa banda, quen foi xerente da Universidade da Coruña contrastou esas "batallas" orgánicas do seu rival coa súa folla de servizos, que é "transparente" e que, ao seu xuízo, servirá para "fortalecer" o PSdeG e comezar a traballar "coa máxima unión" a partir do próximo luns. É por iso que apelou ao "voto libre e secreto" despois de cargar contra o pacto entre Leiceaga e Caballero.

De feito, opinou que ese acordo busca "transvasar como cabalo de Troia os avais" que recibiu o actual portavoz parlamentario cando "os candidatos non son propietarios" desas firmas. Con todo, Caballero lembroulle que os militantes seguen sendo donos do seu voto e reprochoulle que avogue pola "unidade" e a "integración" pero rexeite un pacto entre compañeiros encamiñado a que o secretario xeral que salga elixido goce dun respaldo "maioritario".

"Entendo que non che agrada porque suponche dificultades, pero foi un acordo transparente e con luz e taquígrafos", espetoulle o vigués, para quen "a nova política" consiste neste tipo de cuestións. No entanto, Villoslada mantívose en que ese pacto é "absolutamente escuro" e en que non é forma de respectar "a decisión dos militantes" que optaron por dar o seu aval a Leiceaga, de modo que tan só consideraría "lexítima" unha retirada.

CRÍTICAS A LEICEAGA

Ao fío desa discusión, Gonzalo Caballero sinalou a Villoslada que cometeu "un erro" ao expor en vésperas do Debate sobre o Estado da Autonomía que o actual portavoz parlamentario era o candidato polo que apostaba o PP. "Sería unha torpeza lingüística", deslizou, antes de apelar a "apoiar" aos cargos do partido que teñen que dar a cara ante o PP.

Respecto diso, o tamén deputado autonómico escusouse en que só repicou unhas palabras do secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, sobre que prefería a Leiceaga como interlocutor. "É un erro ser a voz dos dirixentes do PP", reprendeulle entón o vigués nado en Ponteareas.

MODELO DE PARTIDO?

No apartado concibido para debater sobre o modelo de partido que debe levar adiante o PSdeG na nova etapa, ambos coincidiron na necesidade de fortalecer a organización para dotala de maior credibilidade de cara á sociedade e á hora de reivindicar a mensaxe que levou a Pedro Sánchez de volta a Ferraz.

Partidarios tamén ambos de "avanzar" en mecanismos de participación da militancia e de recuperar as estruturas comarcais, Gonzalo Caballero lembrou que el foi o primeiro en oporse á súa supresión.

Ante a pregunta directa de Villoslada sobre a importancia que o seu rival concede á "unidade" interna, o vigués deixou claro que "non é garantía de éxito" se non ten detrás "un proxecto que o oriente".

"Houbo congresos de moita unidade que levaron a unha folla de ruta errada", evocou, á vez que contrastou esta situación coa "disputa" vivida en vésperas das primarias do PSOE a nivel federal e que, en cambio, derivou nun "fortalecemento" da organización e na "recuperación electoral" do partido.

"MÁXIMA UNIDADE"

Pola súa parte, Villoslada opinou que o liderado saído das primarias será "forte" na medida en que a base militante que o apoia o é, e chamou a que o gañador reciba "a máxima unidade" e que este actúe con "capacidade integradora". De feito, comprometeuse a traballar con ese criterio de resultar vencedor.

Ademais, rexeitou a terminoloxía de "baronías" empregada polo seu opoñente nestas primarias ao pedir que nesta nova etapa se suprima "o excesivo poder" que aínda atesouran. "Temos que apostar por un novo PSdeG para lograr o cambio político en Galicia", proclamou, tras exhibir os seus 22 anos de afiliación nunha casa da que tamén formou parte o seu pai como concelleiro de Ponteareas.

Fronte a iso, Villoslada criticou que a súa candidatura é "herdeira en certa medida de vellas formas de facer as cousas", mentres a que el encabeza representa "a máxima ilusión" e a capacidade de levar adiante "a unión" do PSdeG con perspectivas "de futuro". "Son dúas formas de ver o partido", expuxo.

"A miña candidatura emerxe de abaixo a arriba", respondeu o profesor da Universidade de Vigo, quen xustificou o seu paso adiante na necesidade de "abrir un novo ciclo" no PSdeG con "un novo proxecto e novos referentes e liñas de acción". "A dereita está tranquila se seguimos así", advertiu, co punto de mira posto na importancia de "propiciar un cambio político".

MODELO ECONÓMICO E SOCIAL

Á marxe desta confrontación, o debate evidenciou amplas coincidencias en materia social entre os aspirantes e tamén no aspecto económico.

Con todo, neste apartado, Villoslada suxeriu que un traballo de análise económica asinado por Caballero desmentía a existencia do rescate a pesar dos recortes sufridos polos cidadáns.

"Claro que houbo unha intervención, un rescate moi profundo, que supuxo un enorme custo para as arcas públicas", respondeu o vigués, quen puxo o foco na importancia da "crise social" que perdura unha vez superada a económica.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta