Sobre a Igualdade

A igualdade é, xunto coa liberdade, un dos valores que ten dominado o debate ideolóxico e político occidental desde o nacemento do sistema político da democracia liberal, e da ideoloxía que lle deu base, a liberal, que sempre insistíu na importancia da igualdade formal, da igualdade perante a lei e da igualdade de dereitos e deberes de todos os cidadáns que forman a comunidade política.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 27/10/2010

Comparte esta noticia

Este concepto de igualdade formal é, como todo o liberalismo real sempre foi, radicalmente oposto a todo tipo de privilexios que se vían como naturais antes da revolución francesa, todos os privilexios, por exemplo, que a nobreza ou a monarquía xa posuian pola sua condición. Hoxe é fundamental que lembremos o carácter progresista do liberalismo oposto aos privilexios e opostos ás forzas conservadoras da sociedade que non querían que nada mudase.

 

Máis adiante o socialismo introduciu o concepto de igualdade material, os socialistas pensaron que a igualdade formal non era suficiente, que era necesario compensar aos desfavorecidos e axudalos,  o propósito é inicialmente nobre pero ten algúns problemas. Esa vocación fortemente intervencionista derivou en moitas ocasións en ditaduras, a xustificación da procura da igualdade material levou, con frecuencia, a pasar por alto todos os dereitos que emanan da igualdade formal do liberalismo, incluindo os dereitos humanos, nomeadamente os comunistas, en moitas ocasións, mataron e torturaron para alcanzar o seu ideal de igualdade material. Folga dicir que isto para min, como demócrata, é absolutamente inxustificable.

 

Creo que na nosa sociedade queda moito por facer no terreno da igualdade formal, como xa comentei noutro artigo o defectuoso funcionamento da xustiza española é preocupante, e afecta gravemente a unha efectiva igualdade ante a lei, só un sistema xudicial independente e ben dotado de medios, pode garantir a efectividade desta igualdade. Existe a percepción xeralizada de que aos ladróns de luva branca, neste País, non lles pasa nada e a quen apañen roubando unha mazá dunha froitería terá moitos problemas, obviamente isto non é admisible nen desexable.

 

A socialdemocracia busca unha síntese interesante e desde logo moito máis presentable en democracia, ao facer a síntese entre a democracia (e polo tanto o liberalismo) e o socialismo non renuncia á persecución da igualdade material pero con dous novidades moi importantes, admite que o sistema de libre mercado é capaz de xerar moita máis riqueza que calquera outro e admite tamén que a persecución da igualdade material non xustifica o pisoteo da igualdade formal, nomeadamente dos dereitos civis. Pretende portanto a redistribución da riqueza que o sistema de libre mercado, e só o sistema de libre mercado, como os mesmos socialdemócratas admiten, é capaz de crear. 

 

Chegados a este punto eu son favorable a unha redistribución da riqueza que non desincentive o esforzo e o traballo, explícome, son partidario dunha redistribución que vaia encamiñada a garantir a igualdade de oportunidades e unha certa cobertura social para quen realmente non poida traballar. A igualdade de oportunidades cobra unha especial relevancia na aposta polo principial vehículo de mobilidade social, é necesario garantir un acceso a unha educación de calidade, independentemente dos medios cos que conte a sua familia, de todos os rapaces, isto obviamente non ten nada a ver coa defensa dogmática do ensino público ou do ensino privado, creo que o sistema sueco de cheques para subsidiar a demanda de educación e non a oferta é o medio para garantir a competitividade da educación garantindo a igualdade de oportunidades.

 

Sendo partidario da igualdade de oportunidades, non son partidario, sen embargo, da igualdade de resultados, porque simplemente non me parece xusta, non é xusto que o que prefire estar na taberna gañe igual ou só un pouco menos que o que está traballando, a desigualdade de resultados para desempeños desiguais non só é xusta senón que é fundamental para o mantemento dos incentivos para a creatividade, o esforzo e o traballo e por tanto, para a creación de riqueza e para o progreso económico, político e social. O que non vai en menoscabo da solidariedade para quen realmente non pode traballar sen esquecer que en España o brutal desemprego que padecemos ten unha das suas orixes na inflexibilidade do mercado laboral o que dana o dereito que algúns cren defender: o dereito ao traballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA