BNG di que a que presenta o PP "non é a única Galicia posible" e insta á Xunta a "non permanecer inmóbil"

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, asegurou que a que presenta o Partido Popular na Cámara galega "non é a única Galicia posible" e instou ao Goberno da Xunta a "non permanecer inmóbil" en "un dos momentos" políticos "máis convulsos dos últimos 40 anos".

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2017 | Actualizada ás 12:27 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, asegurou que a que presenta o Partido Popular na Cámara galega "non é a única Galicia posible" e instou ao Goberno da Xunta a "non permanecer inmóbil" en "un dos momentos" políticos "máis convulsos dos últimos 40 anos".

Olalla Rodil
Olalla Rodil | Fonte: Europa Press

Olalla Rodil defendeu este venres no Parlamento de Galicia as 40 propostas que o Bloque presentou no Debate sobre o Estado da Autonomía e que, segundo indicou, buscan "avanzar colectivamente sen deixar a ninguén atrás, avanzar en dereitos, avanzar en democracia".

"Porque ante as incertezas, o que máis medo nos dá é que todo siga igual, que despois dos golpes da crise, da política neoliberal, dos recortes... que despois de todo iso, gañe a resignación e o conformismo", sinalou.

Ademais, antes de debullar as medidas do Bloque, a parlamentaria nacionalista aproveitou para afear ao Partido Popular "que non aceptase compromisos concretos" na loita contra a violencia de xénero e rexeitase designar un 1% das contas autonómicas a medidas con este fin.

"A violencia machista case non xera reacción social ou política algunha e a penas ocupa un par de liñas no discurso do presidente da Xunta", censurou.

PROPOSTAS

Neste contexto, presentou as 40 propostas do BNG para "avanzar sen deixar a ninguén atrás", pero tamén para "recuperar dereitos perdidos". Por iso, entre outras cuestións, demandou a retirada das reformas laborais e a posta en marcha dun plan de choque contra o desemprego.

Así mesmo, propuxo un plan 'retorna' que permita regresar á mocidade emigrada. "Fronte a esta realidade, continuamos defendendo un plan 'retorna' como un compromiso real, cun conxunto de medidas transversais como as facilidades para o acceso á vivenda", indicou.

Tamén volveu a pedir á Xunta que reclame ao Executivo estatal "os 150 millóns de euros que o Estado debe en dependencia", a vertebración do territorio cunhas infraestruturas que conecten o interior ou a retirada da Lei de implantación empresarial.

Ademais, reclamou a devolución do patrimonio expoliado polo franquismo, así como a creación no Hórreo dunha comisión de investigación sobre o accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago).

Todo iso para acabar o seu discurso trasladando á Cámara a petición dos nacionalistas de pór en marcha un relatorio que permita "superar" o actual marco estatutario e constitucional.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta