GC Aberto

Fene e a lei do embude

No concello de Fene, os moi constitucionalistas ex-alcaldes do PP e do PSOE utilizan a denuncia ante a fiscalía contra os seus adversarios políticos para dese xeito zafarse dos graves prexuízos que eles mesmos causaron no patrimonio da entidade local sendo mandatarios da mesma

Por galfon (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/) | GC ABERTO | 08/10/2017

Comparte esta noticia

O concello de Fene  é como  un carrusel no que   durante as tres últimas lexislaturas á marxe da divisa política,  os   concelleiros, ao lombo dos cabaliños  de feira  viran  e viran  sen cesar , pero sempre en sentido contrario  á dirección  do marco legal, motivando iso  que  institucionalmente a entidade   teña toda  a traza dun   antro de degradación, onde, como resulta  probado,  tanto desaparecen misteriosamente farois amoreados no depósito municipal  como viarios públicos  do Plan Xeral ou do  Inventario de Bens,  co agravante  engadido  que toda demanda cursada   en esixencia de transparencia   e clarificación, é neutralizada administrativamente de partida, desaparecendo  de circulación  non mais fornecer entrada  no rexistro municipal.

Un turbio manexo que fai  que os demandantes teñan  de tragar  forzosamente co silencio administrativo como regula de conduta   ao recibir a calada por resposta de forma iterativa, chegándose  ao inaudito  extremo de existir denuncias ou reclamacións interpostas  por interesados, que  pasado un ano da súa tramitación nunca chegaron  ao negociado de destino, debido segundo información cotexada  ao  secuestro indebido  da Secretaría Xeral do Concello onde se manteñen retidas as peticións molestas, e todo iso co respaldo cómplice dos membros da corporación que secundan co seu  consentimento esta indecente   operativa

Arriscadas  manobras  de encubrimento  de actos de aparencia delituosa, e motivo suficiente para recusar profesionalmente a quen estándolle conferido por lei atribucións de lexitimación  de fe pública municipal , lonxe de facer gala  do rigor  que debe acompañar o seu labor,  actúa remisamente aplicando a inactividade da administración fronte ao «dereito a saber» que democráticamente lle asiste  a todo   cidadán. Un serio problema  de inseguridade xurídica con grave repercusión para os administrados e a propia administración , e razón sobrada    para deixar en suspenso  os labores  de tal responsable, cando por reacción lóxica  os  feitos denunciados recalen na fiscalía, pois non é de recibo que os certificados requiridos pola xudicatura sexan cumprimentados  por quen é parte explícita  de actitudes   de dubidosa reputación administrativa.

Os lesivos  prexuízos   causados de forma reiterada ao concello de Fene pola  actuación  de membros da súa corporación,  esixen afrontar sen máis dilación  a realización dunha  auditoría  administrativa de todo o actuado no transcurso  das dúas  últimas lexislaturas, é dicir, sendo alcaldes  o socialista  Iván Puentes e durante o mandato do  popular Gumersindo Galego , por resultar  mais que probada a existencia  de prexuízos  repercutidos  á institución municipal, e por tanto, con esixencia  de expurga    de responsabilidades, demanda de danos e prexuízos  e determinación  de responsabilidade patrimonial derivada; pois teñen  de ser os políticos incursos quen responda xurídica e economicamente  de lixeireza das súas decisións , que nunca repercutir na institución  municipal a deriva  dos seus excesos

Como sustento  do devandito, manifestar   que son múltiples  os  expedientes de distinta índole   tramitados e aprobados polos órganos de goberno , sen que os  cargos políticos que debesen velar pola legalidade  outorgasen validez algunha  nin consideración  aos informes xurídicos e/ou técnicos que por disciplina legal  son emitidos  polos habilitados  responsables das áreas de competencia, chegando  mesmo  ao extremo de facer caso omiso, cando o contido  dos preceptivos ditames advertía  expresamente da ilegalidade do procedemento.
Delación  que non é para nada un parecer subxectivo do que está a ocorrer  na institución municipal,  senón o envorcado  dunha contrastábel realidade administrativa  que xuridicamente  non hai por onde collela e politicamente  dá ganas de vomitar.

Por iso é polo que  por mais  disfrace  de transparencia institucional que se tente transmitir aos veciños da localidade,   os feitos veñen confirmar  que o arquivo municipal de Fene alberga nos seus andeis cuantiosos  expedientes  de actos  administrativos das dúas últimas lexislaturas que son nulos de pleno dereito  ao ser  ditados  prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido,  e cuxa responsabilidade  corresponde  a aqueles  membros da Corporación  que a pesar de ter constancia  dos negativos  ditames  obrantes nos respectivos  expedientes  optaron por referendar  a súa aprobación  conscientes de estar a incorrer  en ilegalidade, pois  tal circunstancia  fai recaer neles a responsabilidade civil e penal que sexa consecuencia das accións ou omisións que cometesen.

Xa que logo, idéntico afán que o utilizado  por ambos os ex mandatarios para poñer en mans  do ministerio  fiscal  as accións de corporativos de signo contrario, debesen ter para proceder en consecuencia e elevar á mesma instancia os actos delituosos da súa propia colleita , cuxos efectos foron e seguen sendo    altamente perniciosos  para a administración  e  o interese xeral, pois  non debe pasar desapercibido  que o seu alcance  abarca  aspectos tan comprometidos como  a apropiación indebida , o desfalco,  a prevaricación, a colaboración en fraude fiscal, a ilegalidade urbanística , a falsidade, etc., etc.
Delitos  todos eles que esixen urxente resolución ,   e de antemán,  a dimisión de quen cos  seus feitos demostraron non ser dignos de crédito para confiarlles  a cousa pública.

O debate queda aberto e a porta de saida expedita de par en par, para que os implicados vaian tomando camiño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cascallás

Alguen me pode explicar se un embude, nunca ouvin tal, é un funil?

1 Fene

embude substantivo masculino Utensilio de boca ancha con forma de cono e rematado nun tubo, que se emprega para verter líquidos a través del en recipientes que teñen a boca estreita. Exemp: Botou o viño na botella cun embude.

2 ferrolán do pisco

Señor de Fene. , ese utensilio que tan bén describe, en galego , chamase ¡Funil Nin embude nin embudo.