PSdeG: Gatopardismo e modernidade.

Os tempos cambian. A crise, a revolución tecnolóxica e organizativa e a transformación da comunicación, teñen transformado o noso modo de ver e entender o mundo, do cal a análise das organizacións non está exenta. Nos atopamos nun intre de transformación das formas nas que entendemos a sociedade e por ende, as organizacións sociais.

Por Iván Vaqueiro | Compostela | 06/10/2017

Comparte esta noticia

Os que siguen ancorados en vellos modelos burocráticos, poden resistir un tempo, pero resultan arrastrados pola incesante corrente da modernidade. Temos exemplos na empresa privada, que asume cada vez novas técnicas de organización internas, con mellor comunicación, Industria 4.0, eficiencia enerxética, ….. Témolos nas administración públicas e gobernos de moitos países do mundo, que progresivamente vai incorporando medidas de transparencia, open govenrment, sistemas Big Data e procedementos de avaliación e lexitimación das súas políticas públicas,.... Témolas tamén no terceiro sector, no que as organizacións sociais se adaptan aos retos da globalización interiorizando novos sistemas de innovación, calidade e responsabilidade social no seu goberno corporativo. Pero en moitos aspectos, os partidos políticos distan todavía ben pouco do modelo que Max Weber definiría fai xa case un século: organizacións burocratizadas. Pero a diferencia do modelo do vello profesor alemán pai de O político e o científico, nos partidos non se ascende por capacidade técnica, máis ben as elites ascenden a nivel interno por relacións case vasalláticas ou por antigüidade. Neste esquema, o funcionario de partido, representa o auténtico elemento de poder, limitando o acceso das bases partidarias ao proceso de elección de liderados e deseño das políticas públicas dos partidos. Unha especie de “xerencialización”, de despotismo ilustrado polo cal un líder, logo de ser escollido, ten absoluta liberdade para decidir sobre case todos os aspectos da organización sen ter apenas oposición pola súa importante acumulación de poderes. ¿Canto pode resistir un modelo como este na nosa sociedade actual?

Nun intre no que a crise económica levou por diante moitos dos tradicionais esquemas de organización empresarial e política, os partidos deben modernizar as súas estructuras para adaptarse aos novos modelos sociais. Poñamos como exemplo o Partido dos Socialistas de Galicia, que se atopan neste intre no inicio da definición do seu novo liderado e esquema organizativo. ¿É posible manter un modelo de partido burocratizado, con alto peso das súas elites no proceso de decisión, con estilos de liderado clásico?

Os estudiosos das organizacións teñen establecido que as organizacións que non se adaptan, rematan desaparecendo. Exemplos como os do PASOK, ou recentemente o Partido Socialista Francés son clarificadores. Organizacións que non foron quen de abrirse á sociedade e modernizar o seu discurso político e sobre todo, praxe interna. Nunha sociedade que mira con lupa aos seus políticos aos que en boa parte acusa de ser corresponsables da crise económica, é sinxelo chegar á conclusión de que as bases dos partidos políticos, refugan progresivamente de liderados exclusivos, pechados, burocratizados ou intrascendentes socialmente. O exemplo das primarias socialistas do PSOE é claro: cando os aparatos do partido intentan “parapetarse” no poder a costa da imaxe ou do discurso do propio partido, esto remata tendo consecuencias desastrosas para a propia organización, que á postre, polo triunfo de liderados máis ou menos radicais ou pola conservación do poder por parte das burocracias internas, a ruptura é evidente e á postre, o partido político perde a súa posición como ferramenta de transformación social. A estratexia de discurso de enardecemento e afiliados pega cartaces ou o control dos medios económicos e o control do aparato podía servir nunha época nos que a información era escasa, o votante medio tiña menos formación ou tempo para analizar as propostas dos líderes, pero xa non serve para gañar eleccións.

¿Conclusión? As vellas fórmulas poden inda gañar batallas orgánicas, pero non o farán na sociedade, porque esta mudou de xeito moi sustancial. Un partido xa non se concibe sen falar de transparencia, de accountability e rendición de contas, de responsabilidade social, de xestión do coñecemento ou de pluralismo e diversidade. Dicía o estudioso Giovanni Sartori na súa obra Enxeniería Constitucional Comparada, que as constitucións deben ser ferramentas que funcionen como un motor ben engraxado para adaptarse aos cambios da sociedade dende o respeto á diversidade e o pluralismo que representa a propia democracia. Neste senso, facía un chamamento á importancia do que el denominaba “enxenieiros sociais”. Expertos en transformación de organizacións, na análise, no planeamento e na implantación de axendas de cambio organizacional. Estas axendas de cambio están baseadas na definición dun novo discurso interno baseado nos principios organizativos que deben rexir unha moderna organización: sistema participación interna, xestión dos recursos humáns, transparencia, implantación dunha cultura innovadora e a formación interna, a valorización do talento e a creación de equipos capacitados e renovadores, a adopción de sistemas de gobernanza baseados na responsabilidade social corporativa, aposta por un modelo inclusivo e pluralista, sectorialización e xestión do coñecemento,… Principios exitosos en outras organizacións que deben constituir as novas axendas de cambio dos partidos políticos que queiran sobrevivir.
Tamén ten mudado sobremanera o concepto de liderado. O liderado tradicional, baseado no control do apartato orgánico, tampouco serve xa para enfrentarse aos cambios sociais. Hoxe, o líder ou a líder dunha organización non son xa os designados a dedo polo poder, os que ascenden por antigüidade, ou en política, os que dominan a oratoria ou enardecen as masas. Hoxe o liderado que valoran as organizacións é aquel que é quen de impulsar e xestionar equipos capacitados e adaptativos cara metas previamente planificada e o acadan a través de solución innovadoras e xerando sentimento de pertenza e lealdade ao equipo a través da valorización do seu traballo, compromiso e resultados. ¿Poden os partidos aproveitar os avances que as organizacións sociais teñen experimentado estes anos e incoporalas á súa xestión?

Voltemos ao PSdeG. Se o candidato gañador é incapaz de impulsar unha axenda interna de cambio, a socialdemocracia galega pode xogarse a súa supervivencia. Se é incapaz de promover cambios que trascendan a mecánica orgánica para modernizalo e adaptalo aos novos tempos e a unha nova sociedade civil difícilmente se poderá considerar unha organización existosa. Pero para iso fai falla un proxecto ben estructurado e coherente.

Xoaquín Fernández Leiceaga, un político cunha traxectoria ampla de coñecemento e compromiso co país e Gonzalo Caballero un líder emerxente que se caracterizou na súa vida política pola defensa de posición críticas e renovadoras,  decidiron unificar os seus proxectos e presentar recentemente un proxecto  conxunto de medidas para transfromar o PSdeG.  En fronte, o proxecto de Juan Villoslada terá que facer fronte a esta unión nunhas primarias con resultado aberto. Pero máis aló do necesario debate sobre as propostas, o proxecto de Gonzalo Caballero e Xoaquín Fernández Leiceaga representa en todo caso un corpus teórico clarificador do modelo de partido ao que aspiran. Neste senso, no intre actual das primarias do PSdeG, parece evidente que as súas propostas feitas públicas ante os seus afiliados con luz e taquígrafos, van liderando a batalla discursiva ao conseguir posicionar un modelo novidoso e innovador para resolver os problemas que o PSdeG arrastra dende o ano 2009 baixo tres principios rectores: liderado e capacidade técnica, dirección dialogada e pacificada de equipos cara metas e fins claros e aposta pola formación interna e o modelo de partido innovador. Deste xeito, xurde un relato claro do partido que quere construir a través de ideas forza claras e concisas.

Os tempos mudan. Tamén para un PSdeG que debe escoller entre o Gatopardismo dun modelo que se resiste a desaparecer e a modernidade dos novos enfoques organizativos. Pero nesta etapa de posverdades e homo videns, recuperando a Sartori, sempre será preciso considerar a democracia como un sistema onde no debate político e da construcción de alternativas de goberno, as ideas, o relato e os argumentos no máis puro estilo Habermasiano, deben seguir considerándose as ferramentas claras para establecer un diálogo coa sociedade para a súa aprobación e lexitimación. Se deixamos que só a imaxe e a forza dos aparatos orgánicos ou os discursos enardecidos dominen sobre as propostas concretas ou a conciencia política, a democracia como sistema de debate parlamentario e racionalista perderá o seu obxectivo que non é outro que acadar, para a maioría social aquelo que toda a filosofía clásica grega perseguía, a vida boa en común e a liberdade.

A Eudaimonía.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Iván Vaqueiro Nicolás Iván Vaqueiro Gradín (O Porriño, 1977). Politólogo e Consultor, dirixe unha empresa de consultoría empresarial Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC É Diploma de Estudos Avanzados (DEA) de Doutoramento na Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da USC no programa "Procesos Políticos Contemporáneos" Master en Dereito Urbanístico e Medioambiental pola Universidad de Vigo. Colaborador de varios medios de prensa e revistas galegas www.ivanvaqueiro.blogspot.com @ivanvaqueiro