Temas: SANIDADE

Competencia investiga se hai posición dominante de Adeslas en Galicia

Centros privados e médicos piden un cambio de modelo comercial das aseguradoras para evitar "posición de dominio".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2017 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

A Comisión Galega da Competencia (CGC) investiga "se pode haber un abuso de posición dominante en Galicia por parte de Adeslas" por mor dunha denuncia presentada pola Asociación de Hospitais Privados de Galicia (Ahosgal) en relación a que "os prezos que aplica Segurcaixa Adeslas S.A. nas relacións comerciais resultan significativamente inferiores aos de calquera outra empresa do sector".

Clínica Adeslas.
Clínica Adeslas.

Segundo informaron fontes de Competencia, abriuse un expediente e iniciouse "unha investigación reservada" despois de que en novembro de 2014 Ahospgal presentase a denuncia e esta "segue o seu curso para avaliar se pode haber un abuso de posición dominante en Galicia por parte de Adeslas".

Os denunciantes, segundo aclara Competencia, "entenden que Adeslas se aproveita do elevado volume de negocio que ten cos hospitais galegos privados para imporlles uns prezos moi baixos que, en ocasións segundo din, nin sequera cobren o custo que lle supón ao hospital prestar o servizo".

Neste sentido, os hospitais privados denunciantes alegan que "dependen da facturación de Adeslas para sobrevivir, pero co pouco que lles paga tampouco son viables".

En declaracións a Europa Press, a xerente de Ahosgal, Marta Taboada, resaltou que no sector teñen "a sensación de que Adeslas exerce unha posición de dominio no ámbito da sanidade privada galega".

Taboada explicou que coa denuncia presentada en novembro de 2014 buscan que se "investiguen tarifas e actuacións". Por iso, manifestou que esperan que "se recoñeza efectivamente se hai un abuso de posición de dominio".

Neste sentido, a xerente de Ahosgal insistiu en que "a situación ás veces é insustentable" e confía en que "non tarde moito" a resolución de Competencia sobre esta denuncia.

Ao ser consultada por Europa Press, a aseguradora Adeslas declinou facer declaracións sobre esta investigación aberta ao ser de carácter "reservada".

Tamén o Consello Galego de Colexios Médicos puxo de manifesto as "numerosas queixas e testemuños" de médicos colexiados en relación ás aseguradoras médicas privadas para "denunciar as condicións laborais que sofren na mediciña privada".

Así, sinalaron que aos médicos que traballan para as aseguradoras privadas "non se lles ofrece ningunha fórmula contractual que dea soporte á súa actividade profesional" e "son incluídos sen máis no cadro médico que a aseguradora oferta aos seus asegurados".

TARIFAS

Segundo consta na denuncia presentada por Ahosgal, a sesión de fisioterapia págase a unha media de 4-6 euros --e esixe uns 45 minutos por sesión-- o que, segundo a asociación de hospitais privados galegos, "nin sequera cobre o custo do profesional" e concreta que, en virtude desta tarifa, "o profesional cobraría menos" que o salario mínimo interprofesional.

Así mesmo, as tarifas por acto médico coas que retribúe aos médicos "son pouco menos que ridículas", indican os colexios profesionais galegos, e, segundo lamenta a entidade colexial, "obrigan a estes a un número elevado de consultas por xornada para que resulte minimamente rendible a súa actividade profesional privada". Iso, engaden, "dificulta en gran medida a calidade asistencial".

Sobre iso, aclaran os colexios médicos galegos que as tarifas "non son negociables en virtude da liberdade de mercado". "O modelo asistencial que estas compañías desenvolven carece, ademais, da necesaria integración e desenvólvese, con certa frecuencia, en prestacións fragmentadas que dificultan unha atención sanitaria eficiente e de calidade", sosteñen.

Ademais, advirten de que nos últimos anos "a competencia entre as diversas aseguradoras médicas privadas está a levar a unha guerra de prezos á baixa nas súas ofertas de aseguramiento aos cidadáns".

Neste sentido, en declaracións a Europa Press, o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, José Luís Jiménez, incidiu en que se trata "dun problema antigo" co que "non se pode facer unha práctica de calidade", para a que reivindican tempo para atender ao paciente e un cambio no pago porque "as retribucións son ridículas por acto médico".

Nesta liña, apuntou que aos médicos xerais de Atención Primaria "están a darlles entre sete e oito euros por unha primeira consulta" e "dúas ou tres polas seguintes". Mentres, sinala que os especialistas poden percibir "en xeral, entre 15 e 16 euros por paciente" por parte das aseguradoras. "Tes que ver unha enorme cantidade de pacientes para que sexa rendible", aclara e afirma que "non é o ideal para facer unha asistencia de calidade".

O doutor Jiménez, presidente do Colexio de Médicos de Ourense, lamentou que o modelo actual baséase en "pago pouco e podo ofrecer pólizas moi baratas aos meus asegurados". "Pedimos que cambien o modelo para non ofrecer gato por lebre. Hai que ofrecer calidade", reivindicou.

Por todo iso, os médicos galegos e os hospitais privados reivindican un cambio de modelo comercial das aseguradoras para evitar "posición de dominio". "Debe facerse outro modelo de privado a través das aseguradoras, que garantan o tempo por paciente e con retribucións que non estean blindadas", sostén o doutor Jiménez.

DEPENDENCIA ECONÓMICA

As fontes de Competencia consultadas explicaron que, no marco da investigación aberta pola denuncia dos hospitais privados galegos, "se se demostrase esa conduta, podería ser un abuso de posición dominante ou un abuso dunha situación de dependencia económica, ambas prohibidas pola normativa de competencia".

Tras a apertura do expediente iniciouse unha fase de investigación de "información reservada" para ver "se se confirman os indicios e se se consegue unha proba documental sólida", apunta Competencia.

Ademais, Competencia aclarou que "non existe un prazo fixado" para resolver esta denuncia, pero matiza que "en todo caso, a investigación está xa avanzada". Respecto diso, puntualiza que se trata dun "tema de complexidade engadida" que se adoita ter neste tipo de cuestións, "en boa medida porque cada hospital conta cun acordo diferente con distintas condicións", conclúe.

Temas: SANIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 lilins

Ademais, Competencia aclarou que "non existe un prazo fixado" para resolver esta denuncia, pero matiza que "en todo caso, a investigación está xa avanzada". Respecto diso, puntualiza que se trata dun "tema de complexidade engadida" que se adoita ter neste tipo de cuestións, "en boa medida porque cada hospital conta cun acordo diferente con distintas condicións", conclúe.comprar camisetas de futbol baratas

1 Dalle que libras

Moitos que van de dirixentes sindicais e de dirixentes políticos de " esquerdas", especialmente no Ensino Público, en troques de estar na Sanidade Pública están en ADESLAS. Logo aparecen na pancarta de " En Defensa dos Servizos Públicos" e mesmo berran " O Público é Servizo o privado BENEFICIO"