Temas: SAúDE LUGO

Lugo acollerá a expertos oncolóxicos de todo o país no Congreso Provincial sobre o cancro

O II Congreso Provincial de Pacientes con cancro e a súa contorna familiar terá lugar os días 10 e 11 de novembro na Facultade de Enfermería.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 08/10/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Lugo acollerá os días 10 e 11 de novembro, na Facultade de Enfermería, o II Congreso Provincial de Pacientes con cancro e a súa contorna familiar. Trátase do foro, totalmente gratuíto, que organiza Somos Unidos por el Cáncer coa colaboración de Deputación e Concello de Lugo, e no que participarán especialistas e profesionais da oncoloxía de todo o país.

Presentación do II Congreso Provincial de Pacientes con cancro e a súa contorna familiar.
Presentación do II Congreso Provincial de Pacientes con cancro e a súa contorna familiar.

A deputada de Promoción Económica e Social, Emprego, Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo; a Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira; e o Presidente de Somos Unidos Contra el Cáncer, José Manuel Vázquez, presentaron este encontro no que participarán arredor dunha trintena de médicos, fisioterapeutas, nutricionistas, farmacéuticos, psicólogos, xinecólogos, sexólogos, e membros de asociacións de todo o país

López Izquierdo subliñou que “o cancro é unha das principais causas de morte en España. Un de cada tres homes e unha de cada catro mulleres serán diagnosticados de cancro ao longo da súa vida". A deputada subliñou tamén que "é un privilexio poder acoller na provincia de Lugo, durante dúas xornadas, a opinión de reputados profesionais oncolóxicos de todo o país, co obxectivo de afondar nesta doenza, nos novos tratamentos e como traballar coas familias que teñen que convivir día a día con esta enfermidade”.

A deputada de Promoción Económica e Social, Emprego, Benestar e Igualdade puxo en valor o traballo de asociacións como Somos Unidos, que traballan diariamente para axudar aos doentes e familias a vencer esta enfermidade na provincia de Lugo.

Pola súa parte, González Abelleira felicitou a Somos Unidos por el Cáncer por organizar estas xornadas únicas e de gran calidade na cidade de Lugo e “por permitirnos visibilizar esta enfermidade”.

PROGRAMACIÓN E RELATORES

O congreso está avalado por seis sociedades científicas e declarado de Interese Sanitario. No foro abordaranse diferentes temas relacionados coa enfermidade, como os novos tratamentos, a convivencia coa doenza, coidados da pel, o cancro nos nenos ou a nutrición, entre outros moitos. A programación será a seguinte:

Venres, 10 de novembro

17:00 horas.- Inauguración

17:15 horas.- O cancro e a condución. Participarán o Tenente Xefe do Servizo de Asistencia da Comandancia da Garda Civil en Lugo, Miguel Ángel Iglesias Blanco; e o Garda Civil do Subsector de Tráfico de Lugo, Manuel R. Maira Saavedra.

17:45 horas.- Abordaxe integral do proceso educativo do neno con cancro. Participará a integrante do departamento Psicoeducativo de ASION de Madrid, Antonia Martínez Aguero.

18:30 horas.- Ensaios clínicos, pola adxunta ao servizo de Oncoloxía do HULA, Begoña Campos Balea; e a coordinadora en ensaios clínicos do HULA, Raquel Romero Van Der Shoot.

19:00 horas.- Coidados da pel e maquillaxe, impartida pola farmacéutica e especialista en dermoestética, Lucía Formoso Míguez.

19:45 horas.- Maxistral. Mitos e lendas, pola facultativa especialista en Microbioloxía e Parasitoloxía do Hospital Clínico Universitario Virgen de la Victoria de Málaga, Aurora García Barrionuevo.

Sábado, 11 de novembro

10:00 horas.- Mesa Redonda. Como remar co cancro. Comunicación. Participará a paciente membro de Chantada Contra o Cancro, Manuel Ángel Vázquez López; o Xefe de Oncoloxía do HULA, Sergio Vázquez Estevez; a adxunta ao servizo de Hematoloxía do HULA, Esperanza Lavilla Rubira; a Presidenta de GEPAC, Begoña Barragán; a Xefa de servizo da Unidade de Coidados Paliativos e HADO, Mª Aranzazu García Martínez; o Presidente da Sociedad Española Medicina General, Antonio Fernández-pro Ledesma; a membro de Somos Unidos, Concepción Vila Alonso.

12:00 horas.- A vida durante o cancro; 10 claves, impartida pola Psicóloga adxunta do servizo de oncoloxía do HULA, Rocío Basanta Matos.

12:45 horas.- Visión do TTO do Linfedema; pros e contras. Participará o fisioterapeuta método LEDUC, Carlos Manero García; o Presidente da Asociación Gallega de Linfedema, Juan Manuel Lameiro Barreiro. Presentado pola fisioterapeuta do servizo de Rehabilitación do HULA, Cristina Valle.

13:30 horas.- A representación da enfermidade no neno, impartido polo psicólogo clínico do Hospital da Costa de Burela, Mariano Carrero Moure.

16:00 horas.- Podo manter a fertilidade a pesar do tratamento?, impartido polo xinecólogo, especialista en reprodución asistida e director do Clínica IVI Vigo, Elkin Muñoz Muñoz.

16:30 horas.- Mesa redonda. Cáncer e sexualidade. Participarán a Vicepresidenta de AGAM e sexóloga, Beni Martínez García; o adxunto do servizo de uroloxía do HULA, Darío Calafiore; e a sexóloga, Estefanía Fernández Otero.

17:30 horas.- Cancro e nutrición, puntos de vista do endocrinólogo e o nutricionista. Impartidas pola adxunta do servizo de Endocrinoloxía do HULA, Rosa Argueso Armesto; e a nutricionista, Lidia Carballo Macía.

18:30 horas.- O hematólogo e o cancro, impartida pola adxunta do servizo de Hematoloxía do HULA, Mercedes Varela Pérez.

19:00 horas.- Clausura, coa actuación dos artistas Lucía Pérez e Vizcaíno.

Paralelamente ás xornadas, haberá tres obradoiros gratuítos, sobre os coidados da pel e maquillaxe, de logopedia e de fisioterapia.

Temas: SAúDE LUGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta