Temas: EDUCACIóN

Galicia, unha excepción no Estado ao aumentar o financiamento público das universidades

É a automomía onde máis aumentaron os fondos públicos, que tamén creceron, pero menos, en Asturias, País Vasco e A Rioxa. As universidades catalás e madrileñas son as que máis incrementaron os fondos de procedencia privada, principalmente dos estudantes e as súas familias polo aumento dos prezos das matrículas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/10/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

As universidades públicas do Estado dependen cada vez más do capital privado. Porén, hai dúas autonomías onde, de maneira notable, a tendencia foi ao revés nos anos de crise económica: Galicia e Asturias. Estas son as dúas únicas comunidades nas que aumentou de maneira significativa o financiamento público á vez que baixou o privado, que se sitúa oito puntos por debaixo da media estatal. Unha consecuencia inmediata disto foi un aumento dos prezos das matrículas onde se recibiron máis fondos privados e unha conxelación das taxas nas universidades nas que creceu o financiamento público. 

Claustro de Fonseca, da Universidade de Santiago de Compostela
Claustro de Fonseca, da Universidade de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

Desde 2008 e ata o 2014 —anos de profunda crise económica— o financiamento privado pasou no conxunto das universidades de todo o Estado de representar o 18% ao 22% do financiamento neto total, mentres que os prezos públicos pasaron do 10,6% ao 17,9% sobre este financiamento neto. 

Os datos son aportados nun informe das profesoras Carmen Pérez-Esparrells e Inés Jódar Martínez, da Universidad Autónoma de Madrid. No seu estudo mostran como a parte do financiamento privado que non depende dos ingresos recibidos dos estudantes (e as súas familias) quedou diminuída a un simbólico 4,3% despois da crise económica e financeira, con importantes diferenzas por comunidades autónomas.

As analistas expoñen que a maioría das autonomías, tras unha drástica redución do financiamento público, comezaron a aplicar medidas que orixinaron un aumento do financiamento de orixe privada, producíndose un forte aumento do financiamento neto que procede dos estudantes e as súas familias, coa implementación do Real Decreto 14/2012 por parte de moitas comunidades autónomas, especialmente Cataluña e a Comunidad de Madrid, onde máis aumentou o financiamento privado.

En 2008, Canarias, Castela A-Mancha, Estremadura e Navarra contaban con máis dun 84% do financiamento neto de orixe pública, fronte a comunidades como Cataluña e Aragón que contaban con máis do 23% de financiamento privado e Cantabria, con case un 22%. Con todo, os prezos públicos nesta comunidade non superaban o 8,4% do financiamento neto, do mesmo xeito que no País Vasco, onde representaba un 7,3%.

Pérez-Esparrells, C y Jódar Martínez, I.; 'Análisis de los precios públicos de las matrículas universitarias en España a raíz de la crisis económica'.
Pérez-Esparrells, C y Jódar Martínez, I.; 'Análisis de los precios públicos de las matrículas universitarias en España a raíz de la crisis económica'.

No ano 2014, o panorama do financiamento en función da orixe dos fondos variou considerablemente respecto a 2008, tras unha profunda crise económica. Así, por unha banda, obsérvase como nalgunhas comunidades autónomas creceu a porcentaxe que representa o seu financiamento público (Asturias e Galicia, cun 85%) ou se manteñen na súa porcentaxe de financiamento público (Andalucía e Murcia). Doutra banda, compróbase que se produciu un forte incremento da porcentaxe de financiamento de orixe privada en Cataluña (case o 32%) e a Comunidad de Madrid (preto do 30%). Igualmente, dentro do financiamento privado produciuse un aumento nestas dúas mesmas comuniades da porcentaxe que representan os prezos públicos sobre o total do financiamento neto: 24% en Cataluña e 25% na Comunidad de Madrid. 

GALICIA

No caso de Galicia, é a autonomía na que máis aumentaron porcentualmente os fondos públicos. En concreto, o financiamento público pasou do 81,95% en 2008 ao 85,05 en 2014. Á par, os fondos privados reducíronse nese mesmo período do 16,92 por cento ao 14,6. A outra comunidade na que se produciron á vez un aumento do financiamento público (do 83,15 ao 85,54) e unha caída do privado (do 16,27 ao 13,91 é Asturias). A Rioxa e País Vasco son os outros dous casos nos que aumentou o financiamento público e á vez se reduciu o privado, pero cunha tendencia moito máis moderada; para os primeiros as fontes públicas pasaron do 85,98% ao 86,11% e as privadas, do 13,8% ao 13,62%, mentres que para os segundos os fondos públicos subiron de 83,49$ a 85,18· e os privados, do 15,77% ao 14,65%.

Por último, hai que ter en conta que na actualidade non son as universidades as que toman a decisión de subir ou baixar os seus prezos de matrícula nos ensinos oficiais en virtude da súa autonomía universitaria, senón que dita decisión depende en exclusiva dos gobernos autonómicos e do goberno central, que no seu momento, coa entrada en vigor do Real Decreto Lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo eliminou os topes ao incremento dos prezos de matrícula que existían con anterioridade.  

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Cansino

Ala todos a criticar a Feijoo...oh! Espera!...Non poden.... bueno da igual...por inercia farano