Uxío Abuín, outra Copa de Europa

O triatleta de Dodro proclámase campión do circuíto europeo, coma no 2015, tras ser bronce na final en Melilla, axudado polo abandono do portugués Joao Pereira. Inés Santiago, undécima na proba feminina.

Por gcdeportes | Compostela | 08/10/2017 | Actualizada ás 23:48

Comparte esta noticia

Nova alegría para o tríatlon galego. Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) logrou o triunfo no circuíto das Copas de Europa 2017 tras conseguir o bronce na última proba en Melilla e axudado polo abandono do, ata entón líder provisional, Joao Pereira. En Melilla tamén estaban Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), que tivo que retirarse; Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial), que foi 28º, e Inés Santiago (Tríatlon Ferrol), 11ª na proba feminina. E a xuíza internacional galega, Mónica Flores.

Uxío tiña complicado o triunfo no circuíto pero estaba disposto a poñer en apuros a Joao Pereira, e así foi a por todas dende o inicio. Estivo entre os mellores na natación, xunto a Antonio Serrat, e incluso os dous galegos tentaron escaparse no inicio da bicicleta. Pero axiña o grupo principal, cos grandes favoritos, logrou collelos. Tocaba agardar o momento de atacar, pero a bicicleta foi decisiva. O líder do circuíto Joao Pereira tivo que abandonar a proba tras unha caída e de golpe, as opcións de Uxío medraron. Tamén tivo que retirarse o vigués Serrat por unha avaría, e así Uxío perdeu a un importante apoio para a carreira a pé. Pero, un ano máis, Abuín está a facer un final de tempada excepcional e pode con todo, o que lle permitiu acadar o bronce e garantir así o seu triunfo no circuíto. O podio estivo formado polo belga Geens (ouro), o francés Montoya (prata) e Abuín (bronce).

Uxío Abuín logra deste xeito o título no circuíto (igual que no ano 2015) cuns resultados incribles: triunfo en Altafulla, segundo posto en Quarteira, bronces en Melilla e Gran Canaria, ademais do quinto lugar no Campionato de Europa de distancia olímpica disputado en Kitzbuhel. Ademáis, hai tan só unha semana, acadou o ouro na Copa do Mundo en Weihai (China).

Na categoría feminina, Inés Santiago estivo sempre entre as primeiras clasificadas, facendo unha proba moi regular. Saíu da auga na décima posición e foi moi rápida na T-1, o que lle permitiu comezar o segmento de bicicleta na oitava posición. Aguantou os 40 quilómetros de ciclismo no grupo de cabeza, aínda que non se atopaba moi fina, e así saíu da segunda transición na 17ª posición. E como sempre fai Inés, escalou posicións na carreira a pé, onde recuperou as boas sensacións. Trala primeira volta xa era 12ª e na segunda, ocupaba a 11ª posición, de onde non se baixou ata parar o crono en 2h.10.53.

Uxío Abuín, no terceiro chanzo do podio.
Uxío Abuín, no terceiro chanzo do podio. | Fonte: @TRIATLONSP

Uxió Abuín, ledo tras gañar o circuíto europeo.
Uxió Abuín, ledo tras gañar o circuíto europeo. | Fonte: @TRIATLONSP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta