Temas: UE TRANSPORTE

O noroeste peninsular reclama a España que actúe ante Europa para que se lle inclúa no corredor atlántico

Galicia, Asturias e Castela e León asinan unha declaración institucional en Santiago.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/10/2017 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

O noroeste peninsular deu "un paso máis" na súa cooperación e "unión de forzas" nunha "fronte común" para lograr que Europa teña en conta este territorio e os inclúa no corredor atlántico de transporte de mercadorías. Os responsables de infraestruturas dos gobernos de Galicia, Asturias e Castela e León asinaron este luns unha declaración institucional en Santiago coa que demandan "actuacións" ao Executivo español para que este corredor conecte co noroeste peninsular.

Os responsables de infraestruturas de Asturias, Galicia e Castela e León
Os responsables de infraestruturas de Asturias, Galicia e Castela e León | Fonte: Europa Press

Tanto Ethel Vázquez, por parte de Galicia, como Fernando Lastra, de Asturias, e Juan Carlos Suárez-Quiñones, de Castela e León, coincidiron en sinalar a "oportunidade única" que supón a modificación do trazado prevista para 2018.

Na Cidade de Cultura, ante un auditorio conformado por representantes políticos e do mundo económico e social, a conselleira Ethel Vázquez puxo de manifesto a "vontade compartida" destas comunidades para aproveitar os fondos comunitarios e modernizar as liñas ferroviarias que xa existen.

De aí esta "alianza", coa que incrementar "a forza" da súa voz e que chegue ás institucións europeas, tarefa en que a Xunta xa está a traballar a través da Fundación Galicia-Europa.

Pola súa banda, o conselleiro asturiano do ramo, Fernando Lastra, apuntou aos "intereses comúns" destes territorios para engadir que "España necesita o eixo atlántico igual que o mediterráneo". Ao seu xuízo, ambos non deben competir senón "ser compatibles", posto que "vertebran" a península.

Deste xeito, avogou por "reequilibrar o cuadrante noroeste", e considerou que o equilibrio consiste en avanzar "xuntos para ser máis eficaces". "A unidade favorece o benestar e evita conflitos", apostilou.

Juan Carlos Suárez-Quiñones, titular da consellería de Fomento de Castela e León, resaltou como "imprescindible priorizar a conexión" de portos como o de Xixón e A Coruña, pero tamén os de Avilés, Ferrol e Vigo.

Dentro dun "proxecto de todos, para todos", tamén opinou que o noroeste peninsular debe ser tido en conta "dentro do proxecto común que é España".

O TEXTO

A declaración institucional rubricada esta xornada defende que o corredor atlántico de transporte de mercadorías "incorpore e priorice a conexión ferroviaria do seu actual trazado español cos portos marítimos de Vigo, A Coruña, Xixón e Avilés, a través de Palencia e León".

Apoia, neste sentido, "a realización das oportunas modificacións" co obxectivo de "facer posible unha repartición máis eficiente" entre os diferentes modos de transporte.

Consideran os gobernos de Galicia, Asturias e Castela e León que o Executivo español "debe levar a cabo as actuacións necesarias para que a redefinición das infraestruturas propostas para os trazados da rede básica (...) sexan culminadas favorablemente a fin de conectar o norte e noroeste de España (...) co corredor atlántico".

Así mesmo, solicitan finalizar a rede ferroviaria de alta velocidade no norte e noroeste "de forma coordinada co corredor atlántico de mercadorías, ao obxecto de conseguir unha rede ferroviaria homoxénea e integrada".

As tres partes trasladarán esta declaración ao ministro de Fomento, para que á súa vez as eleve aos órganos competentes da Unión Europea.

Temas: UE TRANSPORTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta