Por que ao PPdeG non lle gusta que se solucione o conflito catalán con diálogo?

Polémica entre PP e Compostela Aberta pola colocación dunha pancarta a favor do diálogo. Hernández asume o argumentario do Partido Popular e compara o conflito catalán co 23F ao sinalar que non se pode falar cun golpista. O PSOE local apoia a postura dos populares.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2017 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

A colocación dunha pancarta nos balcóns do Pazo de Raxoi de Compostela coa lema 'Parlem, Falemos', a favor dunha solución dialogada ao conflito de Cataluña, suscitou unha polémica entre o PP local e Compostela Aberta, a quen Agustín Hernández acusa de utilizar as institucións municipais con finalidade "partidista". Unha postura á que se sumaron políticos de todo o Estado, de distinta tendencia política, entre eles, das mareas, Podemos, BNG ou o PSOE que saíron á rúa para reclamar diálogo.

Pancarta 'parlem, falemos' en Santiago
Pancarta 'parlem, falemos' en Santiago | Fonte: Europa Press

A convocatoria, baixo o nome de 'Parlem, Falemos', difundiuse a través das redes sociais e reproduciuse fronte aos concellos de moitas localidades do Estado con concentracións de apoio, e o propio Goberno local colgou unha pancarta na fachada do inmoble.

A polémica iniciouse nas redes sociais cando o portavoz municipal do PP, Agustín Hernández, acusou a Noriega de usar o edificio como o seu "cortijo" e esixía a retirada da pancarta. Compostela Aberta defendeu a súa colocación amparándose nun acordo plenario, aprobado co voto de calidade do rexedor e o apoio de CA e BNG, no que se condena a criminalización do conflito catalán e se aposta por unha solución dialogada.

"É absolutamente falso", sinalou Hernández este luns, quen lembrou que o acordo plenario foi "anterior" á constitución da plataforma que impulsou a campaña á que se refire a pancarta. Por iso, advertiu de que o concello "non é a casa do señor Noriega", senón "a de todos os santiagueses", incidindo en que a corporación comparte o edificio con instalacións da Xunta.

Hernández levou as súas críticas máis aló e considerou que, aínda que a política consiste "en negociación", en "escoitar" e dialogar, "o que non se pode é non contar o resto da historia". "Cun presunto delincuente non se pode falar", insistiu en alusión aos mandatarios de Cataluña, incidindo en que "o primeiro" que teñen que facer os impulsores do proceso é "abandonar a ilegalidade" e someterse ao "peso do Código penal"

OCORRE "O MESMO" QUE NO 23F

O portavoz popular comparou a situación que viven o Estado e Cataluña como o 23F e o intento de golpe de estado militar, sinalando que tería sido "inxustificado" no seu momento falar con Tejero "cando tiña secuestrado o Congreso". "Agora ocorre exactamente o mesmo", insistiu, advertindo de que existe un incumprimento das leis e un Estado de dereito que "está a actuar".

Desde o grupo local socialista, Paco Reyes tamén advertiu que no acordo plenario "non aparece nada con respecto ao tema da pancarta", e lembrou que "o que non cabe" é o diálogo "fóra da norma".

Reyes advertiu de que "unha cousa é que a cidadanía decida manifestarse nun sentido" e outra é a postura "oficial" de Noriega, usando o "símbolo máis representativo" do Goberno local "para esa formulación".

Así mesmo, acusou a Compostela Aberta e a Noriega de aprobar unha moción para validar que todo o mundo interprete "que normas son xustas ou inxustas" e cales "se aplican ou non se aplican".

"PATRIMONIALIZANDO A MANOLO ESCOBAR"

Ante as acusacións do PP, Martiño Noriega compareceu publicamente para trasladar a súa "preocupación" por unha situación na que "un chamamento ao diálogo estea considerado unha posición de parte".

"Algúns lle teñen alerxia a calquera situación que signifique desbloqueo mediante o diálogo e a intermediación. Creo que quedan retratados", sinalou en resposta a Hernández, a quen ve "en coordenadas bélicas" e "patrimonializando a Manolo Escobar". Neste sentido, Noriega ve "necesario" o chamamento ao diálogo, "amparado" por un acordo plenario no que se fala de "reivindicación de vías" de actuación nese sentido, e asegurou que "non había interese ningún" en patrimonializar a campaña.

"Xa está ben de ser irresponsable", sinalou Noriega, quen pediu "un pouco de respecto" a Hernández. Respecto diso das súas críticas, Noriega advertiu dos intentos de "criminalizar" unha expresión política de "millóns de persoas", e considerou "un reduccionismo" que se tente sustanciar unicamente pola vía xurídico-legal.

"Vas encarcelar a miles de persoas?", preguntouse, á vez que pediu "buscar un espazo de distensión" no que non se equiparen "urnas a bombas". Doutra banda, lembrou que coñece as súas competencias e aclarou que "non tería que estar amparado" para autorizar a colocación dunha pancarta no concello.

APOIO ÁS FORZAS DE SEGURIDADE

O portavoz municipal do PP tamén avanzou a presentación dunha moción para instar o pleno a trasladar o seu apoio "incondicional e unánime" aos corpos e forzas de seguridade do Estado, ante o "acoso constante" que reciben efectivos da Garda Civil e a Policía Nacional en Cataluña "por parte dunha minoría violenta".

Hernández sinalou que esta situación lle lembra a "episodios dramáticos" do País Vasco no que se "sinalaban" a policías polas rúas, que neste caso prodúcense "polas autoridades da Generalitat".

"A violencia é violencia e calquera cidadán e responsable público debe denunciar este tipo de actitudes", insistiu, lembrando que estes efectivos actuaron cumprindo a súa "responsabilidade" para "garantir a liberdade de todos", comparando as actuacións coas desenvolvidas en Santiago durante o conflito do desaloxo do colectivo okupa Escarnio e Maldizer.

Así mesmo, pedirase instar as institucións que utilicen "todas as ferramentas" do Estado de dereito (incluído o artigo 155), con "proporcionalidade" pero "con firmeza", para frear a aqueles que pretenden "conculcar o marco constitucional" desde a "ilegalidade".

Desde o PSOE, Paco Reyes avanzou que primeiro queren "ver o texto" da proposta antes de pronunciarse, pero si garantiu que o PSOE "claramente apoia" ás forzas e corpos de seguridade do estado por norma "xeral". Neste sentido, reiterou que o marco normativo "non se respectou" no caso da cuestión catalá, como así o dixo "o Tribunal Constitucional".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Ejjjjj que vamos

O boinas facendo como sempre do concello o seu cortello particular. leva 2 anos sen dar pancada salvo para ir de xira podemita por España. En fin, 2 anos máis e pa casa.

1 anonimo

Non sei qué diálogo pode haber. Non hai una " terceira vía" que satisfaga a ninguén. O Estado non pode admitir a independencia, e os independentistas só queren a independencia. Non parece posible ningún diálogo porque o sector independentista non aceptaría nengunha vía reformista, e tampouco quere admitir que o referéndum non tivo garantías.

1 Per

Se existe a posibilidade de dialogo , que sería a base de moito diñeiro para Catalunya coma ocurriu co Pais Vasco ,, e todo a cambio de declarar a independencia e non executala, a min parezme a pior solución.