GC Aberto

Son de Trives denuncia que a salubridade da auga en Trives segue en entredito

Son de Trives, a través do seu voceiro Jorge Vázquez, ven de presentar un escrito dirixido á Consellería de Sanidade solicitando que realicen as xestións oportunas ante o concello para asegurar que se están cumprindo os protocolos para garantir a salubridade da auga e a tranquilidade da veciñanza afectada.

Por Trives | GC ABERTO | 09/10/2017

Comparte esta noticia

Estado da auga en Trives
Estado da auga en Trives | Fonte: Son de Trives

Os problemas coa salubridade da auga no concello de A Pobra de Trives remóntanse ao mes de agosto, data na que, tras analizar a auga da traída, debido a valores elevados de arsénico, se declaraba NON APTA para o consumo humano pola Consellería de Sanidade.

No escrito remitido daquela desde a Consellería, especificábase a obriga do concello de restrinxir o uso de auga de consumo a calquera actividade que non implicara a súa inxesta ou uso alimentario, comunicar a citada situación á veciñanza antes de 24 horas e buscar algunha alternativa para poder prestar aos usuarios/as do servizo o abastecemento domiciliario de auga potable e garantir a calidade da auga de consumo público.

“O Concello emitiu un bando o 13 de setembro para informar da situación, cumprindo cunha parte das obrigas comunicadas pola Consellería”, asegura o concelleiro de Son de Trives, Jorge Vázquez, “actuación insuficiente, xa que non se ofreceu en todo este tempo desde o concello nin unha soa alternativa para o subministro de auga apta para o consumo, demostrando así, unha vez máis, a pasividade e inacción do grupo de goberno ante as necesidades esenciais da veciñanza, ao ser o paso do tempo a única acción emprendida”.

O 29 de setembro, tras realizar novos análises, a auga volvíase declarar APTA para o consumo humano, sen embargo, desde esa data, detectouse que a auga sae por veces e zonas totalmente marrón e toldada, desprendendo un cheiro desagradable, o que xera contrariedade na veciñanza, ao ter uns resultados oficiais que contrastan obxectivamente coa realidade da uaga que sae polas billas.

Debido á gravidade desta situación, desde Son de Trives solicitan á Consellería de Sanidade que realicen as xestións oportunas ante o concello de A Pobra de Trives para asegurar que se están cumprindo os protocolos para garantir a salubridade da auga e a tranquilidade da veciñanza afectada.

Temas: TRIVES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta