Avistan unha terceira balea azul en augas galegas

O exemplar, duns 25 metros de lonxitude, foi identificado preto de Corrubedo por un equipo do Bottlenose Dolphin Research Institute, que xa avistara outro diferente o 20 de setembro pasado preto de Ons. Estes dous súmanse a outra balea azul que fora identifcada doce días antes na ría de Muros e Noia.

Por Alberto Quian | O Grove | 10/10/2017 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

Un novo exemplar de balea azul —o animal máis grande do planeta— foi avistado este luns en augas galegas. Un equipo do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove, identificou o que sería o terceiro exemplar de Balaenoptera musculus en Galicia en tan só un mes; un feito que ten abraiada á comunidade científica polo estraña que é a presenza desta especie nas nosas augas, xa que nunca antes se vira aquí viva unha balea azul.

Exemplar de balea azul duns 25 metros de lonxitude, preto de Corrubedo
Exemplar de balea azul duns 25 metros de lonxitude, preto de Corrubedo | Fonte: BDRI.

O avistamento produciuse noutra xornada de traballo de campo "absolutamente incrible", salienta Bruno Díaz, director do BDRI. "Non saímos do noso asombro", recoñece emocionado a GC. 

O equipo do BDRI avistou este luns a balea azul a entre seis e oito millas de Corrubedo. Trátase dun grande exemplar duns 25 metros de lonxitude ao que puideron acompañar durante varias horas, durante as cales os científicos tomaron fotografías e un vídeo. Bruno Díaz confirma a este xornal que se trata dun exemplar distinto do que identificaron o pasado 20 de setembro preto de Ons, duns 24 metros, o que vén confirmar que as augas galegas están atraendo a estes colosais animais, en perigo de extinción. "É algo excepcional", comenta Díaz.

Anteriormente, o pasado 8 de setembro, avistárase outra balea azul na ría de Muros e Noia duns 18-20 metros de lonxitude. Naquel caso foi a CEMMA (Coordinadora para o estudo de mamíferos mariños) a que confirmou o achado tras revisar as imaxes aportadas por distintas persoas que gravaran o animal.

É dicir, en apenas un mes foron identificados en augas galegas tres exemplares do maior animal do mundo, a balea azul, algo insólito até o de agora.

Balea azul duns 25 metros de lonxitude, preto de Corrubedo
Balea azul duns 25 metros de lonxitude, preto de Corrubedo | Fonte: BDRI.

A estes abraiantes achados hai que sumar outras sorpresas que está dando o mar aos científicos galegos, como o avistamento e filmación, o pasado 7 de outubro, dun exemplar de rorcual común (Balaenoptera physalus) con vitilixe, unha afección cutánea que se caracteriza pola presenza de manchas brancas sen pigmento, rodeadas dun bordo de cor normal ou máis escura. Foi a primeira vez no mundo que se gravou unha balea con esta enfermidade.

Bruno Díaz explica esta tarde, ás 20 horas, estes avistamentos nunha conferencia como parte do Congrero ForoAcui 'Cultivando o Mar', no Grove (carpa institucional na Feira do Marisco).

Un exemplar de balea azul duns 25 metros de lonxitude, preto de Corrubedo
Un exemplar de balea azul duns 25 metros de lonxitude, preto de Corrubedo | Fonte: BDRI.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta