Folga no Sergas o 2 e 3 de novembro

Os sindicatos convocab un paro para esixir á Xunta a "recuperación de dereitos". Haberá previamente concentracións o 19 e 25 de outubro para reclamar que se negocie un calendario sobre acordos retributivos e carreira profesional.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2017 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

A plataforma sindical de Sanidade —conformada por CIG, CC.OO., UXT, CSIF, SAE e SATSE— convocou folga en todos os servizos do Sergas para o 2 e de 3 de novembro ante a negativa da Xunta a implementar a "recuperación de dereitos" dos profesionais.

Plataforma sindical de Sanidade
Plataforma sindical de Sanidade | Fonte: Europa Press

Unha das portavoces desta plataforma e responsable de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denunciou que a Xunta se nega "sequera a negociar un calendario para recuperar os acordos retributivos e a carreira profesional". Así, censura que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, "condena os traballadores do Sergas a ter os peores salarios" do "conxunto dos empregados públicos da Xunta", así como do Estado.

Esta folga convócase para os días 2 e 3 de novembro —pero comezará ás 22,00 horas do día 1 por cuestións de quendas— e coincidirá coa folga convocada polos sindicatos médicos, CESM-Galicia e O'Mega, aínda que no seu caso céntrase na carreira profesional e a plataforma sindical de Sanidade apunta a que a súa protesta se refire a todos os dereitos perdidos.

Previamente, haberá concentracións os días 19 e 25 de outubro en centros de traballos do Sergas para reclamar un calendario de reunións no que negociar a recuperación progresiva de dereitos perdidos.

ACORDOS INCUMPRIDOS

A este respecto, os traballadores explican que en 2008, co bipartito, os sindicatos asinaron un acordo de equiparación salarial aos seus complementos retributivos de atención continuada á media estatal —polos que se pagan noites, festivos e gardas—. Ademais, ese acordo contemplaba un aumento salarial en cinco anos para igualar o complemento específico do persoal do Sergas co resto de empregados da Xunta.

Con todo, censuran que estes acordos foron suspendidos coa chegada do PPdeG á Xunta, e a pesar de que o Goberno galego fala de recuperación económica "non vai haber ningunha recuperación" para os traballadores do Sergas entre 2018 e 2020, censura Abuín.

Respecto diso, bota en cara a Feijóo que "di que as normas hai que cumprilas", pero non cumpre os acordos asinados cos traballadores, que segundo lles trasladou o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, nas reunións desta semana, quedan "anulados".

No tocante ás retribucións, explícase que aínda que un traballador sexa un enfermeiro especialista ou de coidados xerais, que debería ter un nivel de complemento específico de 21 ou 23, en cambio está nun 16, igual que un auxiliar administrativo da Xunta.

A isto únese que a recuperación da carreira profesional, recollida no estatuto marco desde o ano 2003, está tamén suspendida.

E é que por parte da plataforma critícase que o Goberno galego "non é de fiar", con "acordos asinados que non se respectan", mentres se reclama que nos orzamentos de 2018 inclúase unha partida para a recuperación nos orzamentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta