Feijóo: "Lamento que haxa incendiarios e que algún sexa brigadista"

O presidente galego admite risco "máximo" de incendios, sobre todo no interior, pero di que o operativo "funciona".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2017 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

"Lamento que haxa incendiarios e que algún sexa brigadista, algo que é moi doloroso para a administración forestal". Foron as declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao ser preguntado polas críticas de brigadistas e sindicatos polo despido este mes de máis de 430 persoas do operativo contra incencios, cando a provincia de Ourense arde en varios concellos.

Incendio forestal
Incendio forestal

"As forzas de seguridade están a actuar, cando hai algunha sospeita, para identificar e deter aos autores de lumes forestais", dixo ao rexeitar que o seu Executivo desmantelase o dispositivo contra incendios forestais. É máis, Feijóo defendeu este operativo nun escenario no que, admitiu, o risco "é máximo", sobre todo nas zonas de interior. "E cada día que pasa con menos choiva e máis temperatura é peor", aseverou.

E é que dous dos tres incendios forestais declarados na parroquia Río Caldo do municipio ourensán de Lobios, e que afectan o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, seguen activos no mediodía deste mércores, tras queimar unha superficie de 650 e 90 hectáreas, respectivamente, mentres que o terceiro está controlado, tras calcinar unhas 51 hectáreas. Ademais, a provincia de Ourense rexistra outros dous lumes en Vilar de Barrio (activo) e Chandrexa de Queixa (estabilizado), que afectan a unhas 80 e a unhas 40 hectáreas, respectivamente.

Feijóo enumerou os lumes en activo. "Sabemos os lumes que hai e estamos a actuar; non podo máis que agradecer o éxito do dispositivo contra incendios; está a traballarse con éxito desde o punto de vista da extinción", defendeu o presidente.

DISPOSITIVO AXUSTADO

En canto ás críticas á Xunta, Feijóo negou un suposto desmantelamento do operativo e defendeu que este se planifica en función dunha serie de datos, e "está a funcionar" adecuadamente.

Brigadistas nun incendio en Chandrexa de Queixa
Brigadistas nun incendio en Chandrexa de Queixa | Fonte: Brigada de Marroxo (@BMarroxo).

Así, aínda que previamente incidiu en que o risco é "máximo", matizou que hai "unha zona atlántica" na que este baixou de "forma evidente" porque "o número de horas de sol é inferior e as temperaturas nocturnas son inferiores".

"Sempre facemos os operativos pensando onde hai máximas dificultades, e é nas zonas do interior de Galicia, sobre todo cara a Castela onde se dan agora e onde estamos a actuar", reivindicou, antes de apelar a "non equivocarse" de inimigo porque "a responsabilidade" debe ser "dos que acenden o lume", non de quen "o apaga".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 toxo verde

e xente de brigada municipal contratada polo pepeiro, ten que haber responsables desta contratación en alcaldía, muito non e contratado por profesionais, contrata a xente moi amiga, sobre todo si ten moitos familiares polo das votacions, polo do concello, moitas veces tamen contrata a xente conflictiva nos pobos para sacala do medio, tuzaros, bebedoiros e toleirans... asi o pepeiro os pon en nominas, pero o dito non son contratacions profesionais nin teñen garantía, incendiar o monte si é terrorismo a cousa pode chegar a quen fixo a contratación municipalista.