GC Aberto

A Lei de Amnistía de 1977 e a impunidade dos crimes do franquismo

Manuel Monge. A Lei de Amnistía 46/1977 de 15 de outubro (BOE de 17 de outubro) foi unha conquista democrática despois de corenta anos de represión dunha ditadura criminal. Moitas persoas saíron do cárcere, miles recuperamos o posto de traballo etc. Despois de corenta anos de democracia, asistimos a unha utilización perversa desa lei, que é interpretada como unha lei de punta final. O esquecemento das vítimas do franquismo (aínda hai máis de 135.000 persoas nas cunetas, desaparicións forzadas, asasinadas polo franquismo) e a negativa dos sucesivos gobernos a xulgar os crimes contra a humanidade, é unha auténtica vergoña de Estado e unha proba de que o chamado Pacto da Transición non foi tan modélico e que a nosa democracia é de baixa calidade.

Por admin | A Coruña | 12/10/2017

Comparte esta noticia

A vixencia da Lei de Amnistía e que os delitos dos acusados están prescritos, son dous dos argumentos centrais utilizados polo sistema xudicial e polos gobernos, tanto do PSOE como do PP, para non investigar os crimes do franquismo, amparándose nun suposto “espíritu de la Transición”. Este foi tamén o razoamento do Tribunal Supremo en marzo de 2012, que cegaba a posibilidade dunha investigación penal en España sobre crimes contra a humanidade cometidos entre 1936 e 1975. Ademais, o Tribunal Supremo establecía a inhibición da Audiencia Nacional a favor dos xulgados territoriais, paralizando así, na práctica, todas as iniciativas que puidesen tomar os xuíces para investigar as denuncias dos familiares en relación ás fosas e desaparecidos.

Xosé Humberto Baena e Xosé Luís Sánchez-Bravo Solla, dous dos últimos fusilados polo franquismo
Xosé Humberto Baena e Xosé Luís Sánchez-Bravo Solla, dous dos últimos fusilados polo franquismo

Os gobernos de España levan corenta anos desprezando as leis internacionais sobre dereitos humanos, que eles mesmos asinaron, e non poñen en práctica as recomendacións de organismos internacionais. Así, o Comité contra a Tortura da ONU lembraba o 19 de novembro de 2009 que “O Estado debería asegurar que os actos de tortura, que tamén inclúen as desaparicións forzadas, non sexan crimes suxeitos a amnistía”. A Lei de Amnistía sinalaba que “Quedan amnistiados todos os actos de intencionalidade política, calquera que fose o seu resultado, tipificados como delitos ou faltas realizados con anterioridade ao 15 de decembro de 1976”, mais a Convención Internacional para a Protección contra as Desaparicións Forzadas, subscrita por España, recolle que “o delito de desaparición forzada non será considerado delito político, delito conexo a un delito político, nin delito inspirado en motivos políticos”. Ademais, como sinala o xuíz Garzón, “la amnistía en caso de desaparición forzada fue rechazada por la resolución 828 de 26 de septiembre de 1984 del Consejo de Europa (punto13.a)”. Concluíndo, a desaparición forzada de persoas é un crime contra a humanidade, non pode ser considerada como delito político, está suxeito ás normas de extradición e non está cuberto por leis de amnistía.

O auto do xuíz Garzón de 18 de novembro de 2008 lembraba os principios para combater a impunidade:

La Comisión de Derechos Humanos en su 61 sesión de Naciones Unidas de 8 de febrero de 2005 aprobó los Principios Generales para combatir la impunidad: derecho inalienable a la verdad; el derecho de la víctima a saber; el derecho a la justicia; el derecho a la jurisdicción unversal; a la imprescriptibilidad; el derecho a la restricción y otros medios relacionados con la amnistía. La amnistía se reconoce ésta como una medida que puede ser beneficiosa en casos de acuerdos de paz, etcétera, pero en la letra a) se establece claramente que los perpetradores de crímenes bajo el derecho internacional, no se pueden beneficiar de esas medidas mientras que el Estado no haya dispuesto lo necesario, a través de investigaciones independientes e imparciales, sobre las violaciones de los Derechos Humanos y del Derecho internacional humanitario y haya tomado las medidas precisas respecto a los perpetradores, particularmente en el área de la justicia criminal, con exigencia de la responsabilidad, juzgándoles y condenándoles, en su caso. Por lo demás, en tanto que no se han reconocido los crímenes presuntamente cometidos, estos no podrían ser objeto de aminsitía.

A Comisión de Dereitos Humanos da ONU subliñaba en 2009 que o Estado español “debe derrogar a súa lei de amnistía, posto que non está conforme coas leis internacionais de dereitos humanos". Esta recomendación foi elaborada por 18 persoas expertas da organización internacional, e tomaba como base o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, ratificado polo Estado español no ano 1985. En 2010 entraba en vigor a Convención da ONU contra os crimes de guerra e de lesa humanidade, que non prescriben.

franco
franco

Por outra parte, e a través da oficina en Xenebra da Alta Comisionada para os Dereitos Humanos, a ONU emitía unha nota en febreiro de 2012 pedindo ao Estado español a derrogación da Lei de amnistía de 1977 porque incumpre a normativa internacional en materia de dereitos humanos, e afirmaba que o Estado español “está obrigado, baixo a lei internacional, a investigar as graves violacións dos Dereitos Humanos, incluídas as cometidas durante o réxime de Franco, e a procesar e castigar os responsábeis se aínda estiveren vivos”. Lembraba tamén que existe un deber cara ás vítimas, que teñen “dereito de reparación”.

Para Miguel Castex, avogado da Querela Arxentina, a Lei de Amnistía “Non só pode ser derrogada, senón até ser declarada nula como o foron as leis arxentinas de Punto Final e Obediencia Debida. De feito, foi unha das  recomendacións realizadas polo Grupo de Traballo da ONU sobre Desaparicións Forzadas ou Involuntarias (GTDFI), que instou a España a eliminar a Lei de Amnistía, crear no seu Código Penal o delito autónomo de desaparición forzada e ratificar a Convención sobre a imprescriptibilidade dos crimes de guerra e de lesa humanidade, entre outros puntos”.

A posición da ONU e dos organismos internacionais de defensa dos dereitos humanos é moi clara e contraditoria coa posición do goberno español. Así, Pablo Greiff, Relator Especial da ONU, dicía que “archivar la totalidad de los casos presentados ante la justicia española por crímenes cometidos durante la Guerra Civil y el franquismo (…) contradice las obligaciones internacionales en materia de derecho a la justicia”. Por outra parte, a Lei de Amnistía entra en contradicción co Pacto Internacional de Dereitos Civiles e Políticos, subscrito por España e publicado no BOE de 30 de abril de 1977, seis meses antes de que as Cortes aprobasen a Lei de Amnistía en outubro dese mesmo ano.

 

Tamén recomendaba Pablo Greiff  ”privar de efecto las disposiciones de la Ley de Amnistía que obstaculizan todas las investigaciones y el acceso a la justicia sobre violaciones graves de los derechos humanos cometidas durante la Guerra Civil y el franquismo”. Por último, Greiff lembraba aos profesionais da xustiza que “en países que no han derogado leyes de amnistía, algunos tribunales han encontrado interpretaciones (…) que no han impedido la investigación y el procesamiento de presuntos responsables de violaciones a los derechos humanos”.

Para acabar con esta vergoña, as forzas políticas democráticas deberían presentar iniciativas nas distintas institucións (Congreso, Parlamento Galego, concellos etc.) reclamando a derrogación da Lei de Amnistía de 1977 e que os crimes do franquismo sexan xulgados aquí e non a iniciativa da xustiza arxentina. É unha débeda que aínda temos coas vítimas do franquismo.

*Manuel Monge, sociólogo ex–presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

Tags: #franquismo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta