Volve a feira máis antiga de Galiza, volven as San Lucas

“A egua nai montada por un xinete e, detrás os poldros, fillos do vento coas greas o ar", narrara Cunqueiro. Chega o outono e con el as grandes feiras á provincia de Lugo. O San Froilán rematou e agora é a quenda das San Lucas de Mondoñedo, as feiras máis antigas de Galiza que se veñen celebrando de xeito ininterrompido dende 1156. Este é o resumo do programa deste ano e un documental sobre a popular feira.

Por Fran Bouso | Mondoñedo | 13/10/2017 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

Ben seguro que foi nas feiras de Mondoñedo onde «O mito do Mariscal» atopou maior difusión, especialmente nas San Lucas por ser, e aínda o é hoxe o evento que máis xente convoca na comarca chegada desde as latitudes máis diversas. Naqueles anos de finais do século XV e comezos do XVI, cando As San Lucas xa tiñan máis de trescentos anos, polas rúas de Mondoñedo escoitábanse cantar da boca dos cegos as coplas que espallarían «A lenda do Mariscal». Historias que o pobo fixo súas, grazas ao que chegaron con tanto pulo ata os nosos días. Por iso, dende hai uns anos, no Día das Vésperas, pouco antes do pregón que anuncia o arranque das festas, a Asociación As San Lucas fai unha ofrenda floral na tumba de Pedro Pardo de Cela que se atopa no interior da Catedral de Mondoñedo. Quen chega a imaxinar como seríamos hoxe se O Pasatempo se seguira a chamar a Ponte dos Ruzos?.

Feira cabalar de As San Lucas en Mondoñedo
Feira cabalar de As San Lucas en Mondoñedo | Fonte: assanlucas.es

O martes, 17 pola tarde poderemos presenciar un espectáculo singular: a chegada dos cabalos polas rúas ata o recinto feiral. Como dicía Cunqueiro “A egua nai montada por un xinete e, detrás os poldros, fillos do vento coas greas o ar”, que patean as pedras das rúas, algunha seguro que é a mesma que pisaron os primeiros cabalos que pasaron en 1156.

O encargado de pronunciar o pregón das San Lucas este ano é o escritor de múltiples linguaxes e xornalista Miguel Anxo Murado que, aínda sendo natural de Lugo, ten raíces familiares mindonienses por parte do pai. Murado coñece ben as terras da Paula tanto polas súas visitas dende Meira ou Lugo nos tempos da infancia e mocidade coma polas historias que os seus devanceiros lle contaron desde pícaro.

O 18 é do Día Grande, celebrase a feira cabalar que convoca no Campo dos Paxariños a centos de cabezas de gando cabalar que deixan a monotonía do monte para convertérense nos verdadeiros protagonistas das San Lucas.

Música de tódolos estilos, Medina Azahara, Bras Rodrigo, Airbrand, Marcón Peón e unha manchea de orquestras e grupos de música tradicional porán son ás festas que se completan cun ambicioso e ben nutrido programa de actos culturais entre os que destacan a celebración do centenario da Homenaxe a Veiga e da constitución da sección local das Irmandades da Fala que tivo lugar os días 22 e 23 de outubro de 1917. Tamén se fará entrega do premio de creación Mondoñedo10 que este ano escollerá, a criterio do xurado, o mellor poemario publicado en Galiza e en galego nos dez últimos anos. Na edición do ano pasado escolleuse a mellor obra de narrativa, galardón que lle foi outorgado a Os libros arden mal, de Manuel Rivas. 

Encontro de música e baile tradicionais galegos na praza da Catedral durante as San Lucas de Mondoñedo
Encontro de música e baile tradicionais galegos na praza da Catedral durante as San Lucas de Mondoñedo

Tal e como comenta Miguel Souto, presidente da comisión encargada da organización das feiras e festas, neste documental As San Lucas, 860 anos : “probablemente non haxa horas máis antigas en Europa que as que se podan vivir en Mondoñedo durante As San Lucas”:

Os cabalos ao seu paso polo barrios dos Muíños durante As San Lucas de Mondoñedo
Os cabalos ao seu paso polo barrios dos Muíños durante As San Lucas de Mondoñedo
Acto de entrega do Premio Mondoñedo10 2016 Manuel Rivas saúda ao xurado
Acto de entrega do Premio Mondoñedo10 2016 Manuel Rivas saúda ao xurado
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta