Día Mundial da Muller Rural: como é a súa situación?

Maior recoñecemento social, mellora da calidade de vida e dos servizos públicos entre as súas principais problemáticas. O PSdeG reivindica unha “estratexia particular galega”.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 13/10/2017 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Este 15 de outubro celébrase o Día Mundial da Muller Rural, pero, como é a súa situación? A presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais –Fademur-, Rosa Arcos, puxo como exemplo a situación no sector lácteo, onde o aumento do número de mulleres titulares de explotacións, ata supor o 54 por cento, que aparentemente indica unha mellor situación, agocha en realidade que é un fenómeno derivado da crise e que da a medida da “feminización da pobreza” no sector.

Gandeira en plena labor
Gandeira en plena labor | Fonte: Fademur

Por iso, reclamou “outras cousas” ademais do aumento da titularidade, como é o recoñecemento social, a mellora da calidade de vida ou dos servizos públicos. Advertiu que o despoboamento do rural e o relevo xeracional “non se van producir en canto as mulleres non nos quedemos, e non nos quedaremos se non hai calidade de vida”.

Máis medidas

Fíxoo nunha rolda de prensa conxunta coa portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, que reivindicou hoxe “unha estratexia particular galega” a partir dun Plan Estratéxico de Igualdade de Xénero no Medio Rural de Galicia do goberno para “facer ás mulleres rurais máis fortes, máis visibles e máis empoderadas”. 

Pierres anunciou a presentación de ata 24 iniciativas nas últimas dúas semanas dende as portavocías de Igualdade e de Gandaría para evidenciar a falla de execución das medidas do goberno pola igualdade da muller rural previstas no Plan de Igualdade. A responsable socialista alertou así da “falla de acción do goberno galego” para loitar contra a situación das mulleres no rural.

“A pesares de que ninguén pon en dúbida o seu relevante papel no rural, seguen a estar infrarrepresentadas, fóra dos espazos de toma de decisións, son invisibles, teñen máis dificultades para o acceso ao mercado laboral e sofren as consecuencias da fenda salarial”, indicou. Por iso, instou ao goberno galego a fixar un Plan Estratéxico de Igualdade de Xénero no Medio Rural de Galicia e anunciou unha pregunta urxente no Pleno da próxima semana sobre “as dificultades manifestas para dotar ozamentariamente as partidas que teñen que ver coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero”. 

Plan estratéxico

Pola súa banda, o portavoz de Gandaría, José Manuel Pérez Seco, foi o encargado de debullar a proposta socialista para impulsar un Plan Estratéxico de Igualdade de Xénero no Medio Rural de Galicia. O obxectivo é “que contribúa á promoción integral das mulleres do medio rural de Galicia, a súa plena participación social e á igualdade de oportunidades real entre mulleres e homes no marco dun proceso integral de desenvolvemento do medio rural galego”.

Os obxectivos son promover o acceso destas mulleres á formación e ao emprego, dotalas de ferramentas que incrementen a súa visibilidade social, política e económica, facilitar a conciliación persoal e familiar e sensibilizar e educar en igualdade. Ademais, inclúe “outros obxectivos máis pormenorizados, nos que a prevención e a erradicación da violencia de xénero sexa prioritario”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lalogarza133

Felicitaciones a todas las mujeres por ese día especial es importante la labor de las mujeres en la sociedad, ellas ocupan buenos sectores laborales que son muy útiles para la sociedad. Entre ellos empleos de salud http://www.curargotarapidamente.com que son muy importantes.