Primeira xornada de folga en Citroën contra as “abusivas cargas” de traballo

O paro foi secundado "amplamente" entre os empregados que están "obrigados" a traballar un sábado de cada mes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2017 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

Este sábado comezou a primeira das xornadas de folga convocadas polos sindicatos CIG e CUT na factoría de PSA Peugeot Citroën de Vigo, que chamaron a facer paros todos os sábados de outubro e novembro para denunciar as "altas" e "abusivas" cargas de traballo e ritmos de produción na fábrica viguesa.

Planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo
Planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo | Fonte: Europa Press

Segundo fontes do sindicato CUT, a folga foi amplamente secundada polos traballadores de xornada obrigatoria, é dicir, aqueles empregados que deben acudir á fábrica un sábado de cada mes para cumprir coas súas "débedas de horas ou días" ás bolsas de traballo. En caso de non acudir a estas xornadas obrigatorias sen unha xustificación, a empresa abre un informe que podería carrexar unha sanción de suspensión de emprego e soldo.

A folga non conta co apoio dos sindicatos SIT, CC.OO. e UXT, que se desmarcaron desta mobilización ao entender que é "unha medida desproporcionada", posto que a empresa empezou a adoptar medidas para rebaixar as cargas de traballo; e avogaron por dialogar e negociar.

Os sindicatos convocantes —CIG e CUT— xustificaron os paros porque entenden que traballar "seis días de sete" durante todo o ano "acrecenta o absentismo laboral" e está a xerar problemas tanto físicos como psicolóxicos nos empregados da factoría viguesa.

Por iso, tras aclarar que os paros non buscan xerar un clima de "confrontación", a folga ten como obxectivo pór de manifesto que a dirección da empresa debe paliar a "alta carga de traballo" a través de "a vía da contratación".

E é que, como lembran, a factoría de PSA en Vigo pechará este ano cunha produción de "100.000 coches máis" que en 2016, exercicio no que contaban con "267 traballadores máis" que na actualidade, polo que avogan por que a carga de traballo se vaia "redistribuíndo".

As fontes sindicais confirmaron que ao longo desta semana levarán a cabo unha enquisa entre os traballadores para coñecer a súa opinión sobre a situación da fábrica e para indagar "ata onde" están dispostos a chegar nas mobilizacións.

Polo momento, están convocados paros dirixidos aos traballadores obrigatorios os sábados dos meses de outubro e novembro. Ademais, a intención de CIG e CUT é celebrar o vindeiro sábado unha "asemblea aberta" (á que están convidados todos os traballadores independentemente da súa afiliación sindical) para estudar novos pasos nas medidas de presión.

Así mesmo, os sindicatos denunciaron que este sábado a empresa repartiu un comunicado entre os traballadores no que informan que "consideran a folga ilegal" e unha "práctica abusiva", algo que as centrais convocantes ven como unha violación "do dereito a folga" e "a liberdade sindical".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta